#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

Debuts e papeis cambiados para empezar o ano

Última data da primeira volta na Primeira Galicia. Aquí están xa os Máxicos da Xornada 17.

*Friol-Chantada: Un voluntarioso Friol deixou sen o triunfo a un Chantada insistente. Un gol de Manute ao bordo do descanso deulle unha mínima vantaxe aos de Juan Rodríguez ao remate do primeiro tempo. O propio Manute puido sentenciar ao comezo da reanudación. Porén, os de Abad nunca lle perderon a cara ao partido e igualaron nun saque dende o curruncho. Nos últimos minutos, o Chantada achuchou ante un Friol que acabou con dez xogadores por unha lesión cos cinco cambios xa realizados.

*Riotorto-Xove Lago: Derbi pouco vistoso na Veiga, con numerosas baixas. A primeira parte saldouse cunha ocasión clara para cada conxunto. O Riotorto foi de menos a máis e impuxo o seu fútbol directo despois do descanso. Iso sí, non chegou con excesivo perigo ao marco defendido por Trullo. O Xove Lago sufriu ao non ter o balón e perder case todas as disputas e segundas xogadas. Iso sí, blindouse para rascar un empate. Borja debutou nas filas dos de Suso Orxás.

*Lourenzá-Santaballés: Dous agasallos do Lourenzá na primeira metade deixáronlle o triunfo en bandexa ao Santaballés. Palomo e Dani viron porta para un equipo que mantén o seu gran momento. Os de Diego Rego melloraron as súas prestacións na reanudación. A falla de puntería e a solidez chairega propiciaron que o marcador non se movese máis.



*Taboada-Burela: Encontro intenso e físico. O Burela aproveitou a súa boa primeira media hora e labrou a vitoria co solitario gol de Jairo. Co paso dos minutos, o Taboada subiu liñas e xerou perigo a balón parado. Na segunda parte, os de Manu dominaron ante un cadro mariñán que se defendou con uñas e dentes. E ao que se lle fixo o partido longo. Máis aínda se temos en conta que entre as dúas metades, se rozaron os quince minutos de prolongación. Simón entrou de xogador polo seu amigo Jairo.

*Pol-Guntín: O tempraneiro gol do Guntín sacou a mellor versión do Pol. Partido moi serio e completo dos de Fernando Corredoira, que xa conseguiron remontar antes do ecuador da primeira metade. A estratexia e o traballado durante a semana saíron á perfección ante un rival que perdeu enteiros coa lesión de Elías. Totó e Lucas debutaron no conxunto do Manuel Luna.



*Monterroso-Pastoricense: Tres discutidos penaltis marcaron unha primeira metade igualada. Ninguén fallou dende os once metros. Lorenzo adiantou por dúas veces ao Monterroso e Juanma conqueriu gol para o Pastoricense. Na reanudación, mantívose a mesma tónica. As defensas e o rigor táctico seguíronse impoñendo sobre os ataques. Porén un combativo Pastoricense salvou un punto ante os locais, que quedaron con dez xogadores ao ser expulsado o meta Rubén nunha saída fóra da área. Chumi colleu as luvas unha vez máis.

*San Roque-Atlético Escairón: Contundente triunfo do todopoderoso líder en Montirón. Pandiani e Rubén Díaz, dende o punto de penalti, puxeron o 0-2 ao descanso despois dunha primeira metade con moitas ocasións para os do Saviñao. No segundo tempo, os de Montoto baixaron o ritmo ante un San Roque que sufriu a expulsión de Emilio. Pandiani puxo a sentenza definitiva nos últimos compases do choque.

*Chantada Atlético-Folgueiro: Goles, ocasións, emoción e dous equipos en cadro no Sangoñedo. Os balóns directos do Folgueiro meteron en apuros a un Chantada Atlético liderado polos Anxos. A sensación que quedou nas terras do Asma é que se puideron ver aínda máis goles. Entre un visitante que quixo empatar por terceira vez e un cadro local que non matou o encontro ata o desconto. Cora retirouse lesionado e Anxo marcou un doblete para os de Fran García.

*Castro-Outeiro de Rei: O derbi quedou nun Arturo Pereiro en mal estado. O cadro de Vitín superou a un Outeiro con pouca pegada e moi incómodo sobre o terreo de xogo, especialmente na primeira metade. O colexiado anulou un gol ao Castro na primeira metade. De tódolos xeitos, o tanto de Yelko ao comezo da segunda; resultou suficiente.

 

O partido en imaxes: Monterroso-Pastoricense (2-2)

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *