A Segunda Rexional chega ao parón da primeira fin de semana de decembro con 12 xornadas disputadas. Os onces Futbolinlugo veñen marcados desta volta polo troco de líder no grupo sur. Só queda unha xornada antes de rematar o 2019. Será na fin de semana do 14 e 15. Esta finde será o turno para os dezaseisavos da Copa Deputación 2020.
O Sanci continúa no máis alto do grupo sur. E aumenta a súa distancia co terceiro posto. Sepárano 8 puntos de perder os postos de privilexio. Na última xornada derrotou na casa a un Cospeito que estaba á alza. O Alfoz afianzou a segunda posición logo de saír vitorioso do Pichón. O Muimenta fixo unha boa primeira parte. Pero veuse abaixo no segundo período. Na terceira posición sitúase agora o Cabreiros. Non obstante, o cadro xermadino non pasou do empate a dous goles ante o Iberia. No día no que o adestrador do conxunto de Reinante, José Manuel, regresou á que foi recentemente a súa casa tamén como preparador. O Xermade baixou á cuarta praza. Continúa sen encontrarse cando viaxa o Viñas da Veiga. O Mondoñedo continúa no seu bo momento. Chegou a terceira vitoria seguida e xa distancia aos seus rivais do descenso en cinco puntos.
O máis beneficiado do grupo de perseguidores polos postos de ascenso foi o Sporting Pontenova. Foi o único que sumou os tres puntos. Fíxoo nun duelo axustado e de goles. Un encontro de proximidade ante o Meira. No medio dos dous equipos na clasificación atópase o Guitiriz. Esta xornada sumou un punto na súa visita a Barreiros. O cadro celeste mantense na zona media pero acumula seis xornadas sen coñecela vitoria. Quen tamén igualou foi a Candelaria. Un punto ante o Roupar. O cadro da Rúa leva tres xornadas sen perder. Pero xunto co Mondoñedo, na zona baixa o máis favorecido é o Goiriz. Derrotou ao Abadín nun encontro de rivais directos. A primeira parte foi máis igualada. O Goiriz aproveitouse dun erro rival para adiantarse no marcador. Na acción lesiounouse momentaneamente o porteiro Cristian, pero puido continuar. Tentou remediar o resultado o Abadín na segunda, pero non gozou de grandes oportunidades. O equipo do Ventiño aproveitou as súas para sentenciar.
No grupo sur houbo troco de líder. Rompeuse o traxecto igual que levaban o Ferreira e o San Lázaro nas últimas xornadas. Agora o cadro da Ponte é o que está na cabeza. Os pupilos preparados por Diego Rey lograron o quinto triunfo seguido ante o Páramo. Pola súa banda, o equipo de Pantón encaixou a segunda derrota da temporada ante o Oural. Despois dun mal inicio, o conxunto adestrado por Negrete mira cara arriba. Aínda que a igualdade é máxima. Dez puntos separan ao terceiro clasificado do equipo que ocupa a primeira praza de descenso. O Incio é o que subiu precisamente á terceira praza. Derrotou no duelo directo ao Paradela. Un partido moi desputado e aberto. Foi decisivo Manu ao marcar nun remate despois dun saque dende o recanto.
Na zona media salientaron os tres puntos conseguidos polo Río Sil, o Becerreá e o Quiroga. O cadro soberino venceu pola mínima no Sangoñedo ao Chantada B. O filial queda ás beiras do descenso logo de catro derrotas seguidas. Partido serio do Becerreá ante o Santa Comba. Un único gol; o de Vigo de penalti. O Santa Comba tentou e buscou o empate pero non tivo fortuna. Os locais notaron a baixa de Jose Ángel. O gardamallas tivo que retirarse por molestias nas costas ao pouco de comezar o partido. O Quiroga sumou o triunfo ante o Bóveda. E na zona baixa sobresaíron dúas vitorias. Primeiro a do Brollón. O equipo preparado por Chura sacou tres puntos importantes do Chao da Poza ante o Portomarín. Segunda vitoria seguida. Na boa liña tamén está o Corgo. Tres partidos sen perder dende a chegada de Walter. O último ante o Palas. Manu marcou os tres goles dos seus. A nota negativa polo momento é que a pesar da boa xeira o equipo mantense nos postos de descenso.