#Fútbol afeccionado

A Axenda: O partidazo da Madalena abre unha nova xornada ligueira

Ademais do derbi mariñán de Preferente, esta xornada tráenos encontros máis que interesantes, de novo con tódalas categorías en liza despois do parón polo festivo do primeiro de novembro.

Terceira División

– Racing Vilalbés – S.D. Compostela (Sábado ás 16:15 horas na Madalena): o cadro chairego logo de catro xornadas sen coñecela derrota, recibe a un dos grandes do fútbol galego. O Compostela, na pelexa polo ascenso, non pode errar para achegarse ao liderato.

– Polvorín – U.D. Somozas (Domingo ás 18:30 horas na Cheda): a goleada ao Rápido de Bouzas debe servir de alicerce para seguir sumando. O rival chega no seu mellor momento da temporada. Logo dun comezo irregular, o conxunto de Manolo García leva sete xornadas sen perder.



Preferente Norte

– Club Lemos – Atlético Arteixo (Domingo ás 16 horas na Pinguela): os de Edu Rodríguez buscarán transformar en resultados as boas sensacións do último encontro en Boiro para escapar da zona baixa. Enfronte, os de Nando parece que deron coa tecla axeitada e acumulan catro partidos sen perder.



– S.D. Sarriana – Laracha C.F. (Domingo ás 16:30 horas na Ribela): con só un punto acadado dos últimos quince en xogo, o Laracha a priori, sería o rival propicio, pero o seu potencial convida a desconfiar. O cadro local recupera efectivos para tentar achegarse á zona alta.

– S.D. Residencia – Sigüeiro C.F. (Domingo ás 16:15 horas na Cheda): triunfo vital para os de Álvaro Meilán logo de tres derrotas consecutivas. Enfronte outro conxunto recén ascendido, pero que está a facer unha boa temporada.

Primeira Autonómica

– S.D. Santaballés – S.D. Pol (Domingo ás 16:15 horas na Liga): o conxunto de Dani Moirón quere seguir a estela do grupo cabeceiro. Logo de catro xornadas sen perder situáse a catro puntos dos postos de ascenso. Reciben a un Pol que tras gañar en Lourenzá mira ao postos altos.

– S.D. Outeiro de Rei – U.D. Folgueiro (Domingo ás 16:15 horas no Municipal de Outeiro): logo de colleitala primera derrota da temporada, os de Josito Jul buscarán un triunfo que os volte a colocar nos postos de ascenso. O Folgueiro, malia non gañar lonxe de Boa Vista, foi quen de puntuar nun campo tan complicado como é a Marosa.

Segunda Autonómica

– C.D. Alfoz – S.D. Guitiriz (Sábado ás 16:15 horas no Municipal de Alfoz): logo de cinco vitorias consecutivas os de Suso Martínez xa son segundos e reciben no seu feudo a un Guitiriz que non gañou nos dous últimos partidos, pero que conta cunha das plantillas máis fortes do grupo.

– Palas C.D. – S.D. Oural (Sábado ás 16:15 horas nos Chacotes): o cadro local xa mira de reollo os postos de ascenso logo dunha boa xeira de resultados. Enfronte un Oural que malia non gañar lonxe do Luis Pallín mellorou notablemente nas últimas xornadas.

Terceira Autonómica

– S.D. Viveiro – Friol C.F. B (Sábado ás 16:30 horas no Municipal Marcos Gómez): despois de caer na Fonsagrada o filial viveirense recibe a outro dos galos da categoría. Os de Friol, que veñen de dúas derrotas consecutivas, tentarán revertila situación ante un dos equipos con máis calidade.

– S.C.D. Milagrosa – S.D. Castroverde (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): os da capital da provincia, líderes do grupo sur, non queren sopresas e buscarán un triunfo que os consolide na primeira posición. Enfronte un Castroverde que non comezou ben a temporada, pero que foi quen de sumar catro dos últimos seis puntos en xogo.

Primeira División Galega Feminina

– S.D. Antas – Orzán S.D. (Domingo ás 16 horas no Castro Seoane): difícil compromiso para as da Ulloa ante un conxunto que suma catro triunfos de xeito consecutivo. Pero un triunfo das lucenses colocaríaas por enriba das rivais na clasificación.

Segunda División Galega Feminina

– S.D. Chantada – Portazgo S.D. (Domingo ás 18:15 horas no Sangoñedo): logo de acadalos primeiros tres puntos da temporada, as chantadinas buscarán outra vitoria ante un conxunto que non foi quen de inaguralo seu casilleiro.

Liga Feminina Fútbol 7

– S.C.D. Milagrosa – Sporting Cambre B (Sábado ás 16 horas no Luis Gorgoso): o conxunto lucense recibe ao líder da categoría. As coruñesas contan os seus encontros por vitorias, pero un triunfo local igualaría a puntos a ámbolos conxuntos.

A Axenda: O partidazo da Madalena abre unha nova xornada ligueira

Pablo Antas (SD Compostela): «É un ano

A Axenda: O partidazo da Madalena abre unha nova xornada ligueira

Palabra de… Omar: «A maxia desa burbulla

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *