Chegou o inverno e con él un dos encontros máis apaixoantes da Mariña lucense e de toda a provincia. O C.D. Foz e o Ribadeo F.C. enfróntanse, en xornada electoral, o domingo ás 16 horas no Martínez Otero, no que xa volta a ser un clásico da Preferente. Despois dunha prolongada ausencia dos focenses, agora xa por segunda temporada consecutiva,

a afección da costa da nosa provincia xa pode gozar deste gran partido.

É difícil calibrar a traxectoria do Foz esta temporada. Foi capaz de gañar en campos tan complexos como o do Noia ou o do Puebla, ou vencer no Martínez Otero a un Mugardos que chegaba intratable. Pero tamén de deixar voar dous puntos ante o Dubra nun empate a catro tantos, ou de caer no campo do Sofán ou Fisterra sen opor gran resistencia. Capaz de deixar a portería a cero tres encontros consecutivos ou de recibir nove noutros dous. Na procura de acadar a regularidade que lle faga escalar postos na clasificación, os de Jesús Gayol tentarán dobregar a un Ribadeo que chega nun gran momento de forma.

O conxunto adestrado por Rafa Casanova non coñece a derrota desde o pasado 29 de setembro, cando caeu en Barraña ante o Boiro. Nos últimos cinco encontros, un empate e catro vitorias. A última delas ante o Noia, un dos favoritos ao ascenso que non pasa polo seu mellor momento, deixando unha boa imaxe. Os ribadenses son sextos na clasificación a catro puntos da zona de ascenso. Malia non marcarse un obxectivo claro a comezos de temporada, tentarán achegarse aos postos de privilexio. Pero nun derbi non importan as rachas nin as clasificacións. As forzas iguálanse e só vale gañar.

Non serán na partida no Foz, Canario, que cumple ciclo de cartóns, así como os lesionados Jacob, Bruzos e Cayón, mentres que Bouso será dúbida ata última hora. O Ribadeo, malia contar con algún xogador tocado, poderá estar dispoñible a totalidade do cadro de xogadores.

O último enfrontamento no Martínez Otero entre Foz e Ribadeo tivo lugar o 19 de maio deste mesmo ano, na penúltima xornada da pasada temporada. O conxunto local impúxose por un gol a cero. O tanto foi obra do histórico Javi Chinchón.

Falamos do derbi mariñán con dous xogadores que xa vestiron as dúas camisetas: Miguel (Foz) e Brais (Ribadeo).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

 MIGUEL (C.D. FOZ)

Miguel, nun encontro ante o Ordes coa camiseta do Ribadeo

 – Primeira vez ante o Ribadeo. «Xoguei alí catro anos. Teño grandes recordos da miña etapa en Ribadeo.  Será especial porque compartín vestiario coa maioría dos xogadores aos que me enfrontarei o domingo».

– O derbi. «Creo que será un encontro moi disputado, que se decidirá en xogadas puntuais. Na casa estámonos a facer bastante fortes, aínda que eles teñen un gran equipo. Non dudo en que será un gran partido para o espectador. O Ribadeo ten moita veteranía e xogadores con moitísima calidade. Teremos que estar atentos, porque en ataque poden facernos moito dano, xa que Aitor, Criss, Poratti…veñen nunha boa dinámica e iso pode pasarnos factura«.

– Un Foz irregular. «É algo difícil de explicar. Cos equipos da zona alta competimos bastante ben e acadamos bos resultados. Nesta liga ninguén regala nada e sumar cada domingo tres puntos é complicado. Os erros penalízannos moito. Pero cada vez vexo máis forte a este equipo e a longo prazo é algo positivo. Aúpa Foz!«.

BRAIS (RIBADEO F.C.)

 – Recordos. «Para min xogar no Martínez sempre é especial, xa que é onde xoguei toda a vida. Ademáis facelo contra os que fai uns anos foron os meus compañeiros e onde gardo grandes amigos sempre é bonito. Teño moitas ganas deste derbi, xa que o ano pasado perdinmo por lesión».

– O derbi. «Será un partido moi igualado, xa que normalmente os dous equipos encaixamos poucos goles e temos calidade no ataque. Os tres puntos serán para o que menos erros cometa«.

 – O teito do Ribadeo. «Creo que o obxectivo é sacar o máximo número de puntos  e quedar o máis arriba posible na clasificación. Segundo avance a temporada e como nos atopemos máis adiante, teremos que buscar uns obxectivos ou outros».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*