Os onces da 8ª xornada na Segunda
O líder do norte sufriu para sumar outros tres puntos e manterse invicto. O Sanci venceu pola mínima no campo do Abadín. Partido igualado con dominio alterno. No segundo tempo os locais tiveron as súas. Incluso nos intres finais o pau evitou que entrase un remate de Regueira. O Sanci é o único equipo que non perdeu na Segunda Rexional lucense. Ademais Mada é o gardamallas menos batido. Á segunda posición chega o Alfoz. Continúa na boa xeira. Cinco vitorias seguidas. A última ante o Iberia. Pablo Souto abriu e pechou o marcador. Primeiro cunha vaselina. Despois de penalti. Polo medio Martín tamén anotou. Balbón tivo que volver poñerse baixo paus ante a ausencia de porteiros no cadro de Reinante. De feito, o equipo vén de incoporar a Cochi. Un dos grandes partidos da xornada deixa ao Xermade terceiro. O conxunto adestrado por Rebolo venceu na Cea no derbi ante o Cabreiros. E iso que os locais adiantáronse no marcador. Pero o Xermade deulle a volta ao resultado antes do tempo de lecer. No medio dos dous na clasificación queda o Guitiriz. Empatou na casa ante un Roupar necesitado de puntos. O cadro verde segue como pechacancelas da categoría. A dous puntos da zona de salvación.
???? O @IberiaCF incorpora a Cochi, porteiro que a última temporada xogou no @UDXoveLago. Reforza así a maltreita portería dos de San Miguel. #DiarioDunMercado
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) November 6, 2019
Non quere desunirse do tren da cabeza o Meira. Levou os tres puntos da Granda. A Candelaria chegou ao descanso por diante. Trocaron as cousas no segundo tempo. Dous erros aproveitounos o Meira para remontar. A iso engadíuselle a expulsión de Raúl Reigosa. Os locais tentaron ir polo empate pero non o conseguiron. O cadro meirego aproveitou para sentenciar. Tamén venceu a domicilio a Pontenova. Ante un Mondoñedo que esta xornada entrou nos postos de descenso directo. E outro dos grandes partidos da tempada viviuse no Pichón. O Cospeito logrou a revancha no derbi ante o Muimenta. Os celestes eliminaran na Copa ao cadro adestrado por Luis. Desta volta, os tres puntos foron para os vermellos. O encontro comezou igualado. Pero o Cospeito amosou a súa superioridade. Sobre todo na segunda parte. Dos equipos da zona baixa o único que gañou foi o Goiriz. Levou os tres puntos do Cascabeiro pola mínima. Un partido nada vistoso. O cadro vilalbés aproveitou un balón dentro da área despois dun córner para marcar o gol da vitoria.
No grupo sur o Ferreira fíxose co liderado. Aproveitou a derrota do Páramo para colocarse na primeira posición. No seu partido derrotou con facilidade ao Bóveda. Aínda así o San Lázaro mantenlle o ritmo. O cadro adestrado por Diego Rey continúa empatado a puntos co equipo de Pantón. Entra por primeira vez na tempada en postos de ascenso. Venceu ao Santa Comba no derbi do Concello de Lugo deste ano na categoría. Os porteiros foron protagonistas. Pipita impediu que o Santa Comba se achegase no marcador. Rodrigo evitou que a goleada fose maior. Julio deu tres pases de gol e marcou un tanto no cadro da Ponte. O Palas colocouse terceiro coa súa vitoria ante o Paradela. Primeira derrota da tempada para o conxunto adestrado por Rubén Bergantiños. Dende o inicio do curso unha finde empataba e a outra gañaba, pero na oitava xornada quedou sen sumar.
O Incio é cuarto despois de empatar nos Medos ante o Brollón. Igualada a un gol. Duelo de alternativas sen excesivas ocasións pero aberto ata o final. Segunda vitoria seguida do filial do Chantada. A domicilio ante o Corgo. Un único gol. É dun xuvenil que se estreaba. A Pedro igual non se lle esquece o seu partido. O Oural foi o que privou ao Páramo de seguir líder. Terceiro partido sen perder para os pupilos preparados por Negrete. Tamén gañou o Río Sil no encontro de proximidade ante o Quiroga. Triunfo pola mínima para o conxunto soberino. O Becerreá continúa coa súa boa liña fóra da casa. Venceu ao Portomarín no Chao da Poza. Encontro igualado. E marcado pola actuación arbitral que non deixou nada contentos aos locais. Rubén adiantou aos visitantes nun bo gol de cabeza. O Portomarín conseguiu empatar. Sergio Arias puido lograr a remontada. O colexiado anuloulle un gol primeiro; e unha acción na que se quedou só ante o porteiro despois. Nos intres finais asubiou un dubidoso penalti a favor dos visitantes. Vigo non fallou. O Becerreá xa tivera antes algunha opción de marcar. No segundo tempo estreouse o mediocentro Eric.