O noso fútbol tamén é internacional
O Incio CF iniciou a tempada nos postos altos do grupo sur da Segunda Rexional. Esta finde empatou no Carboeiro ante outro equipo da zona alta da clasificación, o San Lázaro. Entre os asistentes non estaba o seu socio máis internacional. O conxunto amarelo tivo que enviar un carné de socio ao outro lado do Atlántico. Por primeira vez mandaron un carné a un ‘exiliado’ en Arxentina. A presumir de Terra Brava.
Ver esta publicación en Instagram
O Celta Barreiros quere himno
O conxunto celeste viviu unha semana positiva mediaticamente falando. Aínda que finalmente isto non se acompañara cun bo resultado no seu encontro ante o Cospeito. O cadro de Barreiros rompeu a súa boa xeira que o mantiña invicto nas sete xornadas que levamos na Segunda Rexional.
Pero na sección de redes triunfan como o que máis. Dende hai un tempo hai un certo idilio entre o Celta Barreiros e a música do grupo Novedades Carminha e de Ortiga. As historias en instagram do club celeste adoitaban ir acompañadas dos seus ritmos. Pero ultimamente a relación máis extensa é con Manuel González. O santiagués foi unha das revelacións musicais deste ano en Galicia. As mencións nas redes sociais e a participación de dous membros do Celta no programa da TVG ‘Ti Verás’ puideron estreitar lazos entre o artista e o equipo. Os de Barreiros queren himno e na súa cabeza xa atoparon quen llelo faga. Seguiremos pendentes de como continúa a historia. As relacións de Manuel «Ortiga» coa provincia non rematan aí. As súas raíces familiares están en Carballedo.
O Mondoñedo estivo de estrea
O inicio de tempada non está sendo o desexado para o Mondoñedo FC. Na última xornada perderon ante o San Ciprián. Non obstante, aínda que é o único equipo do grupo que non conseguiu gañar ningún partido, mantense fóra dos postos de descenso. E onte presumiron de segunda equipación. O deseño das camisolas do Mondoñedo xunto coa publicidade inmersa na camisola sempre foron destacadas. Outra máis para a colección.