Acabáronse os plenos de vitorias na Segunda Rexional lucense. Ningún dos equipos puido chegar a gañar os encontros destas catro primeiras xornadas. Non obstante, o punto conseguido válelle ao San Ciprián para manterse líder en solitario no norte. No sur hai troco na cabeza. Por diferenza de goles o primeiro clasificado agora é o Páramo. Aínda así, o San Ciprián, o Celta Barreiros e o Paradela manteñense invictos.
No grupo norte, os dous primeiros clasificados xogaron entre eles. Seguen sen perder. Porque o Sanci e o Celta Barreiros igualaron a un gol. Encontro igualado sen moitas ocasións de gol. Cando o equipo adestrado por Carra levou a iniciativa, os locais defendéronse ben. Adiantou Borja Mella aos seus de penalti. Na segunda parte Huguito empatou. Segundo gol que encaixa Madariaga na tempada. Mantense como porteiro menos batido neste comezo de campionato. Logo houbo unha boa opción de marcar para cadanseu equipo. Na clasificación o Sanci lidera con dous puntos de diferenza. Na terceira posición aparece o Xermade. Suma dúas vitorias seguidas. Derrotou na súa casa a un Iberia que ocupa un dos postos de descenso directo.
Pero no tren dos sete puntos hai varios equipos. O Meira e o Guitiriz, por exemplo. Que se enfrontaron na pasada finde con vitoria do cadro guitiricense. Duelo de alternativas. Antón foi un dos protagonistas cun dobrete que resultou decisivo. Tamén ten sete puntos o Muimenta. Venceu no Pichón ao Abadín. Dobrete de Jairo Gegunde. A Candelaria, que tamén ten sete puntos, sumou un dos triunfos da xornada. Venceu ao Mondoñedo no regreso de Julio Castro á Rúa. Dobrete de Aron Rega e entrada revulsiva no segundo tempo de Adri. O Cabreiros e o Sporting Pontenova empataron e suman 5 puntos na zona morna da táboa clasificatoria. Tamén ten cinco puntos o Alfoz. Primeiro triunfo do curso. Derrotou na casa ao Cospeito. Todo despois de que os visitantes igualaran o resultado nos intres finais. Pero aínda quedou tempo para o gol de Martín que que significou que os tres puntos quedaran na casa. Tamén foi a primeira vitoria da tempada para o Roupar. Venceu pola mínima ao Goiriz. O gol de Wasi foi determinante.
No grupo sur, hai cambio de líder. O Páramo colocouse no máis alto. Sumou a súa segunda vitoria seguida ao derrotar con claridade ao Bóveda. Dieguito marcou catro goles. Segundo está agora empatado a puntos o Portomarín. Primeira derrota do curso. O San Lázaro levou os tres puntos do Chao da Poza. O que non faltou a súa cita co gol foi Sergio Arias. Cuarto gol no cuarto partido do curso. De feito foi quen abriu o marcador. Os visitantes remontaron na segunda metade. No tren dos 9 puntos tamén está o Ferreira. A súa vitoria ante o Río Sil dálle pulo na clasificación. O equipo que queda invicto no grupo é o Paradela. O conxunto preparado por Rubén Bergantiños venceu na casa ao Chantada B. Volveu ser protagonista Daniel Fuenteseca «Debasa». Hat – trick para deixar as cousas claras xa dende o inicio. Chegáronlle 20 minutos. Suma 8 no que vai de liga. Unha media de dous goles por partido. Na quinta posición sitúase o Becerreá. Segundo triunfo consecutivo. Derrotou nos Medos ao Brollón. Triunfo de equipo. Perdoaron na primeira metade ante un conxunto de grandes individualidades. Os locais conseguiron igualar un 0-2 en contra. Pero aos dous minutos Borja marcou un dos goles da xornada para volverse poñer por diante.
O Palas derrotou nos Chacotes ao Incio. A pesar de xogar cun menos dende a primeira metade. Foi expulsado o porteiro Martín. Tívose que poñer Sanci baixo paus, xa que o porteiro Nico está lesionado. Segunda vitoria da tempada para o Quiroga. Venceu pola mínima ao Corgo. O encontro decidiuse nos intres finais. O gol de cabeza de Iago resultou decisivo. O dianteiro regresou tras tres semanas de lesión. Antes dera varios avisos e finalmente conseguiu marcar para darlle tres puntos aos seus. O Oural sae dos postos de descenso directo. Derrotou ao Santa Comba. Primeiros tres puntos do curso.