*Pol-Monterroso: Duelo equilibrado e de marcado rigor táctico. Un soberbio testarazo de Iván González na última xogada da primeira metade deulle unha mínima vantaxe aos de Fernando Corredoira ao descanso. Na reanudación, Álex González debutou coa elástica do Monterroso e marcou o gol do empate no día do seu cumpreanos. Nos últimos minutos, Diego Fente liderou a ofensiva visitante mentres que o Pol quedou a expensas dalgunha cabalgada de Carlitos. Ou algunha xenialidade do mago Iván González. O marcador non se moveu máis.
*San Roque-Chantada Atlético: Domingo de estreas en Montirón. Da primeira vitoria do San Roque e a primeira derrota do Atlético. Os de Emilio García perdoaron en exceso, en especial na primeira media hora. E cederon ante un efectivo e aguerrido cadro capitalino. Os de Manolo García fixeron moito dano nas súas escasas aproximacións. Antes do descanso, Emilio atopouse co pau. Nos últimos minutos do encontro, David Núñez fixo bo un saque dende o curruncho.
*Atlético Escairón-Xove Lago: O equipo de Bruno Gómez fixo arte da escasez de posesión. Xogou á perfección sen o balón. Tirou de seriedade e efectividade para protagonizar a sorpresa da xornada. Juanjo e Xesús marcaron. Trullo dedicouse a parar todo o que lle chegaba, a excepción dun penalti transformado por Rubén Díaz. Os de Montoto dispuxeron de ocasións suficientes para poder cando menos empatar. Iso sí, o premio foi para a competitividade e garra dos mariñáns. A mala noticia foi a lesión muscular de Charly.
*Pastoricense-Friol: Felipe abriu a lata nunha gran media hora inicial do Friol. O equipo de Fran Veiga deixou atrás a incomodidade inicial e mellorou co paso dos minutos. Ata empatar na reanudación ante un rival que dispuxo de ata cinco xogadores do seu filial. Nos últimos minutos, os de Jon Vázquez desaproveitaron un par de boas oportunidades para levar o triunfo. Casillas mostrouse decisivo para salvar o empate no Acebreiro.


*Chantada-Lourenzá: O equipo laurentino tivo o seu momento nos primeiros vinte minutos. O Chantada igualou forzas cara o final da primeira metade, axudado por un gol de penalti tras unha boa combinación. Diego Arias abriu fenda cun golazo de volea xusto á volta do descanso. Aínda así, os de Juan Rodríguez non foron capaces de matar o encontro. E o Lourenzá recurtou distancias. Por pouco tempo. O terceiro gol local caeu ao pouco de marcar os visitantes. Kadete asinou un doblete.
*Guntín-Castro: Un solitario gol de Elías antes do cuarto de hora de xogo derivou no primeiro triunfo do Guntín nesta temporada. Os de Martín tiveron as mellores ocasións nunha primeira metade igualada, de poder a poder. Despois do descanso, mantívose o equilibrio porén o marcador non se movería máis.

*Folgueiro-Taboada: O balón parado destrozou a un Taboada que está a vivir un inicio de temporada moi complicado. Adiantáronse por dúas veces os da Medela. De feito, tiñan o partido gañado. Porén, o Folgueiro levouse o primeiro triunfo da campaña nun exercicio de fe. Subiu no desconto ata co porteiro en busca do empate, co gardamallas suplente forzando un córner como dianteiro, e conseguiu os tres puntos con dous goles consecutivos. Os branquiazuis seguen sen puntuar.
*Outeiro de Rei-Riotorto: Pleno de puntos para os de Josito Jul, que se toparon cun rival moi duro. O Outeiro remontou o gol inicial de Álex de Ramiro para un Riotorto incómodo e que buscou o fútbol directo. Pereira igualou dende o punto de penalti na primeira metade. Os goles do triunfo chegaron no cuarto de hora final. Nun encontro no que un dos asistentes rematou pitando pola lesión do colexiado Sadoum Bahia.
*Burela-Santaballés: Set en branco dun Burela máis que efectivo. O cadro de Jaime Méndez soltouse despois de marcar moi pronto. E matou o encontro co 4-0 co que se chegou ao descanso. O balón parado tamén axudou aos mariñáns que castigaron en exceso a un Santaballés pouco recoñecible. Borja foi expulsado con cartón vermello directo pola nova norma das entradas ao Tendón de Aquiles.


