Como todos os xoves, hoxe repasamos a actualidade do noso fútbol feminino. E, neste caso, por partida dobre, ao haber competición o 1 de maio, Día do Traballo. O PM Friol CD Lugo, tras rematar a liga na terceira posición, comezou a súa andadura na copa superando con creces ao Atlético Arousana, 5-1.
Na Primeira Galicia, as rapazas da SD Antas e SCD Milagrosa medíronse o domingo nun derbi no que as do Gorgoso anularon en todo momento ás súas rivais, e no que venceron por 3-0. O mércores, a SD Antas caeu ante o Victoria «B» por 0-2, e a SCD Milagrosa caeu 5-2 na casa do Umia. A falta de dúas xornadas, entristécenos dicir que un dos dous equipos lucenses baixará de categoría, sendo moito máis positiva a situación das do Castro Seoane, que dependen de sí mesmas.
Na Segunda Galicia, durante a fin de semana só sumaron puntos o PM Friol CD Lugo «B» (0-3 no derbi ante a SD Chantada) e SG Comercial, que empatou 2-2 na casa do Silva. Un Carballedo mermado polas Baixas deu a cara ante o Imperator, pero non puido impedir o 5-0 final. O mércores non houbo xornada nesta categoría.
Por último, a SD Burela de Fútbol-7 practicamente se despediu do título de liga, ao caer na casa do Victoria «C» por 3-0. A SCD Milagrosa «B», pola súa banda, empatou a un gol co Silva «B».

