O PM Friol CD Lugo tivo o recoñecemento no Anxo Carro
O Friol conseguiu o obxectivo marcado ao inicio de temporada. Ser terceiras e clasificarse, cando menos a nivel deportivo, para ascender á nova 1ªB. Antes do inicio do partido da Segunda División entre o Lugo e o Granada, as xogadoras adestradas por Josito Jul realizaron o saque de honra. Ao día seguinte remataron a liga cun empate ante o Atlántida Matamá no mesmo escenario. O cadro friolés está pendente agora da permanencia do Lugo na Segunda (para seguir contando co seu apoio) e de como queda finalmente estruturada e condicionada á 1ªB. Algo que, en principio, se resolverá o próximo luns na Asemblea da Real Federación Española de Fútbol. Estes días na nosa web estará dispoñible unha galería de fotos do último partido do Friol e a súa celebración, xunto cunha reportaxe do ascenso.
📽️ | Hoxe as nosas guerreiras do @PMFriolCDLugo recibiron unha merecida homenaxe a unha histórica tempada 👏👏👏
Lembrade que mañá despedimos o curso as 12.00 h. no Anxo Carro 🏟️ fronte ao #AtlántidaMatamá. Agardámosvos a todos‼️#AUniónFaiForza #ForzaLugo #FutFem pic.twitter.com/UoV4HFBm5m
— Club Deportivo Lugo 🪓 (@CDeportivoLugo) April 20, 2019
Gañou a solidariedade e o fútbol
Sempre que hai parón da competición, o Carballedo CF inviste o seu tempo. O equipo da Barrela organizou un triangular solidario o pasado domingo. Del formaron parte a SD Chantada e o EFF Rosalía. O triunfo a nivel deportivo foi para o cadro ourensán. Pero o obxectivo non era gañar puntos. O propósito era xuntar cartos a beneficio da Asociación Chantada Contra o Cancro. Máis de 200 persoas fixérono posible. O evento contou tamén con tres mulleres de renome no panorama da televisión galega. A madriña do equipo e actriz, Beatriz Serén, a a veciña de Carballedo e tamén actriz, María Vázquez e a presentadora, Marta Doviro realizaron os saques de honra de cadanseu partido. Ademais, as xogadoras do club local portaron camisolas amosándolle o seu cariño a Moncho. Un traballador do Concello que lles axudou moito no nacemento do equipo e que está convalecente da súa enfermidade.
Ilusión dos máis cativ@s en Cerdeiriños
Xa foi a cuarta edición polo que xa se pode considerar un clásico. A SD Monterroso organizou por cuarto ano consecutivo o Torneo Promesas “José Manuel Alvelo”. Durante catro días participaron equipos das categorías biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. O torneo contou coa presenza de equipos chegados dende diversos puntos da xeografía galega.
O fútbol lucense representado na Batalla de Porteiros do Racing Vilalbés
Por segundo ano seguido o Anexo da Madalena acolleu a cita entre os porteiros. Os partidos repartidos en tres campos e en catro categorías (sub 12, sub 15, sub 18 e sénior) mantiveron entretidos aos que se pasaron polo recinto no Venres Santo. As inscricións superaron os 80 anotados. Ademais dos combates por parellas tamén de dous minutos de duración. O evento contou coa participación de varios porteiros dos equipos do fútbol afeccionado da provincia. Non foi o día dos vixentes campións na categoría sénior. O gardamallas asturiano do Sporting Pontenova, Carlos Carrera quedou eliminado moi cedo. Igual ca a parella vencedora da edición pasada, o porteiro do Cazás, Fernando Lamas, e o seu irmán, Alberto Lamas “Make” (xogador do Racing Vilalbés). Desta volta, un dos grandes triunfadores foi o ex xogador, entre outros, do Santaballés Dani González. Venceu nas batallas individuais e quedou subcampión por parellas xunto co meta do Santaballés, Ivo. No duelo de dúos saíu vencedor o formado por Diego Villares e David Vérez. Á organización volveulle quedar a espiña cravada de non poder formar a categoría feminina por non ter o suficiente número de inscritas. O noso redactor, Iván Calaza exerceu de speaker do evento.