Remata o terceiro mes do ano e con el tamén a fase regular da Terceira Galicia. Esta competición deixounos o ascenso do Castroverde e tamén do Portomarín na última xornada que ten protagonismo hoxe nas nosas notas. Monterroso B – Quiroga e Incio – Río Sil son as eliminatorias a dobre partido do play-off de ascenso. E coas dúas categorías de Terceira rematadas, agora quédanos o desenlace dos dous grupos da Segunda.
O ás: Iago do Folgueiro
O xogador do Folgueiro, Iago García empatou o partido para o seu equipo no minuto 93 rematando á escadra da portería do Pol. O Folgueiro perdía 0-2 ó descanso e ata o minuto 78 non recurtou diferenzas. Dous minutos máis tarde o Pol anotaba o terceiro a pesar de estar case toda a segunda parte xogando cun menos. No 85 anotaba o segundo o conxunto da Mariña e no final do partido chegaba o protagonismo para Iago García.
A figura: Óscar López do Portomarín


Foi un dos habituais ao longo da temporada porque é un dos xogadores que marca a diferenza da categoría. E no último partido onde o seu equipo se xogaba o ascenso, non podía faltar á súa cita. O Portomarín venceu por 6-3 ó Pradeda nun partido que se complicou máis do esperado. O pichichi da categoría anotou un novo hat-trick para contribuir no triunfo do seu equipo e rematar a temporada con 33 goles.
Nin pé con bóla: FC Becerreá
Rematou a competición regular na Terceira Galicia grupo sur e se houbo un equipo ao que non lle saíron nada ben as cousas ao longo da temporada foi o FC Becerreá. Rematou último clasificado con 8 puntos, tan só obtivo dúas vitorias e dous empates. No último partido de liga perdeu 1-6 co Paradela.

Demasiado intenso: Candelaria e Xermade
Joao Gomes da Candelaria foi sancionado con catro partidos por agredir a un rival sen causar lesión. A mesma sanción lle caeu a Borja Guerreiro do Xermade polo mesmo motivo. Ambolos dous foran expulsados xa nos seus respectivos partidos con cartón vermello.