
Fai tan só uns meses, Foz e Sarriana rivalizaban por ser os equipos que ocuparan os postos de ascenso a Preferente nunha Primeira Autonómica das máis competidas dos últimos anos. Ámbolos dous acadaron o seu obxectivo, e este domingo ás 16:15 horas no Martínez Otero voltarán a verse as caras, desta vez con aspiracións contrapostas. Os mariñáns pelexando por saír dos postos de perigo logo dun titubeante comezo, mentras que os sarriaos ven a tan só dous puntos os postos de ascenso directo.
O C.D. Foz pódese decir que está adaptado á categoría. Varios anos sen disfrutar da Preferente, e cun plantel maiormente conformado por xogadores focenses, sufriron nos primeiros encontros de liga o lóxico proceso de aprendizaxe. Os resultados tardaron en chegar, pero ninguén se puxo nervioso no Martínez Otero. A partir de mediados do mes de novembro, as boas sensacións transformáronse en puntos. Nestes dous últimos meses tan só o Noia foi quen de derrotar aos de Gayol, que curtido en mil batallas, imprime o seu carácter nun plantel que mezcla veteranía e xuventude.

Nos dous últimos encontros, o C.D. Foz derrotou con solvencia ao Puebla e impúxose a domicilio ao Dubra, conxunto que tamén está inmerso na batalla pola permanencia. Cos postos de descenso directo moi lonxe, o gran obxectivo dos mariñáns é evitar caer nos temidos arrastres.
Pola súa banda, a S.D. Sarriana viviu un proceso ben distinto ao do seu rival deste domingo, unha vez acadado o ascenso de categoría. O técnico da pasada campaña, Julio Corral, non continuou e foi sustituído por Alberto López, que ao igual que o seu homólogo focense, xa conta con gran experiencia nos banquiños de toda a provincia. Consigo levou á Ribela un bo número de fichaxes, que deron un salto de calidade para que o equipo esté a día de hoxe na quinta posición da táboa, empatado a puntos co Viveiro e moi preto do segundo clasificado. As once xornadas sen perder do comezo do campionato contrastan coas catro derrotas consecutivas dun aciago mes de decembro.


De tódolos xeitos, a Sarriana repúxose na pasada xornada, vencendo con solvencia ao Ordes por catro tantos a un, con gran protagonismo de Diego Arias, a última incorporación do equipo, dianteiro de gran experiencia que chega de capitanear ao Lemos.

O último enfrontamento entre o Foz e a Sarriana en Preferente no Martínez Otero data o 23 de abril do 2006 e rematou con triunfo mariñán por un tanto a cero. Ese ano a Sarriana rematou descendendo, mentras que o Foz salvou a categoría nas derradeiras xornadas.
Falamos con Dani Chao (C.D. Foz) e Diego Núñez (S.D. Sarriana), dous dos mediocampistas máis en forma da categoría.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
DANI CHAO (C.D. FOZ)
– Adaptación do equipo. «Costounos comezar e adaptarnos a unha nova categoría con moito máis ritmo e onde tódolos partidos son disputadísimos. Quizais pecamos algo de novatos ao comezo, con moitos erros defensivos que nos penalizaron bastante».
– O debut na Preferente. «Costoume adaptarme, sobre todo físicamente, pero agora atópome cómodo no campo, con confianza, e sobre todo cando ves que o equipo funciona, e iso axúdache a mellorar».
– A Sarriana. «Un derbi é un derbi e pode pasar calquer cousa. Afrontámolo con moitas gañas de sacalos tres puntos e así poder seguir subindo postos na clasificación. Do rival destacaría a súa capacidade defensiva e a súa rapidez. A fichaxe de Diego Arias daralles un plus de calidade».
– A permanencia. «Confío en acadala, tanto eu como a directiva, o míster, e o gran grupo de xogadores que temos. Somos unha piña e remamos todos na mesma dirección, polo que creo que imos salvarnos. Non será fácil, xa que creo que baixarán cinco ou seis por mor dos arrastres de Segunda B e Terceira, aínda que agardo que haxa os menos posibles. Sobre todo agardo que se salve o Racing Vilalbés«.
DIEGO NÚÑEZ (S.D. SARRIANA)
– Obxectivo do equipo. «Cando comezou a temporada, o obxectivo era mantela categoría, que agora con tan só vinteunha xornadas xogadas xa está moi preto. Agora o máis inmediato é gañarlle ao Foz, e ir partido a partido para quedar o máis arriba posible, sen renunciar a nada nin temer a ninguén. Demostramos que lle podemos competir a calquera».
– O Foz. «Vai ser un encontro moi complicado. Eles están xogándose o descenso e como non teñamos ao cento por cento levaremos máis dun susto. Aínda que estén na zona baixa contan con grandes xogadores como David Rodríguez, Ibán Gayol, Javi Chinchón, Canario. . . Temos un gran respeto hacia eles».
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Polvorín – S.D. Compostela (Domingo ás 12:15 horas na Cheda): os de José Durán, logo de empatar no campo do Paiosaco, reciben a un rival ferido. Os santiagueses chegan a este encontro tras sufrir dúas derrotas consecutivas e fóra dos postos de playoff. Importante sumar para o filial lucense para seguir fóra do descenso directo.
Primeira Autonómica
– U.D. Xove Lago – Club Lemos (Domingo ás 16:30 horas no Municipal de Xove): os mariñáns suman cinco xornadas sen perder e atópanse no mellor momento da temporada. Reciben ao líder sólido, un Lemos que ven de golear ao Sporting Pontenova na Pinguela.

– S.D. Chantada – Chantada Atlético (Domingo ás 16:30 horas no Sangoñedo): derbi chantadino, a priori desigual, polo momento de forma dos dous equipos. Os locales, pelexando por entrar nos postos de ascenso, mentras que os visitantes son penúltimos e non coñecen a vitoria desde o 11 de novembro.
– S.D. Santaballés – C.F. Riotorto (Domingo ás 16 horas na Liga): os de Dani Moirón volven a estar a tiro de pedra dos postos de ascenso. Reciben no seu feudo a un Riotorto que non gañou nas catro últimas xornadas.

Segunda Autonómica
– S.C.D. Roupar – E.D. Lourenzá (Sábado ás 16 horas no Novo): cuarto e quinto clasificado, empatados a puntos. Os xermadinos son a revelación da categoría, mentras que o Lourenzá continúa na súa remontada particular e xa é un firme candidato ao ascenso.
– A.D. Bóveda – Ferreira C.F. (Domingo ás 16 horas no Hermanos Somoza): os locales situáronse en postos de ascenso logo de golear ao filial do Chantada, aproveitando a derrota do seu rival do domingo. Os de Pantón, tras sumar tres triunfos consecutivos, caeron derrotados no campo do Oural.
Terceira Autonómica
– A.D. Matela – C.D. Alfoz (Sábado ás 16 horas en San Lourenzo de Aguiar): o conxunto visitante, probablemente o conxunto máis en forma da categoría visita o complicado campo do Matela. Ámbolos conxuntos tentarán reducila diferencia co líder.
– S.D. Paradela – C.D. Sober (Sábado ás 16 horas no Gandarón): os locales buscarán manter o liderato nun grupo Sur, no que o Sober só gañou un dos cinco últimos encontros, pero mantén posto de promoción.
Primeira División Galega
– S.D. Antas – C.P. Alertanavia (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): rival da zona alta para as rapazas de Melendo, malia que nas últimas xornadas non están a ser regulares. As da Ulloa tentarán dar a sorpresa.
Segunda División Galega
– S.G. Comercial – Torre S.D. (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): as lucenses reciben ao pechacancelas da categoría, que tan só logrou un punto no que vai de campionato. Boa ocasión para lograr tres puntos que as acheguen á zona media.