#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

Trío de Ases Terceira (Xornada 17) e Preferente (Xornada 19)

Non foi unha boa xornada para os equipos lucenses. Tan só dous triunfos, os do Racing  Vilalbés na Lomba ante o Arousa, e o do Viveiro, que segue imparable, ante o Arteixo. Non puido sacar nada positivo o Polvorín no campo do Alondras, nen o resto de conxuntos da Preferente, que pecharon hoxe a primeira volta.

O Polvorín caeu derrotado (1-0)  na súa visita a Cangas do Morrazo para medirse ao Alondras, un candidato a meterse na liguiña de ascenso. Os de José Durán voltan a postos de descenso, igualados co Racing Vilalbés. Antes dos dez minutos de xogo chegou o único tanto do partido. Un erro na saída de balón do filial lucense foi aproveitado por Mauro, que batiu a Cacharrón. As ocasións máis claras para o Polvorín chegaron por medio de Álex Rey en dous lanzamentos de falta, e nun remate de Luís Díaz á saída dun córner. O Alondras soubo controlar o encontro e non deu demasiadas opcións aos lucenses. Iván Pérez foi titular nos locales, xogador que formou parte do C.D. Lugo en Segunda División.

Importantísimo triunfo do Racing Vilalbés no campo do Arousa por un tanto a dous. Segundo triunfo a domicilio na temporada para os de Simón Lamas, e primeiro desde que o chairego se fixo cargo do equipo. Tres puntos que lle serven ao Racing para saír dos postos de descenso. O Arousa estrelou tres balóns nos paos da meta de Javi Pita e os vilalbeses tamén rondaron o gol con ocasións de Álex Pérez e Ballesteros. Pero non foi ata o minuto 37 cando chegou o tanto de Jose Varela, logo dunha boa parede con Edrosa. Na segunda metade, nunha contra, Álex Pérez fixo o segundo. A dez minutos do final, Javi Varela cometeu penalti e viu o segundo cartón amarelo. Os de Rafa Sáez recurtaron diferencias desde os once metros, pero non foron quen de igualalo marcador.



Suma e segue o Viveiro. Sexto triunfo consecutivo dos de Chusky ante o Arteixo (3-1). Non lles afectou aos viveirenses moverse ao Municipal Marcos Gómez para disputalo encontro por mor das obras en Cantarrana. Primeira metade de clara superioridade local. Na primeira aproximación, Marino non perdonou fixo o primeiro. Á media hora, Arturo ampliou diferencias e antes do descanso, nunha boa xogada combinativa Tichu sentenciou o partido. Na segunda metade o Arteixo deu un paso cara adiante, e recurtou diferencias por medio de Chechu, pero foi o Viveiro quen tivo as ocasións máis claras para facelo cuarto.

A Sarriana non puido co líder e caeu no Poboado por dous tantos a un ante o As Pontes, nun campo onde ninguén foi quen de puntuar ata o de agora.Cuarta derrota consecutiva dos de Alberto López, que son superados polo Arzúa na clasificación. Aos 12 minutos de xogo, tras un erro en mediocampo, Rubén Pardo define no un contra un diante de Javi López. Desde ese momento, a Sarriana mellorou e creou ocasións de gol. As máis claras chegaron por medio de Quiroga, Mauro e Rubén Díaz, así como un testarazo de Joao, que puideron darlle a volta ao marcador. Non estiveron acertados, e na reanudación Fidi fixo o segundo. Bossa e Rubén Pardo tiveron a súa opción para os locales. Rubén Díaz, moi preto do final recurtou diferencias e o final do partido resultou vibrante, pero os sarriaos non lograron o empate.

O Ribadeo continúa coa súa costa abaixo. Derrota no García Calvo de Negreira por dous tantos a cero, no que é o sexto encontro consecutivo sen gañar e o terceiro sen marcar. Os de Rafa Casanova apenas inquedaron a meta dun Negreira que logrou adiantarse no minuto 54 por medio de Rial tras aproveitar unha contra. Sen novas en ataque dos mariñáns, a sentencia chegou no desconto. De novo Rial foi o autor do tanto aproveitando un erro de Hugo.



Preto estivo o Foz de sacar algo positivo no Martínez Otero ante o Noia, pero os de Gayol caeron derrotados por dous goles a tres. Nun partido, no que os focenses partían con baixas importantes, trataron de ti a un dos galos da categoría. Nada máis comezalo encontro Bendaña adiantou aos visitantes, pero David Rodríguez a pase de Dani Chao igualou a contenda antes dos vinte minutos de xogo. O propio David, así como Gonzalo tiveron claras ocasións de darlle a volta ao marcador, pero o gol non chegou ata mediada a segunda metade, obra de Cristian. Un minuto fatídico condenou aos mariñáns. Primeiro foi Quintairos e na seguinte xogada Stefan. O disparo do dianteiro do Noia rozou nun defensa e despistou a Bruzos.

Derrota do Castro (3-0) no Hospitalillo ante un rival directo como o Agolada. Primeira metade sen un dominador claro, con moita igualdade, pero coas ocasións máis claras para o cadro local. Moi preto do intermedio, o dianteiro Álex Sánchez revolveuse na área para facer o primeiro. A saída dos vestiarios dos chairegos foi a peor posible. No primeiro minuto da segunda metade, o saque do porteiro do Agolada superou a toda a defensa e o ex do Outeiro de Rei, David Pereiro ampliou as diferencias. Tan só tres minutos despois, Joel enviou un balón solto á escadra sentenciando aos de Brais Prados.

Trío de Ases Terceira (Xornada 17) e Preferente (Xornada 19)

Palabra de… Madariaga: «Amiga portería»

Trío de Ases Terceira (Xornada 17) e Preferente (Xornada 19)

As nosas redes falan

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *