Esta xornada déixanos triunfos importantes e derrotas dolorosas. O Racing Vilalbés acadou un triunfo importante ante un rival directo, a Sarriana logrou os tres puntos en Arteixo, o Viveiro dobregou ao Puebla en Cantarrana e o Foz reecontrouse coa victoria no Martínez Otero. Na parte negativa, o Ribadeo saiu goleado no campo do líder e o Castro non foi quen se sumar en San Tirso nun encontro igualado. O único empate foi o do Polvorín ante o Ourense C.F.
O filial do C.D. Lugo acadou un punto no mítico campo do Couto (1-1). Resultado xusto logo do visto no terreo de xogo, nun partido moi disputado. O Ourense C.F. tivo maior presenza no campo rival e no minuto 39 adiantouse cun gol de Bruno Pascua. Pero a reacción lucense non se fixo agardar e antes do descanso logrou o empate nun saque de esquina que cabeceou á rede Luis Díaz. Na segunda metade o Polvorín tivo a ocasión máis clara para levarse os tres puntos, pero Antón Escobar errou desde o punto de penalti.
Segundo triunfo do Racing Vilalbés na Madalena, os dous con Simón Lamas no banco. Os chairegos venceron ao Silva, rival directo pola permanencia, por dous tantos a cero, pero seguen en postos de descenso. Dominio local con varias oportunidades de gol, pero xusto antes do descanso os coruñeses rozaron o tanto cun lanzamento ao longueiro, tras interpretalo colexiado cesión de López a Javi Pita. Houbo que agardar ata o último cuarto de hora para que se movera o marcador. No minuto 78 Javi Ballesteros rematou a gol un centro de Jose Varela, acadando o cuarto tanto no que vai de liga. Xa no desconto, Álex Pérez en acción individual sentenciou o encontro. A nota negativa foi a lesión de Xusto, que cunha luxación de ombreiro tivo que retirase á media hora de xogo. No Silva, o vilalbés Michi Leal xogou os noventa minutos.


A Sarriana suma e segue. Importante triunfo na Ponte dos Brozos (0-1) ante o Arteixo e xa distancia ao terceiro clasificado en oito puntos. Encontro moi serio dos de Alberto López que se decantou cun solitario gol de Mauro no minuto 62 que rematou un bo centro de Manu. O cadro local xogou en inferioridade toda a segunda metade, pero aínda así foi quen de crear accións de perigo, pero a solidez defensiva dos sarriaos impúxose.
O Viveiro asoma a cabeza polos postos de privilexio. Impúxose por dous tantos a un ao Puebla. Pouco despois do primeiro cuarto de hora de xogo, Rolle cun preciso zurdazo adiantou aos de Chusky, e dez minutos despois, Marino de tiro cruzado puxo terra de por medio facendo o segundo. Os mariñáns tiveron o partido controlado ata que a poucos minutos do final os do Barbanza recurtaron diferencias. As vellas pantasmas asomaron por Cantarrana, pero os tres puntos quedaron na casa.

Dura derrota a sufrida polo Ribadeo no Poboado, sendo goleado por catro tantos a cero polo As Pontes, líder da Preferente. O encontro non tivo historia. Antes do minuto dez, o conxunto local xa tiña dous goles de ventaxa, os anotados por Pablo Ramos e Rubén Pardo. Antes da media hora, o viveirense Fidi anotou o terceiro. O cuarto tanto chegou a dez minutos do final, obra de Quique. Segunda derrota consecutiva dos de Rafa Casanova que se ven desprazados dos postos altos da clasificación.
Triunfo balsámico do Foz no Martínez Otero ante o Boimorto (2-1). Sete encontros despois, os mariñáns voltaron a sumar os tres puntos, claves na súa pelexa por saír dos postos de perigo. Xusto antes do tempo de lecer, a última incorporación, Jesús Pablo adiantou aos focenses. Aínda non se cumpriran dez minutos da reanudación, os visitantes que están a realizar unha gran temporada acadaron o empate, pero tan só cinco minutos máis tarde Dani Chao acadou o gol do triunfo para os de Gayol.
A sorte non lle sorrí ao Castro. Nun bo encontro dos de Brais Prados voltaron a caer derrotados por un tanto a cero no campo do San Tirso. Os chairegos tiveron ocasións para levarse o encontro, as máis claras de Buide e Raúl, pero non foron quen de materializalas. Os locales acadaron o gol a vinte minutos do final.