A décima xornada de competición na Segunda Rexional non foi excesivamente boa para os equipos da parte alta. Dos oito primeiro clasificados de cada grupo, só dous conxuntos de cada un conseguiron os tres puntos. Si foi proveitosa para o San Roque que, coa súa vitoria e a derrota do Guntín, colócase líder por primeira vez no curso no grupo sur. No norte, un dos grandes beneficiados é o Roupar que roza os postos de ascenso directo; mentres continúa a escalada do Lourenzá nunha semana de derbi. Ademais, o Corgo troca de inquilino no seu banco pola dimisión de Hugo Vázquez.
No grupo norte, o Folgueiro mantense na cabeza a pesar de colleitar o seu primeiro empate da temporada na súa visita ao Municipal de Abadín. Nun partido influenciado polo vento, o gardamallas Iago salvou aos seus na primeira metade de que a diferenza fose maior e na segunda parte os locais conseguiron empatar. Non puido aproveitar a oportunidade de volver ao primeiro posto o Guitiriz que tamén igualou ante un Cabreiros que saíu apretando arriba, empatou cando menos o mereceu e o cadro adestrado por Delfín Romero puido levarse os tres puntos ao final pero atopouse coas boas intervencións do porteiro Manu. Quen si se beneficiou foi o Roupar, que sumou o seu cuarto triunfo consecutivo na casa do Iberia para situarse terceiro (empatado co segundo e a dous puntos do líder). Nun dos duelos directos da xornada, o Xermade perdeu ante un Lourenzá que continúa na boa liña. Ao cadro xermadino non lle chegou co golazo de Diego Pellón para empatar o partido. Os pupilos adestrados por Diego Rego volveronse poñer por diante no segundo tempo e terminaron levando os tres puntos. Agora xa pensan no derbi da horta do domingo que vén.
Pola súa banda, o Goiriz continúa sumando puntos no seu feudo para manterse na zona tranquila; desta volta empatou ante o Cervo, no que foi o primeiro punto conseguido dende a chegada do adestrador Jesús (o equipo suma tres puntos e polo momento non coñece a vitoria). Tamén sumou a Candelaria un punto ante o outro equipo que ocupa postos de descenso, un Cospeito que tivo que botar man do centrocampista Congui para poñerse baixo paus ante a ausencia dos porteiros. Na xornada na que reinou o empate tampouco foron menos dous equipos veciños, o Mondoñedo e o Valadouro igualaron a un gol nun choque no que os locais comezaron dominando e puideron tomar vantaxe. Despois do tempo de lecer os visitantes fixéronse co control e puxéronse por diante. Os xogadores dirixidos por Israel empataron e os adestrados por Julio Castro puideron vencer ao final. Na zona baixa destacou unha nova vitoria do Meira (a terceira nos catro últimos partidos) que venceu con claridade no marcador a un rival directo como a Comercial, que encaixou a súa cuarta derrota seguida. Xusta asumiu tamén funcións de porteiro sen encaixar ningún gol.
📝 Despois do partido da pasada fin de semana, Hugo Vázquez Ascariz dimitiu como adestrador do #Corgo (seguirá nas categorías inferiores)
![]()
📝 Vivian Dors faise cargo do equipo. O adestrador compaxinará as funcións coas de preparar a #ComercialFem#DiarioDunMercado
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) November 14, 2018
No grupo sur, o San Roque é o novo líder logo de vencer ao Chantada B nun duelo de alternativas. Adiantouse o cadro local, pero o San Roque deulle a volta antes do descanso. O filial chantadino empataría na segunda metade, aínda que nunha falta directa os visitantes puxeron o definitivo. Nos últimos intres, Efrén puido volver empatar, pero o seu disparo petou no pau. O cadro capitalino aproveitouse da derrota dun Guntín que une tres partidos sen gañar, desta volta perdeu na casa ante o Incio. Preto dos postos de ascenso directo están tres equipos coa mesma puntuación. Terceiro é o Palas que igualou precisamente ante o quinto, o Bóveda nun dos partidos da xornada. No medio deles, no cuarto posto sitúase un Ferreira que venceu a un Portomarín á baixa nas últimas xornadas.
A xornada tamén finalizou coa dimisión dun técnico. Hugo Vázquez Ascariz non continúa como adestrador do Corgo sénior, aínda que si o fará nas categorías inferiores do club. Hugo fora, xunto con Marcos Gutiérrez «Guty», un dos artífices do ascenso do curso anterior. O equipo mantense na zona nobre da táboa, despois de empatar ante o Oural. Vivian Dors colle o equipo, cargo que compaxinará co de tamén adestrador do equipo feminino da Comercial que compite na Segunda Galega. Pola súa banda, o Brollón conseguiu unha vitoria a domicilio ante o San Lázaro. Cos mesmos puntos ca o Brollón, están o Oural, o Incio e un Santa Comba que venceu pola mínima ao filial do Monterroso. Na zona baixa, tamén sobresae o triunfo do Sporting Lucense ante unha SD Becerreá que substitúe ao seu rival nesta xornada nun dos postos de descenso.