Chega o derbi máis agardado na Mariña. Viveiro e Ribadeo, dúas das vilas máis emblemáticas da comarca. Capitais da Mariña Occidental e Oriental respectivamente sepáranas máis dos sesenta kilómetros que indica o mapa. Unha estrada do século pasado e unha vía de ferrocarril practicamente abandonada fan que os dous pobos parezan máis afastados do que realmente están. Para reivindicar uns medios de transporte dignos, a directiva do Ribadeo F.C., por segundo ano, anima aos seus seguidores a desprazarse no FEVE, baixo o lema «Ao noso derbi no noso tren«. Unha gran iniciativa que agardemos teña unha resposta e esta gran ferramenta como é o tren que une a Mariña Lucense poda ser usado por tódolos veciños da comarca.
Xa no estrictamente deportivo, atopámonos ante un dos derbis máis apaixoantes dos últimos anos. Viveiro C.F. e Ribadeo F.C. son equipos diferentes, no seu conxunto e na súa forma de xogar, pero logo de doce xornadas de competición atópanse igualados a vintetrés puntos, na cuarta e quinta posición. Malia estar a realizar unha gran temporada, os postos de ascenso escápanlles a oito puntos, polo que o equipo que salla derrotado verase afastado dos postos de privilexio.
O conxunto local chega a este encontro no seu mellor momento da presente temporada. Logo dun comezo no que os resultados non os acompañaron con tres derrotas consecutivas, xa son nove os encontros nos que os de Chusky non coñecen a derrota. Os dous últimos, en Cantarrana ante o Xallas, e no Arturo Pereiro ante o Castro deixaron inmellorables sensacións no equipo viveirense. Once goles a favor que amosan ben ás claras o seu potencial ofensivo. A pesares de que a faceta defensiva podería considerarse o seu punto fraco, no último tramo de competición, a melloría tamén foi palpable. A aparición de Uriol, para formar con Roi unha das parellas máis xoves, e xa consolidadas da Preferente aportoulle seguridade e sobriedade á zaga do Viveiro.



O Ribadeo, neste primeiro tercio de liga, soamente ten que lamentar unha derrota, a sufrida na Ribela ante o segundo clasificado, a Sarriana. Pero catro empates consecutivos prívanlles aos de Rafa Casanova estar máis preto da zona cabeceira. Nesta primeira campaña do técnico de Friol á fronte do cadro ribadense, a solidez e a seguridade defensiva son os seus mellores avais, sen desprecialo gusto por ter o balón. Na derradeira xornada, no Pepe Barrera ante o Estudiantil, non foi o mellor encontro dos ribadenses, gañando ao feble Estudiantil, colista da categoría pola mínima.
No Viveiro causarán baixa por lesión Dani Carnota, Juanín e Poceiro, mentras que no Ribadeo non será da partida Juanma.
Fai xusto un ano do último enfrontamento dos dous conxuntos en Cantarrana. Foi o 5 de novembro do 2017 con triunfo do Ribadeo por 2-3. Anotaron polo Viveiro o dianteiro Arturo e Julio Camba, hoxe nas filas do Racing Vilalbés. Polo Ribadeo os goles foron de Rafa Casanova e Poratti en dúas ocasións.

Falamos con dous xogadores que vestiron as dúas camisetas: Tichu e Pablo Rivas.
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS
Tichu (Viveiro C.F.)

O mellor momento do Viveiro. «Seguimos traballando da mesma maneira desde o primeiro día. Ningún partido dos que levamos ata o de agora o merecemos perder«.
A clave dos bos resultados. «Co paso das xornadas comezamos a encaixar moi poucos goles e de ahí a melloría na clasificación, porque en ataque temos moito potencial, de feito somos o segundo equipo máis goleador. Somos unha plantilla moi xove e ao ir encadeando bos resultados a xente liberouse do nerviosismo do comezo de temporada e da a súa mellor versión«.
O derbi. «Estou desexando que chegue o partido. O Ribadeo son un grupo de xente espectacular, estiven alí un ano pero tratáronme como se levase toda a vida alí, así que vou disfrutar moito enfrontándome a eles, xa que sempre me gusta xogar contra os amigos. Xa tiñamos rivalidade nos partidos dos adestramentos, así que, imaxínate agora sendo rivais . . . (risas)»
O Ribadeo. «É un moi bo bloque, quizais opostos a nós, porque non marcan tanto pero encaixan pouco. A pesar de ter baixas están empatados con nós o que indica a solidez que amosan como conxunto. Ten a un xogador como Mauro Poratti que é doutra categoría que como o deixes pensar un segundo líacha. Ademáis contan con xente rápida para saír ás contras como Luki e Aitor, que haberá que vixialos de cerca e xogadores con calidade como Santi ou Javichu e arriba un dos mellores dianteiros da categoría como Criss. Creo que será un dos derbis máis atractivos dos últimos anos«.
A Porra. «Todo o que sexa que queden os tres puntos en Cantarrana benvido sexa, pero mollareime e direi un 3-1 para nós«.
Pablo Rivas (Ribadeo F.C.)

O derbi. «Sempre é un encontro bonito de xogar, onde todos nos coñecemos moito e ademáis adoita ir moita xente ao campo. Afrontámolo con moitas ganas, sendo conscientes de que ao final son tres puntos máis os que se poñen en xogo».
O perigo da derrota. «O noso obxectivo é tratar de facer o que esté na nosa man para competir cada domingo, e a partir diso xa nos porá a clasificación onde nos merezamos. Penso que por agora ten bastante mérito o que estamos a facer».
O Viveiro. «Paréceme un moi bo equipo. Está moi ben dirixido e conta cunha boa mezcla de experiencia e rapaces novos que están rendindo moi ben. Son un bo bloque, que ademáis veñen nunha gran dinámica e contan con individualidades importantes.»
A Porra. «Non son de facer pronósticos. Agardaremos ao domingo, a ver que nos depara o derbi«.
ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .
Terceira División
– Racing Vilalbés – Céltiga C.F. (Domingo ás 16:15 horas na Madalena): Simón Lamas fará o seu debut no banco do Racing no campo da Madalena. Urxe unha victoria para saír do último posto. Os da Illa de Arousa levan sete dos últimos nove puntos lonxe do Salvador Otero.

Preferente Norte
– C.D. Foz – At. Coruña Montañeros (Domingo ás 16:15 horas no Martínez Otero): encontro no que os focenses buscarán cambiala mala dinámica dos últimos dous partidos. O rival, cunha xeira oposta aos de Gayol saiu da zona de perigo.
– S.D. Sarriana – Puebla C.F. (Domingo ás 16:30 na Ribela): co obxectivo de voltar á senda do triunfo que os manteña nos postos altos, os sarriaos reciben a un conxunto perigoso, situado na zona cómoda da clasficación.

Primeira Autonómica
– S.D. Outeiro de Rei – Friol C.F. (Domingo ás 16:15 horas no Municipal de Outeiro): encontro entre opositores a entrar de cheo na zona de ascenso. Ámbolos conxuntos chegan nun bo momento de xogo e resultados.
– U.D. Pastoricense – C.F. Riotorto (Domingo ás 16:15 horas no Acebreiro): a recuperación das últimas xornadas do conxunto adestrado por Fran Veiga será posta a proba polo Riotorto, un dos equipos máis en forma da competición.
Segunda Autonómica
– A.C.D. Xermade – E.D. Lourenzá (Domingo ás 16:15 horas no Municipal de Xermade): os xermadinos, con tres triunfos consecutivos reciben aos pupilos de Diego Rego, que chegan ao encontro coa moral polas nubes logo de derrotar ao Guitiriz, líder invicto ata a súa visita a Santa Cruz.

– Palas C.D. – A.D. Bóveda (Sábado ás 16:15 horas nos Chacotes): o gañador pode rematala xornada en postos de ascenso. Os locales chegan tras perder en Oural mentras que os visitantes veñen en plena progresión.
Terceira Autonómica
– Muimenta S.D. – C.D. Alfoz (Domingo ás 16:15 horas no Pichón): o líder e ata o de agora conxunto máis fiable da categoría, reciben a un Alfoz intratable nas últimas xornadas.

– S.C.D. Milagrosa – Celta Barreiros (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): os lucenses, que volveron a atopar o camiño do triunfo en Rioaveso, buscarán voltar aos postos altos ante o segundo clasificado. Os barreirenses chegan tras golear ao filial do Friol.
Primeira División Galega
– Antas S.D. – U.D. Mos (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): logo de catro xornadas sen gañar, as rapazas de Melendo buscarán voltar á senda do triunfo ante un conxunto pontevedrés que non se amosa regular nos seus resultados.
Segunda División Galega
– S.D. Chantada – Carballedo F.C. (Domingo ás 12 horas no Sangoñedo): nun recén arranxado campo do Sangoñedo disputarase o derbi lucense. As chantadinas buscarán facerse fortes na casa, mentras que as visitantes un triunfo para saír da zona baixa.