#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

O partido da xornada . . . Club Lemos – S.D. Chantada: vellos coñecidos, mesmos obxectivos

Antes de comezala temporada, ao falar de posibles candidatos ao ascenso de categoría na Primeira Autonómica, Lemos e Chantada aparecían en case que tódalas apostas. Ben é certo que a competición, a medida que vai transcorrendo vai poñendo a cada equipo no seu lugar, pero no caso destes dous clubes, con só cinco xornadas disputadas, xa os sitúa no pelotón de cabeza.

Aínda que a S.D. Chantada comezou con máis dúbidas e amosando algo de febleza como visitante xa se atopa quinto clasificado, mentras que o Club Lemos é o líder desde a xornada inicial. Ámbolos conxuntos medirán as súas forzas este domingo ás 17 horas na Pinguela.

A pasada temporada, Adrián Armesto foi xunto con Diego Arias, a dupla goleadora do Lemos

O cadro monfortino, que mantivo a columna vertebral do plantel da temporada pasada, e se reforzou con xogadores contrastados, desde o debut no campo da Mina na Pontenova a primeiros de setembro, deixou claro que esta campaña ía realizar moi poucas concesións. Con trece goles a favor e tan só un contra, o apañado na última xornada no campo da Residencia, rival ante o que cedeu os únicos dous puntos ata o momento, os de Edu Rodríguez amósanse como un líder sólido. Un dos referentes en ataque do Lemos, Adrián Armesto destaca o traballo defensivo, «reforzámonos na liña defensiva, e non asumimos tantos riscos. Iso, xunto co traballo durante a semana fai que levemos un só gol en contra«. O monfortino ten clara a meta do ascenso, «a temporada pasada comezámola coa mesma ilusión ca esta, pero este ano temos un obxectivo claro«. Sobre o encontro deste domingo, Armesto supón que será complexo acadalos tres puntos en xogo, «pero sairemos a polos tres puntos desde o comezo, e agardemos poder darlles unha boa alegría aos nosos afeccionados. Sabemos que o Chantada é un bo equipo, moi ben traballado e non nos porá as cousas doadas, máis sendo un derbi. Debemos ter coidado co seu medio do campo e coas xogadas a balón parado«.

A S.D. Chantada, cun bloque potente, será un dos equipos que loite polo ansiado ascenso de categoría

O Chantada, que ao igual que o seu rival do domingo, a pasada temporada non foi quen de resistilo ritmo dos equipos que lograron o ascenso a Preferente, nesta recén comezada non quere perder a estela dos postos de privilexio. Co hándicap de ter que xogar como local no veciño Rodeiro, por mor das obras do Sangoñedo os de Juan Rodríguez amósanse fortes na Raña, a diferencia de cando o fan como visitantes. Lonxe de terras chantadinas colleitaron dúas derrotas: no sempre complicado Acebreiro ante o Pastoricense, así como na Veiga ante o Riotorto. Deste xeito, a visita ao feudo lemista non se antoxa doada. «Chegamos de facer un bo partido contra o Friol e queremos seguir sumando este domingo na Pinguela. O Lemos seguramente sexa a mellor plantilla da categoría pero chegamos ao partido coas ganas e ilusión necesarias para afrontar un derbi coma este» apunta Anxo Otero, un dos puntais da S.D. Chantada. Para o ex do Escairón, a clave do éxito do seu equipo neste encontro «pasa por quitarlles o balón, xa que, practican un fútbol vistoso e teñen xogadores dinámicos e con movilidade. Sen balón estarán máis incómodos, e a base de traballo tentaremos logralo«.



[themoneytizer id=»15360-4″]

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

– Polvorín S.D. – C.D. Boiro (domingo ás 17:30 horas na Reigosa): de novo en Friol, o filial do C.D. Lugo buscará saír da zona baixa da táboa ante un conxunto barbanzán que comezou a temporada nun gran estado de forma.



Preferente Norte

 – Viveiro C.F. – S.D. Agolada (Domingo ás 17:3o horas en Cantarrana): os de Chusky buscarán a cuarta victoria consecutiva que os sitúe na zona de privilexio. Visita o feudo viveirense un Agolada que chega tras golear ao Estudiantil.

Xaime, a brúxula do Viveiro, tentará por o seu grao de area para prolongar a racha do seu equipo

 – S.D. Sarriana – S.D. Sofán (Domingo ás 18 horas na Ribela): co obxectivo de seguir invictos, o conxunto sarriao tentará acadalos tres puntos ante un Sofán situado na zona media da clasificación.

Primeira Autonómica

 – S.D. Burela – S.D. Santaballés (Domingo ás 17 horas na Marosa): encontro entre dous dos equipos máis en forma da Primeira. Os mariñáns conseguirons os seis últimos puntos en xogo sen encaixar un só gol, mentras que os chairegos soamente sucumbiron ante o intratable Lemos.

O Burela está a comezala temporada a un bo nivel

 – S.D. Outeiro de Rei – Sporting Pontenova (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): enfrontamento xa de certa urxencia por acadalos tres puntos. Os de Cholas, tras dúas derrotas consecutivas non se poden permitir máis traspés, mentras que os de Andrés Bouza, buscarán o primeiro triunfo da temporada para abandonalo derradeiro posto.

Segunda Autonómica

 – S.D.C. Cabreiros – C.D. Goiriz (Sábado ás 17:30 horas no campo da Cea): logo da derrota ante o Folgueiro, os de José Manuel buscarán retornar á senda da victoria ante un Goiriz, que rentabiliza á perfección os seus goles.

José Manuel, míster do Cabreiros, tentará que o seu equipo pelexe polo ascenso outra campaña máis

– S.D. C. San Roque – Palas C.F. (Sábado ás 18 horas no Polvorín): encontro entre equipos invictos. O líder, logo de golear ao Portomarín, visita a un San Roque con ganas de ocupalos postos de privilexio.

Terceira Autonómica

 – S.D. Muimenta – S.C.D. Milagrosa (Sábado ás 16:30 horas no Pichón): despois da derrota en Friol, os chairegos quererán reencontrarse coa victoria, pero reciben ao líder, un Milagrosa que conta os partidos por victorias.

Primeira División Galega – Feminina

 – S.C.D. Milagrosa – Victoria C.F. B (Domingo ás 17 horas no Luís Gorgoso): tras o mal comezo, as lucenses buscarán acadar os primeiros puntos da temporada, ante un rival que non coñece a derrota.

Segunda Divisón Galega – Feminina

 – S.G. Comercial – Unión Campestre (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 1): sen coñecela derrota logo de dous encontros disputados, as capitalinas xogan ante o rival que as precede na clasificación.

Carballedo C.F. – Torre S.D. (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): coas pilas recargadas logo da xornada de descanso, as rapazas do Carballedo afrontan o encontro co obxectivo de logralo primeiro triunfo da súa historia. Se o logran abandoarán o último posto.

Liga Feminina Fútbol-8

 – S.C.D. Milagrosa B – Unión Campestre B (Sábado ás 17 horas no Luís Gorgoso): primeira xornada da liga de fútbol-8 para o filial milagrosista, que ao igual que a S.D. Burela comezan a súa andaina nesta competición.

O partido da xornada . . . Club Lemos – S.D. Chantada: vellos coñecidos, mesmos obxectivos

As nosas guerreiras do fin de semana!

O partido da xornada . . . Club Lemos – S.D. Chantada: vellos coñecidos, mesmos obxectivos

Diego Rego (E.D. Lourenzá): «É o momento

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *