Abriuse o telón na temporada 2018/2019 na Segunda Rexional e con ela chegan os primeiros onces con algúns dos futbolistas máis destacados do primeiro encontro do curso. Varias goleadas e algunhas sorpresas nunha primeira fin de semana que deixa ao Guitiriz como líder da clasificación do grupo norte e ao Guntín primeiro clasificado no sur.
O Guitiriz volve comezar como o fixo a temporada pasada e venceu con claridade ao Abadín no primeiro encontro de liga que o coloca líder. Borja e Javi foron do máis destacado no cadro adestrado por Delfín Romero. Con cinco goles a favor e cero en contra tamén está o Iberia despois de vencer ao Cervo nun partido no que destacaron Balbon, Coquito e Alex. Vitorias tamén conseguiron os recén ascendidos Valadouro e Xermade ante Comercial e Goiriz, respectivamente. E a este tren inicial tamén se apuntaron o Mondoñedo e o Cabreiros.
No cadro mindoniense oprotagonismo recaeu no dianteiro Iván Bermúdez que fixo o gol que permitiu que o Mondoñedo conseguise os tres pirmeiros puntos da temporada ante un dos rivais máis destacados na anterior, o Folgueiro. O cadro adestrado por Anxo quedou ás portas do ascenso. O Cabreiros derrotou ao Cospeito cun solitario tanto de Marcos Novo. Lourenzá e Roupar puxeron a única igualada do norte nun partido con tres goles para cada un.
No sur, un recén ascendido como o Guntín encabeza a táboa clasificatoria ao vencer por 5-1 a un dos seus rivais no curso anterior, un Corgo que de nada lle serviu o bo gol marcado por Borja Núñez que tivo que xogar circunstancialmente no lateral esquerdo. Co mesmo resultado gañou tamén o Portomarín,non quere sufrir os malos resultados da primeira volta do curso anterior e fíxose coa primeira vitoria ante un Oural que pagou caro os seus erros defensivos. No duelo de recén descendidos o Ferreira derrotou ao Bóveda e no encontro de filiais o Chantada B foi mellor ao Monterroso.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Tamén se apuntaron aos primeiros tres puntos do curso o Palas que derrotou a domicilio ao Sporting Lucense e o Becerreá que fixo o propio co Incio. Neste último o choque estivo marcado pola expulsión de Pedro no inicio da segunda metade. A pesar dos tres goles, Castro parou un penalti. No equipo local destacou a participación dos xuvenís Jose Lexo e Álvaro Santín que cumpriron nas súas posicións defensivas. San Roque e Brollón puxeron as táboas con goles; mentras que o Santa Comba e o San Lázaro tamén igualaron pero cun resultado de cero a cero.Coquito