Os Máxicos Salvatierra Abogados chegan unha semana máis con moita emoción en todos os campos da provincia.
O Foz supera a un San Lázaro sen adestrador (1-2). A marcha de Nico Longhini deixou tocados a uns xogadores que se viron superados pola intensidade do Foz. Os mariñáns gozaron de numerosas ocasións e anotaron un gol en cada metade (o segundo deles, desde longa distancia) e, aínda que os Máxicos celestes acadaron o 1-2, os puntos marcharon cara Foz.
OS Máxicos do xove deron a sorpresa na Cheda
O Outeiro faise forte na casa a costa da SD Chantada (2-0). Os Máxicos visitantes comezaron mellor, con xogo posicional e un disparo ao pau, pero o Outeiro foi medrando co paso dos minutos e, xa na segunda metade, aproveitou unha serie de rexeites na área para poñer o primeiro gol. Os chantadinos mantiveron o seu fútbol, pero deixaron espazos ás costas, o que se traduciu nun bo contragolpe local co que se pechou o choque, 2-0.
O Pastoricense de Juanma confirma o seu bo estado diante do Monterroso (4-0). A verticalidade de ambos cadros inclinou o resultado a prol dos locais, que se adiantaron nunha falta rematada por un Cadenas que volve mostrar a súa mellor versión. Tras o 1-0, os do Acebreiro fixéronse donos do partido, materializaron unha pena máxima provocada por Raúl e anotaron o 3-0 antes do descanso, por medio de Cristian. Na segunda metade, aínda que o Monterroso procurou recurtar diferenzas, os de Juanma aproveitaron un contragolpe para facer o definitivo 4-0.
O Guntín tira de efectividade diante do Meira (4-0). Aínda que o partido se mantivo igualado ata a primeira media hora de xogo, o Guntín fixo sangue en dúas accións a balón parada e un golpeo desde lonxe para mandar por 3-0 no tempo de lecer. Na segunda metade, os Máxicos de Germán Campos mantiveron o control do duelo e impediron que o Meira sacase nada positivo do Ladairo.
O Lourenzá imponse na Santa Cruz ao Taboada (2-1). A verticalidade do Taboada puxo en apretos á defensa local no primeiro tempo, pero a boa actuación do gardamallas Andrés permitiu que o 0-0 se mantivese toda a primeira parte. Na reanudación, a expulsión do local Manu non amedrentou ao Lourenzá, que acadou o 1-0 por medio de Pichi no rexeite dunha falta. Martuno empatou á saída dun córner, pero un contragolpe levado por Luis traduciuse nun penalti que anotou Yago para deixar os tres puntos na casa, 2-1.
O Xove Lago da a sorpresa na Cheda (2-4). O gol inicial de Chiqui non amedrentou a un cadro mariñán que se repuxo rápido e no minuto 35′ mandaba por 1-3 no electrónico, logo de accións verticais que sorprenderon aos capitalinos. Na segunda metade, malia que os Máxicos locais o intentaron, chegou o cuarto tanto visitante e, xa na recta final, o definitivo 2-4.
O Castro remonta na casa do Chantada Atlético (1-2). O gol de Javi Vázquez na primeira metade deixaba un panorama positivo para os de Edu, que gozaron dalgunha oportunidade para ampliar a renda na segunda metade. Porén, o Castro someteu aos seus rivais no seu campo e obtivo o premio da remontada na recta final do choque, con dous goles dun Muíña que se está a erixir como un dos destacados da categoría.
O Burela non da opción ao Oural na segunda metade (7-0). O marcador non fai xustiza a unha primeira parte na que ambos conxuntos gozaron de oportunidades, e de feito o Oural viu como lle anulaban un gol e protestou unha pena máxima que non se asinou. Deán aproveitou un balón ás costas da defensa visitante para facer o 1-0 e, á volta dos vestiarios, o mesmo protagonista (un dos Máxicos da xornada) anotou un centro-chut que derrotou aos de Negrete e fixo que os locais ampliasen moito máis a diferencia, ata o definitivo 7-0.
O Santaballés leva o derbi no Estadio Roca (1-2). Foi un derbi moi especial o vivido no en Vilalba, no que o Santaballés golpeou primeiro logo dun centro de Palomo rematado por Dani Sam. Na segunda metade, o Racing Villalbés deu un paso adiante e un balón parado rexeitado converteuse no empate. Na recta final, a orde imposta por Freire valeulles aos seus para conseguir o tanto da victoria logo dun penalti convertido sobre Paredes, 1-2.
A Milagrosa cae con orgullo en Nigrán (1-0). A visita dos Máxicos de Madriles a unha das mellores escolas de fútbol de Galicia deu lugar a un partido moi igualado e parexo, no que os lucenses procuraron manter as súas opcións vivas durante os 90′. Porén, un tanto vigués mediada a segunda parte e a escasa reacción dos albivermellos impediron que a expedición retornase a Lugo con algo positivo.