Remontadas, sorpresas e goleadas na primeira semana dos Máxicos

Estreamos patrocinador na sección dos Máxicos, un dos fetiches dos nosos seguidores. O Muelle Bar de Foz estará detrás deste contido, que comeza cunha xornada espectacular en toda a provincia.

O Brollón faise forte nos Medos e supera ao Monterroso (1-0). Os locais tiveron un maior dominio do choque no primeiro tempo, pero non houbo ocasións claras para ningún dos dous conxuntos ata o tempo de lecer. Na segunda metade, o Monterroso axustou ben por dentro e gañou peso no xogo. Os Máxicos de Diego Rey probaron sorte por medio de Sergio, sen éxito, ata que unha xogada polo carril exterior desencadenou unha serie de rexeites que Diego enviou ao fondo das mallas, 1-0 no 87′. Sobrado tivo a opción de empatar tras o gol local, pero non atinou na definición, e Guaje foi expulsado por dobre cartón amarelo.

O Taboada tira de épica para remontar ante o Chantada Atlético (3-2). Os chantadinos adiantáronse cunha pena máxima transformada por Diego Torres, e o propio dianteiro visitante aproveitou un erro local en saída para poñer o 0-2 á media hora de xogo. A expulsión de Cañón por dobre cartón amarelo antes do descanso deu aire a un Taboada que mellorou tras o descanso.

David Potente actuou como revulsivo para recurtar diferenzas e Guerreiro tirou de táboas para anotar un penalti que supuxo o 2-2.
Tras o empate, Dani Delgado foi expulsado por cartón vermello directo e Guerreiro aproveitou outra pena máxima para dar a volta ao electrónico e desatar a tolemia na Medela, 3-2. Os dous conxuntos, especialmente o visitante, remataron amolados coa actuación arbitral.

O Guntín aproveita o seu bo estado físico para superar ao Santaballés (5-0). Aínda que os Máxicos de ambos conxuntos protagonizaron unha primeira parte igualada e ambos gozaron de ocasións no Ladairo, o Guntín fixo notar que xa en agosto disputara competición oficial. Un saque de esquina ao final da primeira parte supuxo o 1-0 e, tras a reanudación, o Santaballés subiu as liñas e procurou o empate. Os Máxicos laranxas tiraron de oficio, controlaron a parcela defensiva e xeraron moito perigo cos espazos que deixaban os chairegos. Catro goles máis deixaron clara a efectividade dun conxunto que non quere renunciar a nada este curso.

O Lourenzá saca tres grandes puntos de Becerreá (0-1). Houbo moito fútbol directo no Municipal. O Becerreá estivo mellor na primeira metade e gozou de maior presenza en campo rival e enviou un balón ao longueiro. O Lourenzá mellorou co paso dos minutos e tamén dispuxo dunha boa ocasión antes do tempo de lecer. Na segunda metade, os Máxicos visitantes empezaron mellor e Casanova puxo un gran centro para que Matelo fixese o 0-1 en torno ao 55′. Desde ese intre, os locais afundiron ao Lourenzá na súa área con xogo directo e tiveron opcións para empatar, pero o Lourenzá soubo resistir e levou tres puntos de ouro cara o val das fabas.

O Muelle Bar patrocinará a sección dos Máxicos na campaña 2026/2027.

O Outeiro e Kevin convencen en Folgueiro (0-3). A primeira metade estivo marcada polo respecto entre ambos conxuntos, pois ningún quería cometer erros e apenas houbo oportunidades. No segundo tempo, un erro local traduciuse nunha gran asistencia de Dieguito a Kevin para poñer o 0-1. Pouco despois, os mariñáns sufriron unha expulsión e, aínda que se adiantaron na procura do empate, deixaron moitos espazos que aproveitaron os visitantes para facer dous goles máis. O segundo por medio de Navia a pase de Kevin e o terceiro, de novo dun Kevin que tivo unha gran estrea cos do Municipal.

Escairón e Milagrosa empatan e mostran a súa candidatura (1-1). O ritmo alto pese á calor foi protagonista no Municipal e o Atlético Escairón enviou un balón á trave ao pouco de comezar. Non houbo máis ocasións, porén, ata que David peinou un balón longo de Joel Vasco para que Javi anotase o 0-1. Era o 44′. No segundo tempo, os Máxicos do Saviñao enviaron outro disparo ao pau e apretaron na procura do empate. Na recta final, Asier tirou de oficio e forzou unha pena máxima protestada pola Milagrosa e que o propio mediocentro anotou para repartir os puntos en Escairón, 1-1.

O Oural supera ao Racing Villalbés ‘B’ (2-0). Dúas propostas moi distintas déronse citas no Luis Pallín, e os Máxicos cementeiros interpretaron moi ben o ataque dos rivais para neutralizalo. Murúa fixo o 1-0 nun rembumbio da área e Yago fixo o 2-0 nunha acción illada que transformou con mestría. O filial chairego non baixou os brazos, mantivo a súa mobilidade ofensiva e procurou o gol ao longo de toda a segunda metade, pero os locais completaron un gran exercicio colectivo para manter a portería a cero e sacar os primeiros tres puntos do curso.

Partido vibrante entre Foz e Residencia que se saldou con táboas (2-2). A ‘Resi’ estivo máis atinada de cara ao gol no primeiro tempo, cando Manu aproveitou un erro local para facer o 0-1. Na primeira metade apenas houbo máis oportunidades. Xa na segunda metade, Asier gozou de varias opcións para igualar, pero o 1-1 non chegou ata o 77′, cando Diego aproveitou un pase de Asier para definir. Pouco despois, Rasi fixo o 1-2 cun golazo de falta directa. Os Máxicos mariñáns, porén, non baixaron os brazos e atoparon o empate cunha pena máxima provocada por Mista. Era o 95′. Na última xogada do partido, o Foz rematou un saque de esquina alto que puido ter remontado o partido.

O Ribadeo empata na casa ante o ‘invitado’ Cire Melide (0-0). A igualdade foi a tónica dominante no Pepe Barrera, especialmente nunha primeira parte que non tivo moitas ocasións ante o posicionamento replegado do Cire e a falta de ideas local. Na segunda metade, o Ribadeo procurou ser máis profundo, pero os de Melide tiveron as máis claras con tres oportunidades: Manu Casal enviou un balón ao pau, Iñaki detivo ben un intento de Borja e Mario sacou baixo paus un balón que xa se colaba. O Ribadeo intentouno desde fóra, con centros laterais… pero non tivo fortuna e houbo reparto de puntos no feudo celeste.

O filial do Lemos cae con claridade ante o máximo favorito (0-4). As baixas condicionaron un partido que se xogou na matinal do sábado nos Escolapios. Un gol cun tiro cruzado do Córgomo supuxo o 0-1 na recta inicial e os visitantes duplicaron a vantaxe antes do descanso, 0-2. Na segunda metade houbo unha pequena reacción lemista, pero o Córgomo tirou de oficio e experiencia para facer dous tantos máis (0-4) e deixar o choque pechado nun duelo no que amosaron que son os máximos favoritos para ascender de categoría no Grupo 4.