Polvorín e Racing Vilalbés agasalláronnos con dous triunfos importantes na Terceira División, mentras que na Preferente o derbi mariñán caeu do lado do Ribadeo nun vibrante final, empates na casa de Sarriana e Foz, e abultada derrota do Castro no campo do Arzúa.

Segundo triunfo consecutivo dun Polvorín que parece que comeza a tomarlle a medida á categoría. Goleou na Senra ao Ribadumia por dous tantos a cinco e o filial lucense sae dos postos de descenso. Antes do primeiro cuarto de hora, Fran Fandiño adiantou aos locales, pero a resposta lucense non tardou en chegar e Antón acadou o empate logo dun centro de Pablo Rey. Tan só catro minutos máis tarde un golazo desde fóra da área de Morais deulle a volta ao partido. Na segunda metade Antón desde o punto de penalti, Javi Rey e Juan a pase de Javi Liz completaron a goleada, nun encontro de clara superioridade lucense no que os de Durán gozaron dunha gran efectividade.

Primeiro triunfo como local nesta campaña do Racing Vilalbés e tamén o primeiro con Simón Lamas no banco da Madalena. Dous a cero ante o Céltiga, que lles permite aos chairegos abandoar o último posto da clasificación. O Racing mantivo as boas sensacións amosadas a pasada xornada na Cheda e fixo valer as súas armas para lograla victoria: balón parado e contraataque. Ao fío da media hora de xogo un córner desde a esquerda foi peiteado por Vérez para que Diego Rey culminase a xogada anticipándose á defensa. Co resultado a favor, os chairegos tiveron ocasións para aumentar diferencias, xogando a última media hora cun home máis por expulsión de Jacobo Millán.  De tódolos xeitos o gol resistiuse ata a última acción do partido. O tanto da sentencia foi de Juan de Dora. Nos da Illa de Arousa foi titular Jimmy, xogador que as últimas temporadas formou parte do C.D. Lugo xuvenil.

O derbi mariñán entre Viveiro e Ribadeo non decepcionou. Como vén sendo habitual nas últimas campañas, os ribadenses fixéronse cos tres puntos en Cantarrana (2-3) nun encontro intenso que respostou ao que se agarda dun choque de rivalidade: vixiancia, imprecisións no primeiro cuarto de hora e tamén polémica. Co marcado inicial, Rolle marcou cun gran tiro á escadra pero o tanto foi anulado por fóra de xogo, situación moi protestada polos viveirenses. Foi o Ribadeo o que golpeou primeiro tras un saque de falta desde a parte esquerda, que Poratti no segundo pao coloca case en liña de gol, e Mario moi ben colocado adianta aos de Rafa Casanova. O Viveiro reaccionou, e oito minutos máis tarde o canteirán Rolle igualou a contenda facendo xustiza ao visto ata ese momento. A segunda metade comezou cos de Chusky xogando en campo contrario e mantendo o control do encontro. No minuto 49, o ex ribadense Tichu dalle a volta ao marcador e o Viveiro goza dos seus mellores minutos. Co paso dos minutos, malia que a posesión era local o Ribadeo gozou de ocasións para empatalo econtro. Primeiro Santi cun tiro desde fóra da área, Fernando logo dun saque de curruncho e Poratti cun gran testarazo atopáronse cun inspirado Kiko. Os minutos de desconto servíronlle aos visitantes para levarse o derbi. No 91, de novo Mario fai o empate de cabeza e no 93 Aitor culmina unha gran contra de Adrián Barrera.

A Sarriana non foi quen de pasar do empate na Ribela ante o Puebla (1-1). O conxunto adestrado por Alberto López non entrou ben no partido e os do Barbanza contaron con varias ocasións no primeiro tempo que non foron quen de materializar. Na segunda metade, os locales foron quen de poñerse por diante cun tanto de Mauro, pero o Puebla respostou minutos despois e tras un centro lateral que bate no pao, o dianteiro Pap só ten que empurralo balón a gol. Os sarriaos manteñen a segunda posición, dous puntos por diante do Noia.

No Martínez Otero, o Foz empatou sen goles ante o Atlético Coruña Montañeros. Partido xogado de poder a poder entre dous conxuntos que necesitaban o triunfo. Boa imaxe dos focenses que puideron levalos tres puntos se o colexiado non anulara un tanto que parecía completamente legal de Rivera. Con este empate, os de Gayol manteñen dous puntos de marxe sobre os postos de decenso directo.

O Castro saiu goleado do campo do Viso en Arzúa (8-1). O encontro púxoselles moi de cara aos locales adiantándose no minuto catro de partido. Na segunda metade Borja fixo o gol dos de Brais Prados poñendo o marcador 3-1, pero dous minutos despois un penalti para os arzuáns, que supuxo a expulsión de Jorge rematou coas esperanzas dos chairegos. Os de Chus Baleato  nos últimos vinte minutos completaron a goleada.

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*