Palabra de… Javi Regueiro: “O orgullo de xogar na casa”

Cando o meu amigo Diego me propuxo falar nesta sección, foron moitos os temas que me viñeron á cabeza para poder expoñer, pero crin que o máis xusto era acordarme dos meus, desa xente coa que levo compartindo momentos de bar, clase e fútbol, dende moitos moitos anos.

Hai trece anos que Anxo, adestrador das escolas do Meira; colleu o seu teléfono e púxose en contacto con meus pais, por se quería xogar con eles ao fútbol 7. Foi aí cando eu lle dixen a meu pai: “Fútbol 7 ?  que carallo é iso ?” Soamente tiñamos constancia de fútbol polo que viamos na televisión e o que practicabamos nos recreos no patio do colexio… Pois nese momento empezaría unha andaina de viaxes a Lugo para xogar fin de semana tras fin de semana dende a querida Fonsagrada. Viaxes que nada importaban, o único que  importaba era chegar e disfrutar unha escasa horiña do balón.

Posteriormente, chegaría unha fermosísima etapa na SCD Milagrosa, coincidindo cunha das mellores e exitosas xeracións da historia dese club, co cal conseguimos varios ascensos e títulos ligueiros e de Copa… Normal… Tiñamos aos mellores xogadores e por suposto ao mellor adestrador, o gran Madriles, dotado dunha gran “mala virgen” pero con quen o dabas todo no campo por el. Unha especie de Mourinho, digamos.

De aí, tocaba dar un pasiño máis, e chegaron unhas temporadas no CD Lugo inesquecibles, sobre todo por ver tan de preto ese histórico ascenso do Carranza, cunha dobre alegría por ser partícipe o meu gran amigo e irmán Iago Díaz. Non acostumabamos a ter canteiráns nese primeiro equipo pero el conseguiuno, así como Santi, Alberto ou Javi Liz que tamén andaban rondando ese cadro de xogadores de vez en cando… uns cracks dentro e fóra. Desa etapa xuvenil, quédame un soño cumprido, xogar na División de Honra, a cal sinceramente, nunca nela contaba participar, pero pasou… e gardo un gran recordo e moitísimos amigos.

Logo dun paso pola Residencia, chegaría o gran momento do que quero falar. Tras polo menos 40 anos sen el, a construción do campo de fútbol da Fonsagrada significaría a aparición do equipo de todo un pobo, ese equipo no que non dubidei un só minuto que quería formar parte del. Orgullo. Orgullo é a palabra que quero recalcar nestas liñas, porque é o que sinto cada vez que teño que poñer esa camisola para xogar. Nin Cristiano Ronaldo ou Messi xogando finais e gañando títulos o sinten así.

Non soamente é darlle patadas á pelota, tamén representas o pobo no que levas vivindo e sentindo cousas toda unha vida. Miras cara a bancada e alí están os teus, ao teu carón, na túa portería, nas esquinas… Todo rodeado por xente coa que convives no día a día e a cal gardas moitísimo agarimo e amor. Por estes motivos non podo ser máis feliz de xogar aquí, na miña casa, no que a única presión é a imposta polo presi Carlos. A de ter que tomar unha cervexa todos xuntos ao acabar o partido. Gañes, perdas ou empates… Brutal Carlos!

Para ir finalizando, debo dicir que espero que ogallá esta temporada termine co premio do ascenso, que tanto levamos pelexando. Por Carliños, que alá onde estea, sentimos como nos empuxa; todo irá por el. Sen máis, VIVA A FONSAGRADA E VIVA O FÚTBOL!

Javi Regueiro. Todo corazón. Artista do fútbol lucense e referente no terceiro tempo.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario