Víñase pedindo dende hai un tempo. Un novo formato para unha competición que cada ano ía perdendo interese. Tardaron en darse conta de quen son os que realmente lle dan vida ao auténtico torneo do ko. Moitas veces non fai falla tanta tecnoloxía nin innovación. Simplemente volver as raíces do fútbol. Visitar o hábitat de quen mantén a súa esencia. Á marxe dalgún atranco, como a imposibilidade dalgúns equipos de xogar no seu campo, o novo formato da Copa do Rei atrae. Porque os grandes son menos poderosos. E os pequenos poden soñar. No medio da lama, dos soños e de vilas volcadas cos seus atopamos algúns lucenses que poden dicir que participaron na Copa do Rei 2019/2020.

Manolo González, o soño continúa: Badalona – Getafe

Regresou no outono ao Badalona co equipo inmerso nunha crise de resultados e último clasificado do grupo III da Segunda B. O técnico natural de Folgoso do Courel deulle un novo aire ao conxunto. Marchou de vacacións de Nadal nos postos de promoción de descenso e metido na seguinte eliminatoria da Copa. Todo despois de derrotar a un rival da Segunda División. O Oviedo caeu no Estadi Municipal. Agora no barrio de Montigalà xa agardan a un equipo de competición europea; o Getafe.

As paradas vilalbesas na Costa do Sol: Marbella – Valladolid

Unha cousa é a Costa do Sol e outra San Simón da Costa. Da parroquia dos queixos e tamén da de Santaballa é a familia de Álex Santomé. O actual porteiro do Marbella xa naceu en Madrid. Pasou pola canteira do Atlético e fíxose un oco na Segunda División B. Non é a primeira vez que desputa o torneo copeiro. Mesmo xogou co Real Murcia no Camp Nou. Agora repetirá ante un equipo de Primeira; o Valladolid. “Por sorte tiven a experiencia de xogar a ida e a volta na eliminatoria co Barça no anterior formato. Son experiencias moi bonitas. Esperemos que esta sexa aínda mellor ca anterior. Para xogar co Barcelona tivemos que pasar tres eliminatorias. Agora pode pasar de todo”, destaca Álex.

O gardamallas chegou este verán a Marbella onde asinou por tres temporadas. Aínda que non está gozando dos máximos minutos posibles na liga, ten claro o obxectivo do equipo: “Queremos chegar á Segunda División. Foi polo que viñemos a este proxecto”. Non obstante, a Copa ilusiona. “En Marbella costa que a xente veña ao campo. Foi o partido no que máis xente veu”, sinala Santomé quen fai un resumo rápido do que foi a vitoria pola mínima ante o Guijuelo: “Levamos nós máis o peso do partido. Tiven algunha intervención importante no segundo tempo. Pero o que queda é o traballo de todos os compañeiros para pasar de rolda”. E para o que vén, avisa: “Queremos intentar chegar o máis lonxe posible. Xogamos no noso campo. Podemos darlle máis ca un susto ao Valladolid”.

Un gol para axudar na esperanza: Sanse – Espanyol

Pouco máis fixo que aterrar no seu novo club. Pero Julio Delgado xa marca goles co San Sebastián de los Reyes. O futbolista de Burela marcou un dos dous tantos cos que o seu equipo venceu ao Córdoba. O conxunto madrileño é o actual pechacancelas do grupo I da Segunda B. Aínda que xunto co seu pase na Copa, chegou unha vitora contundente na liga ante o Pontevedra para marchar con mellor cara ao Nadal. Ao regreso das vacacións o que vai pasar por Matapiñonera será o novo Espanyol de Abelardo.

10 minutos para termar un resultado que vale un pase: Rayo Majadahonda – Tenerife

Non foi titular no partido de Copa, pero si participou para consolidar o pase do seu equipo a seguinte rolda. Iago Díaz seguirá representando á provincia no seu Rayo Majadahonda. O rival foi un equipo galego. Un gol de diferenza fixo que os locais superasen ao Racing de Ferrol. Agora Iago e os seus soben de escalón. O Tenerife visitará o Cerro del Espino.

O obxectivo é volver; pero mentres hai que aproveitar: Unionistas – Deportivo e Barakaldo – Rayo Vallecano

A Salamanca chegou este verán un rapaz xa coa experiencia de vivir minutos no fútbol profesional. Pero era a primeira saída da súa terra. Iso si, para tentar volver. Pedro López está cedido no Unionistas do Grupo I da Segunda División B polo CD Lugo. O central lucense foi da partida na eliminatoria de Copa do seu equipo ante o Atlético Baleares. Vitoria pola mínima e visita dun histórico en horas baixas ao Helmántico, o Deportivo.

Outro futbolista que tamén está cedido polo CD Lugo é Pablo Cacharrón. O gardamallas forma parte este ano do Barakaldo. Nos últimos partidos de competición no grupo II da Segunda B está sendo titular. O equipo é 12º clasificado. En cambio na Copa non xogou. Viu dende o banco como o seu compañeiro de porta, Javi Rabanillo era un dos protagonistas na quenda de penaltis que lle serviu ao Barakaldo para eliminar ao Villarubia. O próximo en visitar Lasesarre vai selo Rayo Vallecano.

O desterro do Bergantiños de Iago López e Álex Diéguez

Nunha vila agaraciada no seu momento coa lotería, a eliminatoria co Sevilla na Copa caeu en Carballo como se dun Gordo se tratase. Pero foi algo así como se che toca o primeiro premio e non podes gastar nada do gañado na túa contorna. A RFEF dixo que As Eiroas non cumpría todos os requisitos. Para xogar este partido. Porque para os 19 que se xogan alí dunha categoría nacional como é a 3ª Galega non hai maior problema. O caso é que entre que o Dépor dixo que non e despois finalmente que si, o lío armouse uns cantos días.

Finalmente, os carballeses e carballesas que quixeron e puideron tomaron Riazor. E no medio da expedición dous lucenses: o monfortino Iago López e o monterrosino Álex Diéguez. “O día que nos tocou o Sevilla tiñamos moita gana de que chegase o partido. Para a afección foi un baixón non poder xogar no noso campo. Ao final puidose xogar o máis próximo en Riazor e a xente respondeu moi ben”, apunta Iago López. Ambos lucenses foron titulares sobre a herba mollada e algo enlamada de Riazor. O Sevilla adiantouse cedo no marcador. Pero non foi quen de aumentala súa vantaxe. “Todo o equipo rematou con boas sensacións. Competimos ben. E incluso puidemos meterlle un susto no corpo ao Sevilla”, sinala Iago quen xogou Copa do Rei por segundo ano seguido. O curso anterior participou co Rápido de Bouzas. “Este formato gústame porque lle dás un plus aos equipos máis modestos. Axúdaslles ademais economicamente”.

Borja Yebra, o soño privado

Foi o primeiro equipo en abrir a veda para os galegos e o primeiro en demostrar que a Copa neste formato engancha. Partido de tolemia con prórroga e nove goles no Vao. Coruxo – Mirandés. Puro fútbol. E no medio (nunca mellor dito) un xogador natural de Chantada. Borja Yebra é un dos fixos no esquema de Míchel Alonso. Tamén o usou na Copa. Aínda que rematou expulsado nun partido envolto na polémica. A punto estivo de continuar un soño que se iniciou coa chegada ás semifinais da Copa Federación. O cadro vigués morreu coa cabeza ben erguida.

A diferenza foi un gol ante o líder da Segunda

Santi Gegunde pechou este ano a súa etapa no Compostela e marchou por primeira vez fóra dos marcos galegos

Foi un duelo de líderes. Só que un é o campión de inverno da Segunda División. O outro mantén unha intensa pelexa no grupo asturiano da Terceira. Les Caleyes estivo á altura da cita, aínda que o horario non foi o máis axeitado para unha vila de pouco máis de catorce mil habitantes. O Lealtad de Villaviciosa enfrontouse ao Cádiz. Perdeu pola mínima (0-1). No cadro local formou parte do once titular un cabaleiro leal que chegou este verán a terras asturianas.

Criado no fútbol lucense. Milagrosa, Comercial e CD Lugo foron os seus equipos da base. Viviu de primeira man o ascenso do Lugo á Segunda División. Outeiro de Rei, Narón e As Pontes foron os equipos sénior antes de chegar á SD Compostela. Foi de menos a máis no aspecto individual. Pero non se conseguiu o obxectivo do ascenso. Despois dun inicio complicado polas lesións, Santi Gegunde agarda desfrutar máis no 2020. “Levaba bastantes meses lesionado. O primeiro partido que xogara como titular fora a semana anterior. Fisicamente aínda non estou ao 100%. Pouco máis do minuto sesenta, cambiáronme”, subliña Gegunde que recoñece que foron uns días distintos: “Foi unha semana especial. Toda Villaviciosa estaba moi pendente de nós. Tivemos que xogar moi cedo porque no campo non hai luz artificial. Aínda así, había un ambiente moi superior aos partidos de liga”.

Cando Santi marchou do campo o Lealtad aínda aguantaba a igualada no marcador. Pero minutos máis tarde o conxunto gaditano atopou recompensa a súa insitencia. “O Cádiz levou o dominio da pelota. O noso porteiro estivo bastante acertado. Na segunda parte estivemos mellor. Seguramente cando menos perigo estaban levando, marcaron o gol. Despois non logramos poñelos en apuros”, resume Santi.

O dianteiro de Navia admite que o pasou mal nestes primeiros meses en terras asturianas. “Pasei uns meses bastante malos. Viña cunha lesión do curso pasado no play off do Compos e en principio ía perderme un mes de pretemporada. Finalmente foron cinco. Teño bastantes molestias no nocello. Agora estou empezando a xogar, intentando que as molestias remitan e adaptándome ao estilo de xogo do equipo e desta liga que é moi distinto ao que practicabamos en Santiago”. Non obstante, amósase agradecido ao club de Villaviciosa: “En ningún momento me meteron présa. Houbo unha época que intentei volver adestrar e fun incapaz de seguir. Dixéronme que parara e que visitara outros médicos. Agora quero intentar devolverlles ese cariño que tiveron comigo nos momento malos con bos partidos no campo”.

Sen xogar, pero presentes

O CD Lugo non pasou a súa eliminatoria ante o Sestao River, segundo clasificado da Terceira División Vasca. Nin avanzou no torneo copeiro nin lle deu oportunidade aos lucenses que viaxaron. Ángel Fraga e Álex Rey formaron parte da expedición a Las Llanas. O agora ex adestrador Eloy Jiménez optou por xogar con Ander Cantero, o gardamallas titular tamén na liga. O vilalbés chegou esta tempada ao cadro albivermello e foi titular nas primeiras xornadas co Polvorín. Coa lesión de Varo nas últimas convocatorias pasou a ocupar o posto de porteiro suplente. Pola súa banda, Álex Rey estreouse co primeiro equipo na liga do ano pasado. Nesta aínda non. Si tiveron minutos na Copa os xogadores do filial Óscar Castellano “Chiqui”, Nico Manteiga, Vesprini e Morais.

O Racing de Ferrol foi outro dos equipos galegos que participaron nesta Copa do Rei como comentamos anteriormente. Grazas a ser campión o ano pasado da Terceira Galega. Do ascenso formou parte o centrocampista do Saviñao Fer Beltrán que chegou no pasado mercado invernal. En cambio, o futbolista foi un dos que Emilio Larraz optou por darlle descanso para o desprazamento á Madrid. Beltrán é unha das pezas titulares dun Racing que busca medrar na clasificación do grupo I da Segunda B. É oitavo clasificado; a 4 puntos dos postos de promoción de ascenso.

É unha das promesas do fútbol lucense. Unha lesión privoulle da opción de ter minutos na 1ª rolda da Copa. Pero aínda pode ter máis. Porque a UD Logroñés de Iago López Carracedo superou ao Marino de Luanco . O mítico estadio Las Gaunas acolleu 3 partidos. Por iso a UD adiantou a súa eliminatoria á semana anterior. Agora recibirá ao Cádiz.

O silbato lucense, tamén na Copa

Non só en canto a xogadores e adestrador estivo representado o fútbol lucense neste novo formato da Copa do Rei. Ao Reino de León acudiu o trío arbitral encabezado polo pontevedrés Alberto Gómez Lameiro. Unha das árbitras asistentes foi a lucense Tania Fente. Ademais, na rolda previa da Copa que xogaron os equipos de Prefrente un partido estivo asubiado por lucense. David Pereira Ferreiro, Alberto Blanco Méndez e Pedro Castro Gómez asubiaron o Becerril – Urraca. O conxunto palentino foi un dos equipos de moda da Copa ao pertencer a un pobo que ten pouco máis de 700 habitantes. A eliminatoria da Copa xogárona ante a Real Sociedad. Nesa rolda previa xa contaramos ademais a participación dun de Sarria, Iñaki Fernández.

A experiencia continúa para algúns, o soño detense para outros. De xeito humilde, pero a provincia xa puxo tamén o seu selo neste reformado e máis coherente formato da Copa do Rei.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*