O inverno faise duro, sobre todo este, que tardou en vir e agora non se quere ir. Chegas a presumir de que che encanta ver chover pola ventá, mételos flocos de millo no microondas e prendes a televisión. Con todo listo, ábrelo Instagram e subes a mítica historia de “tarde de peli, sofá e manta”. Aínda que en realidade a “peli” se refira ao partido de turno que poidan botar na apretada grella televisiva. Xogan os dos cartos e algúns chámanlles fútbol de salón. Sempre crin que esta acepción viña a conto porque ese era o lugar onde te incitan a velo fútbol na actualidade.

Non obstante, outros preferimos levala contraria. Collemos a mochila, vestimos as botas de inverno, colgámola cámara ao pescozo e arrincamos polos campos adiante; pero non polos das grandes bancadas, senon eses nos que o balompé aínda se pode contemplar desde o bico dun valado. O que se di fútbol de salón (nos dous sentidos, na maneira que o entendo eu e no xeito que o comprenden outros) non se ve, pero ten o seu aquel. Que o xogo non estea tan interesante aínda che permite falar da vida co veciño, tomarlle algo na cantina ou berrarlle a un dos teus “corre que parece que estás alindando nas vacas” ou “arrastra que a terra non fai mal, moita teño comido eu de pequeno”. O das frases nestes campos de fútbol (as boas), tamén da para un libro, pero iso deixámolo para outro día. Aí é onde o fútbol de terrón sempre superará ao de salón. Onde non importa peinarse para saír guapo ante a cámara, nin levar botas de mil cores,…todo o contrario, canta máis lama, mellor.

 

Con fútbol de terrón non nos referimos a que veña o xabaril e che levante o campo. Simplemente o utilizamos como un concepto abstracto

Estamos a mediados de abril e o fútbol de terrón entra no momento chave da tempada. Cos ascensos e as disputas pola permanencia no seu máximo esplendor. Partidos tensos porque sempre queremos gañar. Ei, pero todo queda no campo porque mañá igual nos cruzamos, xa sexa no traballo ou no bar e está moi feo iso de non saudar. “Hai vés bon” di túa nai cando entras pola porta. Ducha quente, recapitulas todo o que fixeches durante o día e planificas a semana.

E é agora cando aparco o fútbol de terrón, collo os meus flocos de millo (“palomitas” para quen se despistara ao comezo) e póñome a ver os resumes do outro fútbol. Mira por onde, fago un 2 x 1, comparo e sigo quedándome co fútbol de terrón. Xa me din conta, será porque estaba vendo a televisión ao pé da cociña de ferro.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*