Antes de nada, quero agradecer a Futbolinlugo, a oportunidade de compartir unhas verbas con todos vós. E espero que despois desta reflexión/memoria da miña vida futbolística (concretamente, dunha etapa bonita e difícil), sirva para recordarnos de todos aqueles que nos axudaron na nosa formación futbolística… Chamarémoslles ‘Os invisibles do fútbol’.

Primeiro gustaríame poñervos en contexto: Era un porteiro que xogaba no equipo da súa vila (na SD Monterroso) co seu grupo de amigos de 14 e 15 anos (categoría cadete) e adestrados por dous pais de dous xogadores, de dous amigos nosos, que conseguen gañar a Liga e a Copa Deputación. Como porterios non hai moitos, e cada vez parece que hai menos (sobretodo nas ‘aldeas’), recibo a chamada do CD Lugo. Despois dunha pequena reunión cos responsables daquelas, que queren formarme como porteiro, acepto o reto de cambiar o xogar cos meu amigos, a xogar nun clube de categoría semiprofesional (daquelas o equipo sénior estaba en 3º División).

E é aquí onde entran en escena, aqueles que lles imos chamar ‘Os invisibles do fútbol’. Con 16 anos, tiña que percorrer cada día 40kms ida e 40kms volta, e evidentemente non tiña carnet de conducir… Como lograba isto? Pois resulta que era o meu avó (o meu 2º pai polas circunstancias persoais) quen era o que me levaba e traía tódalas veces que fixera falta. Na pretempada, adestrábamos entre 4 e 5 días, sen contar o partido amigable que tocase, e durante a tempada eran 4 días máis o partido.

Melendo, defendendo a portería do Lemos. MELANIE DE LA FUENTE

Aquí fago unha pequena paréntese, xa que pensando na miña situación, rapaz estudando 1º de Bacherelato, 4 días á semana mais o partido (que ás veces era Madrid, Valladolid, Santander…) Recordo un día que xogamos en Salamanca e chegamos ás 4 da maña a Lugo e ao día seguinte había instituto e as 8 había que estar en pé. Non se podía faltar adestrar por o ‘teño que estudar’… E aínda así conseguía aprobar as asignaturas con ‘nota’. No meu beneficio, daquelas non había nin Instagram, nin Facebook, nin WhatsApp… E acórdome que ata me daba tempo de estar cos meus amigos tamén… O tempo aproveitábase máis e mellor.

Retomando a situación, era meu avó quen cada día collía o coche e facía 1000 kms semanais para levarme adestrar a Lugo e volver. E que probablemente desfrutaba él máis ca min. Xa fose véndome adestrar ou falando con outros ‘invisibles’ que facían o mesmo ca él,etc.

Sempre estaba aí para levarme a onde fose. Acórdome unha vez, un luns de xaneiro creo. Eu tiña instituto pola tarde, e no intercambio de clase vexo no teléfono que teño unha chamada perdida de Juan Peón… Chamoo nese mesmo momento e coméntame se podo ir adestrar ese mismo día cos de Terceira División. Eu sen pensar moito dígolle que si, pero que probablemente chegase tarde. Foi tocar o timbre de saída, e xa me vedes correndo ata o Bar García, comentarlle a meu avó o que me pasara, deixar a partida de dominó sen rematar, levarme á casa para coller a roupa e arrincar para Lugo sen tempo a nada máis. Todo por verme desfrutar do fútbol, que o fin e o cabo ‘só é un xogo’.

Con todo isto, espero que vos axude a reflexionar, a pensar en todas aquelas persoas que só vós coñecedes, que tanto vos axudaron e sacrificaron para poder desfrutar deste gran deporte. Que son as que verdaderamente fan que o fútbol siga medrando e hoxe estén as cousas como están. Moito mellor que hai 15 anos cando eu empecei a xogar no equipo dos meus amigos.

Espero que con esta ‘entrevista’ lle deamos sentido a todo o esforzo que fai a xente que non se ve, e a seguir mellorando o fútbol, o noso deporte, o noso modo de vida. Saúdos e moitas Grazas

Jesús Melendo López. Adestrador do Antas. Porteiro de referencia

Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*