Son as 17.11 horas do venres, fai algo máis dunha hora que saín da oficina (actualmente traballo e resido na zona norte de Madrid) e escribo estas verbas dende o coche, viaxando pola A6 camiño do adestramento das 21.00 nas Rapadas, o campo da S.D. O Páramo. Algo corrente na miña rutina semanal. Quizais por isto nos últimos tempos escóitolle moito os meus achegados iso de “…ti estás tolo, facer tantos quilómetros por vir xogar ó fútbol...”, ou o de “meréceche a pena facer tantos esforzos e sacrificios por algo que non che dá nada?” e demais frases semellantes. Eu abofé que non o vexo así, e o motivo é sinxelo: fágoo porque quero, porque me gusta, porque me apetece e porque me divirto facéndoo. Ese ‘esforzo’ ten unha gran recompensa para min, permíteme xogar ao fútbol e pasar unhas horas moi divertidas cos meus compañeiros e amigos. Como vedes, non hai nin rastro dese sacrificio ca xente menciona.

Sen embargo co paso dos anos o tempo de xogar vaise rematando e un tenta imaxinar que papel desenvolverá neste mundo no futuro. A cabeza inconscientemente fíxase no resto de persoas que forman parte desta familia, e tenta pórse no seu lugar para imaxinar como é o seu papel dentro do seu equipo. Compre sinalar que ao longo dos máis de 20 anos que levo desfrutando deste marabilloso deporte xoguei en numerosos equipos, de perfís moi diferentes: máis ou menos ‘profesionais’, con maior ou menor capacidade económica e social, de distintas categorías e provincias, etc.

Porén, os clubs modestos, de pobos pequenos, con recursos moi limitados son os meus favoritos, porque reúnen unhas características moi especiais: os xogadores rara vez perciben remuneración económica polo que xogan por pracer, por amizade e por amor a este deporte; o ambiente en tódolos estamentos do clube é moi familiar, o que xera unha forte ligazón entre os membros do mesmo; estes equipos soen estar dirixidos por unha pequena directiva que fai un traballo inesgotábel levando todo o peso do club nos ombreiros, dende lavar a roupa, pintar as liñas do campo ou facer os bocatas, ata manexar o Facebook, redactar un documento para á Federación ou visitar aos patrocinadores. Ademais fan todo isto de maneira totalmente altruísta e desinteresada, roubando tempo da súa vida para dedicarllo ó fútbol, sen agardar nada a cambio. Son, sen panos quentes, os superheroes do fútbol afeccionado.

Como dicía antes cando penso nestes heroes sen capa teño sentimentos contraditorios: moitas veces sinto admiración polo seu traballo e pola súa capacidade de sacrificio, outras moitas agarimo polo trato que nos dispensan os xogadores, e varias veces sinto tristura polos marróns que se comen (xa se sabe que nunca chove a gusto de todos). Sen embargo o sentimento mais común é incredulidade, pois non entendo que os motiva, que é o que lles fai seguir adiante cun traballo tan desagradábel, que ademais non é nin tan sequera un traballo propiamente dito, posto que non obteñen recompensa algunha.

Por iso dende aquí gostaríame darlles as grazas a todos eles, que sempre están aí, que nunca nos fallan, e que fan posible que nós, os xogadores, os seres mais egoístas deste mundo, poidamos desfrutar do que máis nos gusta sen máis preocupacións ca de pasalo ben. Con toda probabilidade eu endexamais me converterei nun destes superheroes, pero pola saúde do noso fútbol, agardemos que nunca falten, pois a súa ausencia será o comezo do fin deste fútbol afeccionado que tanto queremos. Unha forte aperta a todos eles en xeral, e os que se cruzaron no meu camiño en particular, que como bos superheroes que son, chegaron pero xa nunca se foron.

 

Borja Fernández ‘Borjita’. Superheroe e capitán do Páramo

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*