Antes de comezar quería darlle as grazas aos rapaces de Futbolinlugo pola oportunidade que me deron de compartir unhas verbas nesta gran páxina dedicada ao fútbol máis modesto. Despois de moitos anos xogando no fútbol rexional e xa case ás portas de rematar esta viaxe marabillosa, quero transmitirvos o que significou na miña vida este deporte. Facendo especial fincapé nunha das mellores cousas que me deixou: os AMIGOS; e si, no que a min respecta podo confirmar que o fútbol me deixou os mellores amigos, os cales aínda conservo na miña vida fóra del.

Ao longo destes anos este deporte permitiume levar moitas alegrías en forma de ascensos, pero tamén algunha que outra decepción, sobre todo nos momentos de descenso… Sen embargo, iso non importa cando te sentes querido alá onde vas, e eu podo dicir que tiven moita sorte en calquera dos clubs nos que xoguei. Quizais tamén me axude ser dese tipo de persoas que se adapta ao grupo con facilidade e que se anima a calquera actividade tamén fóra do terreo de xogo (viaxes, ceas, etc..)

Coma calquera rapaz nado nos anos 80 comecei a dar patadas a un balón na rúa, berrando aquilo de “Cocheee” cada pouco tempo para apartar do medio. Sen darte conta, nesa época, cando aínda es un cativo, o fútbol comeza a darche esas primeiras amizades e probablemente as que serán para toda a vida. Un comeza na rúa e acaba, normalmente, no club local do pobo, pasando iso si por xogar os torneos de verán de fútbol sala cos rapaces do pobo e con aqueles ‘extra-comunitarios’ que viñan de Bilbao e Barcelona cos que sigo mantendo relación hoxe en día e recordando vellos tempos.

Esta foi a miña orixe no fútbol, ca cal se identificarán unha chea de xogadores. Pouco despois desas primeiras patadas ao esférico, comecei no fútbol base do meu querido Palas, onde pasei por todas e cada unha das súas categorías, pero non foi ata o 2005 cando eu cheguei aos séniors e acadamos o ascenso. Seguramente nese momento non foramos os mellores se falamos a nivel de xogo, pero si o mellor grupo, mesturando xuventude e veteranía, sendo, seguramente, un dos anos nos que máis aprendín.

Pasei case toda unha vida no equipo do meu pobo pero aos 26 anos decidín saír a vivir unha nova experiencia, da que saco unha valoración moi positiva, pois o meu abano de amigos volveuse máis grande cunha mesma causa en común: o fútbol. 

En Melide as cousas non foron fáciles, descendimos o primeiro ano e tivemos que coller impulso para ascender ao ano seguinte e conseguímolo, como? Grazas ao esforzo do pedazo de grupo que se xuntou e que formaba o equipo.

Tras un par de anos xogando por terras melidenses, voltei a casa para gañar unha Copa Deputación. Da que podo dicir que éramos merecedores pola ilusión e as ganas que 11 valentes séniors, ou amigos que diso trata este texto, co apoio dos xuvenís; puxeron para voltar coa copa nas mans. A pesar do mal ano que pasara o club en canto a resultados.

Un título moi especial para todos, sobre todo para min, por poderllo adicar ao meu pai, falecido uns meses antes. Permitídeme aquí facer un a parte sobre o meu ‘vello’ que nos paseou pobo por pobo na súa ‘Furgo’, cantas aventuras!, para poder facer o que máis nos gustaba, e que chegou a perder domingos de monte para botar sempre unha man nos Chacotes.

Nesta última etapa e xa indo ‘maior’, tócame desfrutar na vila veciña, Antas, onde de novo me volveron revivir as ganas de fútbol e onde, como sempre, me recibiron cos brazos abertos e con grandes esperanzas para cumprir os obxectivos marcados para este ano. Son xa 22 anos danzando polos campos de fútbol de Lugo. 22 anos que se din pronto, nos que non só deixo amigos nos clubs nos que tiven a oportunidade de xogar, senón que me levo a ‘grandes colegas’ en xogadores, directivos e incluso afeccionados rivais.

Para rematar, gustaríame facer unha última reflexión, vendo aos rapaces de hoxe en día só podo dicir humildemente, que deberían xogar máis na rúa e menos coas ‘maquinitas’. Un saúdo e moitas grazas.

Koeman. O mito de Palas, a maxia do Antas.

Comparte
                                    

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*