A falta de doce puntos en xogo na Segunda Galicia, Burela e Friol mantéñense como líderes pero o esceario é outro. No grupo norte, o Burela e Pol están en postos de ascenso despois dunha fin de semana na que gañaron todos os equipos da zona alta, menos o cadro da Mariña que perdeu ante un rival directo como o Lourenzá. No sur, Friol e Chantada B seguen á cabeza logo dunha xornada na que os dous empataron e Chantada Atlético e Oural recurtaron diferenzas.

No grupo norte, o Burela sumou un punto nos últimos dous encontros e cortou a súa xeira de once seguidos sen perder; o que provoca que se apreten os equipos da zona alta. En parte, porque caeu ante o Lourenzá (duelo no que houbo oito goles) ao que só lle valía a vitoria para seguir enganchado ao vagón perseguidor. Un punto por debaixo do líder, está o Pol que venceu pola mínima a un dos mellores equipos en canto a números no 2018, a Candelaria. Empatado coa segunda posición segue o Folgueiro que sufriu para sacalos tres puntos das Viñas da Veiga ante o Mondoñedo (3-4). A dous puntos está o Guitiriz logo de vencer a domicilio ao Matela: mentres que a cinco, xunto co Lourenzá, atópase o Cabreiros que foi superior na súa casa a un Meira, no que finalmente Marcos Lombardero segue como adestrador ante a petición dos futbolistas.

Na parte morna da táboa clasificatoria, o Roupar colócase sétimo ao vencer ao Ourol. Por esa sétima praza pelexan tamén o Iberia e o Cospeito (xoga mañá o partido aprazado ante o Meira). Na pasada fin de semana o cadro de San Miguel de Reinante superou aos da Terra Chá. Respirou o Abadín ao vencer no duelo directo ante un Alfoz que segue a cinco puntos da salvación directa, sen ter en conta aínda os posibles arrastres.

No grupo sur, o Friol empatou na Reigosa ante a Milagrosa, o que lle impediu sumar a súa quinta vitoria seguida. Non obstante, mantén cinco puntos de marxe sobre o Chantada B e oito sobre o terceiro clasificado polo que na seguinte xornada se o cadro friolés gaña (ten duelo directo co Oural) e o Chantada Atlético non o fai, sería equipo de Primeira Galicia. Segundo é o filial do Chantada que tamén truncou a súa xeira de catro triunfos consecutivos logo de empatar a domicilio ante o Palas. A tres puntos están o Chantada Atlético que venceu ao Portomarín; e o Oural que sumou a cuarta vitoria seguida ante o Antas. Perdou forzas o San Lázaro que, coa súa terceira derrota nos últimos catro enfrontamentos, queda a sete puntos dos postos de ascenso. Máis complicado o ten o Santa Comba que queda a once puntos ao caer ante a SD Becerreá.

 

Na zona baixa, volve destacar o Castroverde que gañou a domicilio ao Brollón. O equipo adestrado por Diego Gigan sumou cinco vitorias nos últimos sete encontros e sitúase tres puntos por riba do descenso directo que ocupan Antas e Rubián. Aínda así, o conxunto bovedense resístese a perder as súas opción de salvación xa que venceu no seu campo ao filial do Monterroso e queda a cinco puntos do Castroverde.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*