III Torneo Promesas José Manuel Alvelo

A base lucense está de celebración esta Semana Santa, e en especial o está Monterroso. Durante as xornadas de xoves, venres, sábado e domingo terá lugar en Monterroso a terceira edición dun torneo que está gañando peso e nome en toda Galicia, sendo xa un referente para moitos equipos de toda a comunidade, o Torneo Promesas José Manuel Alvelo.

O coordinador do torneo, Adrián Vázquez, explicou para Futbolinlugo que “o torneo conta con todas as categorías do fútbol base, desde prebenxamíns ata xuvenís”, sendo os infantís os que abran o día 29 de marzo o torneo, seguidos polo cadetes o Venres Santo e por xuvenís na xornada de sábado. Por último, as categorías de Fútbol-8 pecharán o torneo o domingo 31, e “todas as categorías disputarán partidos nos dous campos e gozarán das instalacións”.

Engade Adrián que “nesta terceira edición agardamos que o tempo nos acompañe, que as instalacións sexan confortables, que os nenos disfruten ao máximo, pero especialmente que haxa moi bo ambiente e que a vila estea chea de xente de distintas partes de Galicia”.

Desde a SD Monterroso contan con poder seguir organizando este torneo moitos anos, “sendo o único problema o traballo que acarrea, xa que hai moitísima xente involucrada os días de competición, e tamén os días previos contamos cunha gran axuda, pero a ilusión dos rapaces, e o incremento do nivel e do número de participantes fai que a nosa ilusión por continuar facendo o torneo medre aínda máis”.

En canto aos clubes participantes, esta edición incorpora un maior número de equipos,“especialmente en xuvenís, que este ano chegamos aos 16 participantes, e en canto a número de clubes chegamos aproximadamente a 40 -84 equipos-. Ven xente de A Coruña, en infantís a metade dos participantes xogan en Liga Galega, e tamén temos a clubes como Calasancio ou Pabellón, que suben o nivel”.

Destaca tamén Adrián a novos clubes como o Sporting Cambre, o Ánimas, ou o caso do Vila de Corpus que conta con representantes en 3 categorías, polo que se meterán un gran tute ao vir de Ponteareas tres días… pero sempre nos enche de alegría ter tantos clubes no noso torneo”.

Imagen por defecto
Santi Real
De campo en campo. Maniaco do fútbol. En formación continua, aprendendo cada día.
Artículos: 458

Deja un comentario