#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal #Terceira Futgal

Os onces da 1ª rolda da Copa 2020 (2ª e 3ª Rexional)

Comezou a competición oficial. Este curso con cambios. A Copa comezou antes ca Liga. A varios equipos só lles queda a fase regular para o resto da tempada. Nesta primeira rolda houbo algunha sorpresa. Ou polo menos equipos de 3ª que superaron a algún de 2ª. O Cazás, o Antas ou o Sober foron os grandes triunfadores da finde. Iso si, aínda queda unha eliminatoria por resolver. O Monterroso B e a Milagrosa retrasaron unha semana o seu encontro aproveitando que a liga na terceira non empeza ata dentro de 10 días.

O Nuevo Nausti estreouse en competición oficial xogando a súa eliminatoria ante o Mondoñedo

Na zona norte, o Cazás eliminou ao Sanci no Catro Ventos. A eficacia nos penaltis dos locais resultou decisiva despois dun encontro marcado tamén pola polémica. Certo é que os visitantes non deron termado da renda nas dúas ocasións que estiveron por diante. O gardamallas Fernando parou un penalti na quenda. O seu rival nos dezaseisavos será o Abadín. O cadro adestrado este curso por Bonxe viu como o Fril B lle igualaba os dous goles que tiña de vantaxe e que marcara Álex. Nos últimos intres o gol de Izan meteunos na seguinte rolda. Produciuse a estrea en competición oficial da SD Viveiro. Aínda que con nome distinto, será unha especie de filial do Viveiro CF da Preferente. Comezou ao grande derrotando na casa ao Lugo Unión. O seu rival nos 1/16 será o Meira. O cadro meirego pasou sen xogar. O sorteo encadrouno cun Valadouro que non está nin se lle espera. A súa baixa deixará o grupo norte da 3ª Rexional en 11 equipos. O primeiro en descansar será o Matela. Precisamente o cadro de Outeiro caeu eliminado da Copa pola mínima ante o Alfoz. Non chegou co penalti parado por Pedro ou co bo traballo de Vidal e Kevin no medio. O gol de Pablo Souto resultou decisivo no tramo final do partido. O rival do conxunto alfocense será o Xermade que pasou exento esta 1ª rolda.

Tamén se estreou en competición o Nuevo Nausti. Non foi un comezo desexado. Caeu goleado ante un Mondoñedo FC extremadamente superior. O novo proxecto do equipo vilalbés amosou a súa falta de rodaxe e a escasa experiencia dos xogadores no mundo do balompé. Agora os pupilos preparados por Julio Castro veranse nos dezaseisavos co Guitiriz. Eliminou ao Sporting Pontenova nun dos duelos estelares desta rolda. O partido rematou con empate a 3 goles. Logo de que cada equipo remontase un resultado en contra polo medio do partido. Tamén se tivo que resolver nos penaltis un dos derbis por excelencia da provincia. O Cospeito e o Muimenta igualaron a un gol. Jose Teijeiro forzou a pena máxima para os locais cun gol nos últimos intres a saída dunha falta botada por Congui. O cancerbeiro Cancio detivo o penalti lanzado por Tito que lle deu o pase aos celestes. O rival do Muimenta será a Fonsagrada que pasou por sorteo directamente aos dezaseisavos.



Noutro dos duelos entre equipos de Segunda saíu vitorioso o Goiriz sobre o Iberia. O oportunista do gol, Eladio desequilibrou a balanza nos últimos minutos. O seguinte rival será o Celeiro. Quen amosaron a súa superioridade no marcador foron a Candelaria e o Celta Barreiros. O conxunto da Rúa superou a un renovado Catro Roldas na Canteira. Os tres goles pouco antes do descanso foron chave. O Roupar será o seguinte equipo o que se terá que enfrontar a Candelaria na Copa. O Celta Barreiros derrotou ao Rioaveso nun partido que se xogou en Muimenta. O próximo rival do Celta será o Cabreiros. O cadro adestrado por Abel Rochela venceu a domicilio a Comercial. Tivo que botar man dos penaltis despois de igualar a 2 goles. A pesar de poñerse coa vantaxe de dous tantos.

Na zona sur, o Antas superou ao Brollón no Castro Seoane. Coñecerá ao seu rival cando se resolva a eliminatoria entre o filial do Monterroso e a Milagrosa. Tamén pasou o Sober por medio dos penaltis ante o filial do Chantada. O seu rival será o Oural. O cadro adestrado por Negrete venceu nun encontro de proximidade ante o Páramo. Estreouse en competición oficial o Carballedo. O novo proxecto conducido por Txiki dende o banco non puido superar ao Portomarín. E iso que o conxunto adestrado por Fer e Pampín quedou cun menos na primeira metade. Fabio foi expulsado. O seu rival na seguinte fase será o Santa Comba. O cadro lucense superou a domicilio ao Castroverde na Veiga do Olmo. Dobrete de Jul. Menos igualado aínda estivo o partido do Sporting Lucense e o Bóveda. O cadro adestrado por Lolo superou con facilidade ao seu adversario e enfrontarase co Becerreá que pasou exento esta rolda.



Debasa marcou ante o seu ex equipo, pero non chegou para que o Paradela superase ao Corgo. Os pupilos preparados por Vivian avanzan de fase e xogaran co Ferreira. Tamén ten rival o vixente campión. O San Lázaro que non tivo que xogar esta primeira eliminatoria iniciará competición ante o Incio. O conxunto amarelo venceu ao filial do Taboada. No duelo de recén ascendidos a Segunda, o Quiroga superou ao Rio Sil. O cadro quirogués sufriu as chegadas do dianteiro Isma que marcou un gol ao pouco de comezar. Os do Jabalí Mecánico remontaron rápido. Xogarán a seguinte fase co Lemos B. A outra eliminatoria dos dezaseisavos será Rubián – Palas. O conxunto do Poste derrotou ao Relámpago Taboada.

Os onces da 1ª rolda da Copa 2020 (2ª e 3ª Rexional)

A Copa en imaxes: Nuevo Nausti –

Os onces da 1ª rolda da Copa 2020 (2ª e 3ª Rexional)

O partido da xornada . . .

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *