A xornada 19 tráenos, no grupo Norte da Segunda Autonómica, un encontro entre dous aspirantes ao ascenso. Será o domingo ás 16:15 horas no campo da Mina e enfrontará ao Sporting Pontenova e ao Cabreiros, baixo a dirección do colexiado Iván Prado López.

O cadro local é quinto clasificado a catro puntos da segunda praza que ocupa o seu rival nesta xornada, polo que se presume un partido clave para as aspiracións do conxunto dirixido por Andrés Bouza. O Sporting Pontenova, malia caer na última xornada no feudo do Guitiriz, camiña nunha inercia positiva de resultados. Nos catro encontros anteriores foi quen de sumar dez puntos e conta os últimos cinco encontros como local por vitorias. Foi precisamente o Guitiriz, na primeira volta, o único equipo que logrou sacar os tres puntos da Mina. Coa baixa de Puente por acumulación de cartóns, o Sporting tentará acadar un triunfo que o meta de cheo na pelexa polo ascenso.

Se falamos do Sporting Pontenova como un dos mellores locales da categoría, o Cabreiros é o mellor visitante. O equipo de Abel Rochela sumou dezanove dos seus trinta e cinco puntos a domicilio. Tan só a derrota na Veiga ante o Sanci e o empate no campo do Mondoñedo empañan a gran traxectoria dos xermadinos lonxe da Cea. Unha racha de cinco encontros sen perder nos que sumaron trece puntos auparon ao Cabreiros á segunda posición e convertiuse en firme candidato a ocupar unha das prazas de ascenso a final de temporada.

O último enfrontamento entre Sporting Pontenova e Cabreiros na Mina data do 2 de outubro de 2016 con triunfo local cun solitario tanto de Héctor desde o punto de penalti. Ao final desa temporada, o Sporting foi primeiro e ascendeu a Primeira Autonónica, mentres que o Cabreiros rematou na sexta praza.

Falamos do encontro con Carlos López ‘Charli‘ (Sporting Pontenova) e con Seijo (Cabreiros).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CHARLI (SPORTING PONTENOVA)

 – O Cabreiros. «Na Mina os encontros sempre son disputados e vendo a clasificación, este debería selo aínda máis. Malia todo, xogamos na casa, precisamos máis dos puntos e seguro que vai un montón de xente ao campo, así que agardo que a vitoria se quede na Pontenova. Non estiven na ida, pero polos comentarios, o Cabreiros foi un dos equipos que mellor impresion causou«.

– Traxectoria ascendente. «Aínda que pareza mentira, porque o cambio de categoría é hacia abaixo, creo que nos costou moito adaptarnos á Segunda. Ademáis, viñamos dun ano complicado e o grupo precisaba coller confianza e asentarse. A partir de aí o equipo mellorou en xeral e sácanse partidos adiante que ao comezo parecía imposible«.

 – Posibilidades de ascenso. «Falta moito, hai moitos puntos en xogo e só unha distancia de catro, pero debemos ser realistas e este partido é clave. A partir de agora irán aclarándose as cousas, de tódolos xeitos eu cambiáballe o posto aos tres de arriba. Alfoz, Cabreiros e San Ciprián son os que máis doado o teñen«.

SEIJO (CABREIROS)

 – Situación inmellorable. «A verdade é que estamos nunha situación moi positiva. Chegamos nun bo momento a este tramo de temporada, sobre todo gracias ao gran ambiente que existe dentro do vestiario«.

 – O Sporting. «Será un partido moi complicado ante un rival directo. Ademáis no seu campo é un equipo moi forte e contan con xogadores moi rápidos en ataque. Non será doado, pero confiamos en que siga a boa racha«.

– A zona de ascenso. «Está moi disputado poder entrar nos postos de ascenso. O Alfoz ten algo de marxe, pero estamos moitos equipos con opcións. Queda moita liga polo momento e debemos ir partido a partido«.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*