Foi na sétima xornada cando o Cabreiros permaneceu unha semana nas posicións de ascenso. Regresou esta finde ao derrotar ao Sanci. O Alfoz reencontrouse coa vitoria na estrea estelar de Xenxo. E o San Lázaro segue ao seu no sur. Aínda que esta xornada non ampliou diferenzas cos seus inmediatos perseguidores. No Paradela tamén tiveron debut con gol. Repasamos o que deu de si a fin de semana nos onces da 18ª xornada.

No norte, o Alfoz volve ter unha diferenza de cinco puntos co segundo clasificado. Venceu ao Meira que pasou de ser un dos equipos revelación; a unir tres derrotas seguidas. No seu primeiro partido co cadro verde, Xenxo estreouse como goleador. Por partida dobre. Foi o encargado de marcalo primeiro gol do encontro. O Meira chegou a remontar. E os locais fixeron o propio. O terceiro marcouno tamén Xenxo. O segundo clasificado é agora o Cabreiros. Aínda que cos mesmos puntos ca o seu rival desta xornada. No duelo directo da Cea os locais superaron ao Sanci. E a parte alta iguálase máis. Porque o Xermade tamén gañou e sitúase a 3 puntos do ascenso. O cadro xermadino venceu no Municipal pola mínima ante un Goiriz que deu a talla. Podíase quedar a un punto do ascenso, pero o Sporting Pontenova veu de baleiro de Guitiriz. O conxunto guitiricense derrotou pola mínima aos pupilos preparados por Andrés Bouza.

Quen alimenta as súas esperanzas de unirse á pelexa é o Celta Barreiros que venceu no Cascabeiro ao Abadín. Non obstante pode botar de menos a un xogador. En principio Dani Chin non xogará máis co Celta Barreiros por motivos laborais. Non obstante, non é unha saída definitiva. Marcha cun gol de penalti. O gran gol de falta directa de Celeiro significou finalmente a vitoria. O Abadín continúa sen fortuna cara o gol. Conseguiu xerar ocasións, pero non foi quen de acertar. Prolóngase a boa xeira dun Roupar que mira cara arriba. Derrotou a un rival directo na zona media como é o Cospeito. Goles de Junior, Sebas e Santi Rouco. A Candelaria tamén pon terra de por medio co descenso ao gañar ao Iberia. Adiantouse cun gol de falta, aproveitou un erro defensivo para poñer o segundo, Jacobo paroulle por dúas veces un penalti a Javi Castrillón e o cadro da Granda sentenciou cun penalti. O Muimenta superou pola mínima ao Mondoñedo. O cadro mindoniense quedou cun xogador menos por expulsión na primeira metade. Os locais conseguiron o gol da vitoria no segundo tempo. Matías marcou un bo gol.

No grupo sur mantense no tempo a boa xeira do San Lázaro. 16 partidos sen perder. 47 puntos. O último encontro resolveuno cunha clara vitoria no marcador ante o Oural. Julito foi un dos protagonistas con tres goles. Na segunda posición garda as distancias o Ferreira. Derrotou pola mínima ao Chantada B. O gol de Rafa significou finalmente 3 puntos. Esa é a diferenza co inmediato perseguidor, o Portomarín. O conxunto do Chao da Poza derrotou con claridade ao Corgo na casa. Dos actuais seis primeiros clasificados o único que non gañou nesta xornada foi o Río Sil. O cadro soberino mantense na cuarta praza. Pero nos Medos nin el nin o Brollón batiron co gol (imaxes do partido aquí grazas a Mariluz Fagín).

Si conseguiu o triunfo o Paradela. Tamén lle chegou cun gol ante o Santa Comba no Gandarón. Ademais foi un tanto para enmarcar unha estrea. Alejandro Abella debutaba co cadro verde e marcou o gol da vitoria. Escala ata a sexta praza o Becerreá nun encontro sen moita historia ante o Bóveda. Dende os primeiros minutos o partido xa se decantou no marcador para os visitantes. Os locais tiveron algunha aproximación, pero Álex amouse a súa seguridade baixo paus. O Páramo reencontrouse co triunfo tres xornadas despois. Venceu nun partido axustado con cinco goles ante o Palas nos Chacotes. Na zona baixa destacou a vitoria do Quiroga pola mínima sobre o Incio. Primeira parte sen excesivas ocasións, pero na que o Quiroga mandou no partido coa posesión. Aínda así, os locais adiantáronse nunha xogada a balón parado con gol de Juan Luis. Mellorou o Incio no segundo acto e tivo ocasións. Pero non foi quen de empatar.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*