Chegamos á décima xornada na Preferente. Decir que é unha categoría igualada sería unha obviedade, pero esta temporada parece que a pelexa pola zona alta será das máis parellas dos últimos tempos. Co Viveiro tímidamente distanciado, seis equipos persígueno con tan só tres puntos de diferencia entre eles. Fisterra e Mugardos, dous recén ascendidos, pero cun gran potencial, Puebla, Boiro, Sarriana e Ribadeo pelexan por facerse un oco na zona cabeceira. Precisamente os dous conxuntos lucenses enfrontaranse este domingo ás 17 horas na Ribela, co obxectivo de escalar postos na clasificación.

O cadro local, sexto clasificado, chega a este encontro logo de vencer ao Sigüeiro no último suspiro. Coa moral alta logo do triunfo en terras santiaguesas, os de Dani Fernández buscarán reencontrarse coa vitoria no seu feudo. Despois de tres partidos consecutivos gañando como local, incluído o triunfo ante o líder, o Mugardos marchou cos primeiros puntos da Ribela. Cun cadro de xogadores moi renovado, pero xa adaptado ao estilo do seu novo adestrador, a Sarriana tentará pelexar polo ascenso ata o final, tal e como aconteu na derradeira temporada. Xogadores como Javicho ou Fernando enfrontaranse ao seu ex equipo.

Fernando verase as caras cos seus ex compañeiros

Pola súa banda, o Ribadeo atópase no mellor momento da temporada. Tres triunfos consecutivos e quince dos dezaoito últimos puntos en xogo acadados son o balance dos de Rafa Casanova. Co hándicap xa coñecido de non dispoñer do Pepe Barrera ata comezos do 2020 polas obras de renovación do céspede, os mariñáns souberon sobrepoñerse á esa adversidade e atópanse a tiro de pedra dos postos de privilexio. O retorno de Poratti logo da sanción arrastrada da final da Copa Deputación da pasada temporada, xunto co bo momento de xogadores como Aitor ou Criss, foron fundamentais para a melloría do equipo nas últimas xornadas.

Martín Traba retornou ao Ribadeo esta campaña logo dun ano no As Pontes

O último enfrontamento entre Sarriana e Ribadeo na Ribela tivo lugar o 1 de novembro de 2018 e rematou con triunfo local por dous goles a un. Mauro e Joao anotaron para os sarriaos, mentres que Luki fíxoo para os da Mariña.

Falamos do encontro con dous xogadores clave para os seus conxuntos: Omar (Sarriana) e Aitor (Ribadeo).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

OMAR (S.D. SARRIANA)

 – O triunfo en Sigüeiro. «Foron tres puntos máis que merecidos. O resultado foi axustado e cun gol ao final do partido, pero fixemos méritos de sobra para levar os tres puntos. Aínda é cedo para falar de estar en cabeza, porque está claro que vai ser das Preferentes máis igualadas dos últimos anos«.

– O Ribadeo. «Agardo un encontro moi igualado, o típico dun derbi. Creo que gañará o que teña máis acertado nas dúas áreas. Son un bo equipo. Compartín vestiario con case a metade dos xogadores e sei do seu potencial. Agardemos que sexa un bo partido e que os afeccionados podan disfrutar«.

– A Sarriana. «Practicamente somos un equipo novo. Polo momento estamos competindo ben, pero a liga é moi longa. Non estamos a ter sorte coas lesións, xa van dúas de xeonllo e unha fractura do quinto metatarsiano. Agardemos que con isto xa teñamos o cupo cuberto ao completo«.

AITOR (RIBADEO F.C.)

Foto: Foto Miguel

 – Aspiracións do equipo. «Aínda é moi pronto para poñerse metas. Imos pouco a pouco e os resultados situarannos onde merecemos ao final de temporada. Agardemos que sexa o máis arriba posible«.

 – A Sarriana. «Sempre que imos a Sarria son encontros complicados. Seguramos os tres puntos serán para o equipo que menos erros cometa. Creo que será un partido pechado e sobre todo moi disputado. Teñen moito potencial a nivel ofensivo, xa que teñen xogadores de moita calidade e moi rápidos«.

– O mellor Aitor. «Dos anos que levo no Ribadeo, creo que é a que vai mellor encamiñada, pero aínda é cedo para facer balance. Ogallá que poda seguir así. Quero mandarlle un mensaxe de ánimo ao noso compañeiro Gara, que se lesionou onte no adestramento«.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*