O domingo ás 16:15 horas a Marosa acollerá un encontro entre dous conxuntos que miran de reollo os postos de cabeza. O Burela recibe ao Pol, con tres puntos en xogo que serán claves para achegarse a unha zona cabeceira que, como xa é habitual na Primeira Autonómica, goza de gran igualdade, a excepción dun Atlético Escairón que destaca no liderato.

Cabe destacar que ámbolos dous equipos acadaron o ascenso desde a Segunda Autonómica na temporada 2017/2018, nunha batalla moi parella co Folgueiro, conxunto que se mantivo ata a derradeira xornada con opcións. Logo dun ano de adaptación á Primeira, na que acadaron a permanencia sen excesivos apuros, agora mariñáns e chairegos buscan dar un paso máis e aspiran aos postos de privilexio.

Diego Chao foi un dos principais reforzos do Burela para esta temporada

A Sociedade Deportiva Burela é quinta clasificada con vinte puntos, catro por debaixo dun Outeiro de Rei que ocupa praza de ascenso. Invicto na Marosa e con tan só unha derrota, a colleitada no campo do líder, o equipo adestrado por Jaime é un conxunto complicado de dobregar, pero a dificultade que atopa para pechar os encontros impídelle unha mellor clasificación. Ademáis é o conxunto máis realizador da categoría, con Jairo e David Ben como máximos expoñentes en ataque, sendo quen de marcarlle seis ao Santaballés ou catro ao Xove Lago.

O Pol é sétimo na clasificación con tres puntos menos que os burelaos e dez goles menos a favor. O conxunto de Fernando Corredoira notou a ausencia, durante preto de dous meses do seu goleador Carlitos. Agora co pichichi da pasada temporada recuperado e coa incorporación de Kevin, logo de comezalo curso no Ribadeo, o equipo chairego conta cun cadro de xogadores dispostos a escalar postos na táboa. Aínda que os dous últimos encontros lonxe do Manuel Luna non foi quen de puntuar, o Pol acadou o triunfo no sempre difícil campo do San Roque e tamén en Friol, ademáis de arrancar un empate no Sangoñedo ante o Chantada Atlético.

Iván González, un dos referentes no fútbol provincial

O último enfrontamento entre Burela e Pol na Marosa tivo lugar o 18 de novembro de 2019 e rematou con triunfo visitante por 0-2. O autor dos goles foi un dos nosos protagonistas, Carlitos. Probablemente, atoparase enfronte con Simón, gardameta burelao.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

SIMÓN (S.D. BURELA)

Simón no encontro da pasada temporada ante o Friol

 – O Pol. «Agardo un partido igualado, como case todos os desta categoría. Se estamos concentrados os noventa minutos e facemos as cousas ben temos moitas opcións de levar os tres puntos. Aínda que a principal debilidade somos nós mesmos, o Pol ten xogadores capaces de desequilibrar en calquer encontro».

– Fuga de puntos. «A causa principal de non aproveitar a nosa gran capacidade goleadores creo que é que non sabemos pechalos partidos, ademáis de ter algo de sorte no tramo final dos encontros, xa que non deberamos encaixar algún dos goles que recibimos«.

– A zona quente de Primeira. «Creo que o ascenso se xogará entre cinco ou seis equipos durante toda a temporada e será a regularidade a que poña a cada un onde se mereza. Este Burela pode pelexar polo que se propoña, pero sempre indo paso a paso e sendo conscientes que nesta categoría calquera equipo lle pode gañar a outro».

CARLITOS (S.D. POL)

Carlitos, primeiro pola esquerda, no All Star Futbolinlugo na Marosa

 – O encontro da Marosa. «Creo que será un encontro igualado. Eles son un bo equipo, xogan na casa e están a facer unha gran campaña. Nós intentaremos facer ben o noso traballo para sacar de alí algo positivo».

 – Tres puntos pra escalar. «Nós traballamos para estar o máis arriba posible, igual que os demáis equipos. Logo rematar nun posto ou outro é cuestión de detalles. Tódolos conxuntos queren gañar e póñeno cada vez máis difícil».

 – O home gol do Pol. «Sería bo para o equipo que chegase ao nivel goleador do ano pasado, pero non me importa moito marcar ou non mentres o traballo que desenrolo no campo sirva para sumar. Levaba mes e medio sen competir por lesión e agora síntome ben e agardo aportarlle o máximo ao equipo».

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*