A autovía A-8 ao seu paso polo Fiouco ben seguro que é un dos temas de conversacion máis repetidos en moitos dos bares da zona. Non a estrada en sí, senón o pouco uso que se lle da por mor da néboa. Pero agora o xa famoso porto que separa a Mariña da Terra Chá tamén será lembrado polo enfrontramente entre dos clubes amigos e veciños. Mondoñedo e Abadín veranse as caras este domingo ás 17 horas no Viñas da Veiga, no xa denominado «derbi do Fiouco«, un dos encontros máis atractivos desta Segunda Autonómica.

O conxunto mindoninse ocupa o noveno posto da táboa logo das dúas xornadas disputadas. Gañou como local a un dos equipos chamados a loitar polo ascenso, o Folgueiro, e caeu derrotado na súa visita ao recén ascendido Goiriz. Para o adestrador do Mondoñedo, Israel Cruz «o encontro ante o o Goiriz deixóunos mal sabor, pero agardamos chegar ben a este encontro ante o Abadín. Gustoume moito o traballo do equipo nos adestramentos desta semana«. Para o técnico, o seu rival do domingo «caracterízase por loitar os noventa minutos, vanse vaciar no campo e iso fainos ter que estar enchufados todo o partido. Ademáis están sen puntuar e ao ser derbi, a motivación para eles vai a ser extra«. Para Israel, o encontro que o seu equipo venceu ao Folgueiro debe ser a referencia, «debemos amosar esa boa versión de novo no Viñas da Veiga, un campo de maiores dimensións, e que temos que aprender a sacar cada partido«.

Dous dos veteráns, Miguel e Ros, seguen a liderar a zaga mindoniense

Para o Abadín, o calendario non foi benévolo de cara aos primeiros encontros. Na primeira xornada tivo que enfrontarse ao Guitiriz, un dos galos, e caeu goleado por cinco goles a cero no Suso Cruz. O pasado domingo visitou o Municipal un recén descendido como o Xermade. Malia que a versión do Abadín foi moito mellor non foi quen de puntuar. Deste xeito, o cadro adestrado por Óscar Pol é o pechacancelas da categoría. O técnico do conxunto chairego afirma que «recuperamos a moral tras unha derrota difícil de dixerir ante o Xermade, onde merecemos os tres puntos con claridade. Para domingo trataremos de repetir un bo partido, cambiando unicamente o resultado«. Así, Óscar Pol non se detén en analizalo Mondoñedo, senón que prefire centrarse neles mesmos «desde o respecto  a tódolos rivais, só me preocupa conseguir que o noso equipo rinda como a xornada pasada, sendo igual de xeneroso no esforzo e igual de correcto tácticamente. Só así acadaremos o obxectivo de sumar canto antes«.

Os pupilos de Óscar Pol buscarán estrealo seu casilleiro de puntos no Viñas da Veiga

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

 – Polvorín F.C. – Porriño Industrial C.F. (Domingo ás 17:30 horas na Reigosa): por fin o filial lucense xogará como local, aínda que sexa en Friol. Enfrontarase a outro dos conxuntos recén ascendidos que tampouco conseguiu gañar ata o de agora. Importante comezar a sumar.

Os goles de Cuadrado, unha das claves no ansiado resurxir do Polvorín

Racing Vilalbés – C.D. Arenteiro (Domingo ás 18 horas na Madalena): co obxectivo de gañar firmeza defensiva, os chairegos reciben a un dos conxuntos que mellor se reforzou durante o verán.

Preferente Norte

Viveiro C.F. – C.D. Foz (Domingo ás 18 horas en Cantarrana): logo de que ámbolos conxuntos lograran os tres primeiros puntos da temporada, enfróntanse nun derbi que xa tardaba en repetirse en Preferente.

Iban Gayol, un dos baluartes ofensivos do Foz

S.D. Sarriana – S.D. Agolada (Domingo ás 18 horas na Ribela): os de Alberto López, logo dun comezo espectacular, buscarán a quinta victoria consecutiva ante un Agolada que aínda non foi quen de puntuar.

Ribadeo F.C. – Xallas F.C. (Domingo ás 18:30 horas no Pepe Barrera): encontro para que os de Rafa Casanova se afiancen na parte alta da táboa, pero non o terán doado ante un Xallas sempre complicado.

Primeira Autonómica

 – Burela S.D. – U.D. Xove Lago (Domingo ás 18 horas na Marosa): derbi mariñán no que chegan as primeiras urxencias. Os burelaos logo de dúas derrotas consecutivas buscarán o triunfo como local ante un rival que non coñece aínda a victoria.

O Burela terá que vixiar de preto á parella atacante do Xove: Diego Chao e Juanjo

Club Lemos – S.D. Santaballés (Domingo ás 17 horas na Pinguela): encontro por todo o alto da clasificación. Os monfortinos, intratables ata o de agora, reciben aos de Simón Lamas que son terceiros e están a amosar unha gran imaxe neste comezo de temporada.

Segunda Autonómica

 – Guitiriz S.D. – Iberia C.F. (Domingo ás 17 horas no Suso Cruz): un dos grandes favoritos, que xa rematou moi preto do ascenso na última temporada, volta a comezar forte. Recibe no seu feudo ao conxunto dirixido por Nico, que non coñece a derrota.

O Iberia buscará manterse invicto nun campo complicado como é o Suso Cruz

S.D. Cervo – S.D. Candelaria (Domingo ás 17 horas na Bidueira): derbi cervense no cal os de Iván Pernas buscarán a primeira victoria da temporada. Os de Rúa, nun gran comezo de temporada, quererán sumar para seguir na parte alta.

Ferreira C.F. – Palas C.F. (Domingo ás 18 horas no Baliño): ámbolos conxuntos contan os seus partidos por victorias. Os de Corral buscarán facer bo o factor campo e brindarlle un triunfo ante a súa afección.

Terceira Autonómica

 – Celta Barreiros – Fonsagrada (Domingo ás 17 horas no Cascabeiro): dous dos conxuntos con máis potencial da categoría, que comezaron con victoria a competición, miden as súas forzas no campo do conxunto barreirense.

Primeira División Feminina

 – Antas S.D. – Viajes Interrias (Domingo ás 18 horas no Castro Seoane): as da Ulloa reciben ao líder, pero as rapazas de Melendo buscarán o primeiro triunfo da temporada.

Segunda División Feminina

 – S.G. Comercial – Carballedo C.F. (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): logo de descansar na primeira xornada as da capital lucense reciben a un Carballedo con gañas de melloralo mal sabor de boca do seu debut ante o Orzán.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*