Xa pasou moito tempo desde o último enfrontamento, tanto que incluso moitos dos seareiros de ámbolos clubes nin se lembran do último. Máis de oito anos sen que o Iberia e o Celta Barreiros se vexan as caras nun encontro ligueiro, pero este sábado ás 16:15 horas enfrontaranse de novo coas Valgas como esceario. O bautizado como o ‘derbi das praias‘ movilizou, como non podía ser doutro xeito, ás dúas afeccións así como aos clubes que volcan os seus esforzos nas redes sociais para que o ambiente sexa o das grandes citas.

O Iberia afronta o encontro desde a penúltima praza da clasificación, empatado a puntos co pechacancelas Abadín, e tan só foi quen de gañar un encontro desde o comezo de liga, no mes de outubro no campo do Roupar. As baixas respecto á temporada anterior de Sergio, Vijande ou Perotti, entre outros, debilitou a un equipo que partiu xa co obxectivo de manter a categoría. A aposta, a mesma dos últimos anos: os xogadores da casa, liderados polo de sempre, Marcos. Con eles, incluído un histórico como Javi Castrillón, que voltou aos campos varios anos despois, xunto con varias incorporacións tentarán manter a categoría. Aínda que a clasificación reflicte a delicada situación do equipo de José Manuel, os de San Miguel amosaron en moitos encontros que son capaces de competir ante os conxunto máis fortes da categoría, acadando meritorios empates ante San Ciprián e Cabreiros.

Se isto non fose un derbi, o cadro visitante sería o gran favorito. O Celta Barreiros, logo de moitos anos na Terceira Autonómica, foi quen de recuperala categoría e fíxoo pola porta grande. O equipo adestrado por Fran Vázquez comezou a temporada con galóns de veterán en Segunda e a día de hoxe conta con dez puntos de vantaxe sobre o Iberia. Seis xornadas sen perder situaron ao cadro celeste na zona alta da categoría, pero un mes de novembro aciago colocou aos barreirenses na zona morna da clasificación. O último triunfo no campo da Cea fixo que fosen ao parón con mellor sabor de boca. A boa xeira do Celta non é casual. Xogadores como Jorge, Dani Chin, Álvaro, Hugo ou Adrián Rivas, todos eles curtidos no C.D. Foz, dan mostra do potencial dos do Cascabeiro.

Así se presenta un ‘derbi das praias‘ que non poderán disputar no Iberia Jordane, Lavilson e Álex por motivos laborais, Joao por asuntos persoais e Perancho e Pisco por sanción , mentres que no Celta Barreiros serán baixa Álvaro por sanción e Insua por motivos persoais.

O último enfrontamento entre Iberia e Celta Barreiros no campo das Valgas data do 13 de novembro do 2011 e rematou con triunfo local por tres goles a un. Os goles foron obra de Diego Rego en dúas ocasións, hoxe adestrador do Lourenzá e de David para o Iberia, mentras que Iván Arnau anotou para o Celta.

Falamos do derbi con Carlos Devesa, segundo adestrador do Iberia e con Fran Vázquez, técnico do Celta Barreiros.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

CARLOS DEVESA (IBERIA C.F.)

Carlos Devesa na súa etapa como futbolista, formou parte do Iberia.

 – O derbi como estímulo. «Como non xogamos desde a ponte de decembro, aproveitamos para facer unha pequena pretemporada, adestrando a tope e con tódolos xogadores moi motivados. Afrontamos a segunda volta como se fora un ‘Torneo Clausura’ e iremos a tope polo obxectivo da permanencia. Como moitos dos integrantes da plantilla son de San Miguel, o derbi é un encontro moi especial, polo que agardamos sumar os tres puntos«.

– O rival. «Decir que sete ou oito xogadores xa competiron nalgún momento en Preferente xa amosa o potencial que teñen para a Segunda Autonómica. As categorías están para algo, e agora independentemente de varios factores a calidade esta ahí. David Celeiro pasou polas categorías inferiores do Lugo, Dani Chin non precisa presentación, Xian, Hugo, etc. Son un moi bo equipo adestrado por Fran, un rapaz novo pero que se adaptou moi ben á categoría. De seguro que nos plantexarán un encontro complexo«.

 – O ambiente. «Logo de tantos anos sen que houbera derbi decidimos que se xogase o sábado precisamente para conseguir que a xente dos concellos limítrofes se poda achegar ás Valgas e disfrutar dun encontro bonito. Ademáis, as previsións son de bo tempo e os taberneiros das Valgas son dos mellores da Mariña. José Manuel e eu xogamos varios anos neste equipo e moitos dos xogadores son da casa, polo que as gañas de que chegue o derbi son grandes«.

 – A permanencia. «Son optimista, tanto no fútbol como na vida. Tivemos moitos contratempos, varios fichaxes que se tiveron que marchar por motivos laborais, lesionáronse os dous porteiros e incluso tivo que xogar Balbón baixo paos algún encontro. Aínda que sone a tópico, cando estás na zona baixa multiplícanse as desgrazas, un sinfín de balóns ao pao, goles nos últimos intres, etc, pero o equipo traballa moi ben e deixa todo en cada partido ou adestramento, polo que confío en manter a categoría«.

FRAN VÁZQUEZ (CELTA BARREIROS)

Fran Vázquez conversando con Álvaro intres antes do encontro do Celta Barreiros ante o Sanci

 – O derbi. «Afrontamos o partido como outro máis da temporada, coas mesmas gañas de acadalos tres puntos e seguir mellorando como equipo. Pero non cabe dúbida que este é un encontro máis especial polo feito de ser dous equipos veciños do mesmo concello. Nun derbi coma este estar por diante na clasificación é de menos, xa que tódolos equipos compiten ben«.

– O Iberia. «Son un bo equipo, con experiencia na categoría e sempre dan moita guerra.  Ben seguro que co paso das xornadas irán a máis, pero nós confiamos moito no noso traballo do día a día e na piña que formamos dentro e fóra do vestiario, que é o máis importante nesta categoría, para acadala vitoria«.

– As Valgas. «Ben seguro que se achegará moita xente e haberá un bo ambiente de fútbol. Agardemos poder disfrutar tanto os de dentro como os de fóra. Somos conscientes de que alí nos van apretar desde o minuto un, iso seguro«.

– O obxectivo para a segunda volta. «O mesmo que desde o primeiro día, a permanencia. Traballamos duro desde o comezo para chegar ás últimas xornadas cos deberes feitos  e non correr perigo. E canto máis sumemos agora moito mellor«.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*