Moi probable que moitos afeccionados, cando saiu o calendario da Preferente, miraron en que xornada cadraba o derbi entre Foz e Viveiro. Houbo que agardar sete xornadas, pero á oitava os siareiros da Mariña e de toda a provincia poderán disfrutar dun dos mellores encontros da categoría. O domingo a cita é no Martínez Otero ás 17:30 horas e prevese un gran ambiente con moita afección chegada desde a cidade do Landro. O encontro será arbitrado polo coruñés Ordóñez Rodríguez.

A lesión de Bruzos permítelle a Manu Pardo ocupar a portería do C.D. Foz

O conxunto focense atópase situado na metade da táboa. Un comezo significativamente mellor que o da pasada temporada, na que os de Gayol retornaron á Preferente moitos anos despois. Coa categoría máis coñecida, e cunha solidez defensiva xa recoñecible, só alterada no encontro ante o Dubra, o Clube Deportivo Foz tan só perdeu un dos sete encontros disputados. Foi o xogado no sempre difícil campo do Carral diante do Sofán. E o calendario non foi bondadoso, enfrontándose xa a Sarriana, Noia ou Arteixo, o que os convertiu no mataxigantes da Preferente. Ademáis, a ter en conta o último triunfo ante o Puebla, invicto ata a visita do conxunto focense.

O Viveiro chega ao Martínez Otero no liderato, co rol de candidato ao ascenso xa asumido desde o comezo de temporada. Malia non gañar os dous últimos encontros, nos que sumou un punto tras empatar en Cantarrana ante o Noia e caer derrotado coa Sarriana, os números dos pupilos de Chusky son espectaculares. Dezaoito goles encaixados e tan só catro recibidos, sendo xunto co Puebla os conxuntos que menos tantos encaixan da categoría.

Aínda que ámbolos dous conxuntos destacan polo seu bo facer en facetas defensivas, a calidade dos ataques sobresairá sobre o céspede focense. Asier, Dani Chao, Miguel Gomes, Gonzalo, Álex Paz por un lado e Gerardo, Álex Meitín, Tichu, Arturo ou Marino por outro deixa entrever moito traballo para os gardametas.

Iván voltará ao mediocampo do Viveiro logo de cumplir un encontro de sanción

Jesús Gayol, non poderá contar para o encontro do domingo con Cayón, Bruzos e Jacob, todos eles lesionados, mentres que o Viveiro chegará ao derbi co cadro de xogadores ao completo.

O último enfrontamento entre os dous equipos no Martínez Otero saldouse con triunfo visitante. Foi o 3 de febreiro deste mesmo ano e o resultado de un tanto a tres. Bouso marcou para o Foz e Álex Meitín, Xaime e Arturo para o Viveiro.

Falamos do encontro con Dani Chao (Foz) e Marino (Viveiro).

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

DANI CHAO (C.D. FOZ)

 – A fortaleza defensiva. «Está claro que moitas das nosas posibilidades pasan por ser fortes atrás. Sabemos que en ataque temos variantes e somos rápidos. Imos ter ocasións en tódolos encontros. Por iso deixar a portería a cero daranos moitas opcións de sacar adiante os partidos«.

 – O derbi. «Agardo un partido moi moi disputado, con ocasións para os dous equipos e que se decidirá por pequenos detalles. Creo que o Viveiro sairá moi ofensivo, quererá o balón e xogará co equipo moi aberto, pero nós tentaremos ser efectivos coas nosas armas«.

 – A madurez do equipo. «Respecto ao ano pasado cambiou a idea que temos da categoría. O ano pasado costounos moito arrancar. Queriamos ter a posesión como en Primeira Autonómica e iso non nos funcionaba. Agora xa sabemos o que é a Preferente e o que costa mantela. Pelexar tódolos encontros os noventa minutos e morrer no campo sendo sólidos en defensa é a nosa premisa«.

MARINO  (VIVEIRO C.F.)

 – Dúas xornadas sen gañar, pero líderes. «O equipo está ben. As últimas xornadas enfrontámonos a equipos fortes e que sabiamos do seu gran potencial. Sabemos o difícil que é esta categoría e ningún rival nos porá as cousas fáciles, e menos agora que imos líderes«.

– O Foz. «Agardo o típico encontro de derbi. Será un partido moi complicado ante un rival que conta cunha gran plantilla. Compiten moi ben ante calquer rival, e contan con xogadores como Asier, Gonzalo ou Gayol que da nada crean unha ocasión de gol«.

– Segunda temporada en Cantarrana. «A verdade que estou moi contento en Viveiro. Trátame xenial todo o mundo. Esta temporada estou contando algo menos porque o traballo non me permite adestrar tódolos días, pero creo que estou aportando e tentaremos seguir medrando un pouquiño cada día«.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*