O fútbol volve a Codesido

As ligas provincias de veteráns comezaron hai dúas fins de semana, pero hai un debut que se resiste. É o do CD Codesido que inicia esta campaña o seu proxecto na liga de veteráns. Na primeira xornada aprazouse o derbi co Santaballés por mor das festas na parroquia vilalbesa que se celebran a carón do campo da Casanova. E na segunda (que se xogou hai unha semana) ao equipo vilalbés tocoulle descansar xa que a súa inclusión este ano na competición fai que haxa quince equipos na categoría. Polo tanto, a estrea será este domingo no encontro ante o Veteráns Sarria SD.

Codesido quedara sen fútbol hai algo máis dun ano despois da desaparición do seu equipo de rexional que militara nas últimas temporadas na Terceira Galicia e tamén participara na Segunda. Algúns dos seus ex-futbolistas decidiron volver armar un equipo co obxectivo de ter un motivo para pasalo ben cada fin de semana e tamén coa intención de evitar o abandono das instalacións do campo da Casanova. Manuel Rodríguez é o presidente dun equipo de veciños formado por xente da parroquia e algún máis que vén doutras zonas lindantes.

Os gastos de manter un equipo en categoría rexional eran difícil de asumir, polo que o club decidiu deixar de competir. “Iso é moi carísimo”, en palabras do presidente. Agora inician una nova aventura: “temos aí unha inversión feita no campo, e sobre todo para evitar que nos quiten servizos como a luz”, concreta Manuel.

Co nacemento do Codesido chegarán tamén os derbis vilalbeses, xa que o concello da Terra Chá conta con cinco equipos na Segunda División de Veteráns (Albense, A Canteira, Sancobade e Santaballés). Especial será ese partido (aprazado na primeira xornada) fronte ao Santaballés. Aínda que sempre quedará a eterna disputa pola charca do Alligal, o presidente Manuel Rodríguez sentencia: “levámonos todos ben”.

Na cabeza dun equipo está un home que leva mamando o fútbol de Codesido dende que era un cativo, xa xogaba cando aínda o equipo estaba sen federar e o fútbol era un divertimento para moitos dos rapaces da contorna. Despois foi adestrador e agora preside un club que outra xente do pobo se encarga de poñer a funcionar. O obxectivo é claro, afirma Manuel: “Divertirse e tratar de que non pase nada. Manter as instalacións que senon podrece todo“. Que así sexa por moito máis tempo.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*