Hai arredor dun mes confirmábase no Saviñao a renovación de Alberto López como preparador do Atlético Escairón. Despois de ser un recén ascendido este pasado ano na Preferente Norte, o equipo foi un dos clubs revelación da categoría. Finalizaron sextos clasificados con 61 puntos por riba de equipos como o Viveiro ou o Ribadeo. A idea para o novo curso era seguir na mesma liña do pasado, pero algo se torceu nos últimos días que non terminou por convencer a Alberto López. Como el di, non tivo nada que ver co cambio na presidencia, simplemente non comparte unha idea e prefire deixalo.
Futbolinlugo: Despois de renovar, por que tomas a decisión de deixar o Atlético Escairón?
Alberto López: Tiñamos un proxecto deportivo claro a finais de maio: renovar a maior parte do cadro de xogadores e reforzar o equipo en catro ou cinco posicións. A intención era seguir sendo un conxunto competitivo e seguir medrando, sabendo que a permanencia era o obxectivo do club. As cousas fóronse torcendo, con outro plan por parte da directiva. Ao final, como estaba habendo complicacións para desenvolver o propósito inicial prefiro deixalo. Hai unha nova idea ca non me sinto identificado a nivel deportivo e, a pesar de ter unha extraordinaria relación coa directiva e cos xogadores, decido deixalo.
«Prefiro marchar agora ca ter problemas ao longo da temporada»
F: Un dos motivos foi non conseguir esa renovación da maior parte dos xogadores como querías?
AL: Hai algúns xogadores que, polos motivos que foran, non quixeron renovar. Entón, cando xogadores do Saviñao moi importantes para o equipo deciden non renovar, a partir de aí empezan os problemas. Non fomos capaces entre a directiva e o corpo técnico de conseguir que quedasen, aínda que xa sabíamos que era complicado pola gran temporada que fixeron. A raíz de aí, a directiva decidiu que había que incorporar a catro ou cinco futbolistas que o deixaran. E eu non me identifico con ese proxecto. Son xogadores que deixaron o club eles mesmos por temas deportivos. Para min é un paso atrás do club, respecto a decisión, pero non me vexo nesa idea. Prefiro marchar agora ca ter problemas ao longo da temporada. Como digo sempre, hai que ir por diante.
«Queda un traballo moi importante feito»
F: Sorprende a decisión cando a nova campaña xa estaba encamiñada…
AL: Esta semana fichábamos ao porteiro Arturo do Calasancio, ao defensa Manu do Lemos e a Samuel do Chantada. Estabamos incorporando xogadores moi novos e tamén contrastados como Diego Arias e Alami. Queda un traballo moi importante feito. Unha pretemporada preparada con amigables contra equipos de Terceira, Preferente, un triangular con Chantada e Sarriana e outro con Lalín e Estradense. Pero non me identifico co remate final que se lle quere poñer ao equipo con xogadores que deportivamente non encaixo coa forma de traballar que teñen.
F: Con que sensación marchas?
AL: Con moita tristeza. Eu creo que tanto a directiva, xogadores e corpo técnico fixemos un curso extraordinario, de matrícula de honra e creo que estabamos facendo un proxecto ilusionante, con xogadores da zona novos e con experiencia, pero demos un paso atrás nas últimas semanas. Tamén decepcionado polo cambio de timón que se lle quere dar o equipo. Non obstante, estou agradecidísimo ao Escairón pola oportunidade que me deu.
F: Ten algo que ver esta modificiación co cambio de presidente?
AL: Quero deixar moi claro que non ten nada que ver co novo presidente. É a persoa da xunta directiva ca que teño mellor relación. Somos moi amigos e imos seguir sendo. Teño unha relación extraordinaria con todo o mundo pero hai unha idea de última hora que me sorprende e non a entendo. Desta maneira, non me vexo neste proxecto. Prefiro quedarme sen adestrar a estas alturas do ano ca non estar convencido de que facer.
F: E agora, buscará novo equipo?
AL: A estas alturas de xullo adestrar en Preferente é complicado porque todos os equipos xa teñen adestrador. A verdade que non teño ninguna oferta de ninguén nin penso nela porque ata o luns tiña a cabeza no Escairón.