*Chantada Atlético-Pol: Igualdade máxima no Sangoñedo nun choque de poder a poder. Os de Emilio García erraron un penalti na primeira metade. O pau repeleu o lanzamento de Adri. Na reanudación, Pardo tivo un testarazo para os locais e Carlitos, un balón longo para os de Fernando Corredoira.

*Castro-San Roque: Primeira alegría da temporada no Arturo Pereiro. O Castro inaugurou o seu casilleiro de triunfos ante un San Roque plano e sen profundidade. Os de Vitín dispuxeron de dous penaltis antes do descanso, transformando un deles. Na reanudación, pareceu existir unha tímida reacción visitante. Porén Fede, autor dun doblete, puxo terra de por medio co 2-0. E Play sentenciou nunha acción moi discutida por suposto fóra de xogo e que rematou co central Borja expulsado.

*Friol-Guntín: Primeiro triunfo do Friol na presente campaña, nun partido ensombrecido pola tempraneira lesión de Miguel. Un doblete de Rafa Casanova decidiu ante un Guntín que vendeu moi cara a derrota. Os de Martín fiárono todo á orde defensiva, os contragolpes e o balón parado. A piques estiveron de puntuar con esta fórmula. Sobráronlles os últimos quince minutos e a enésima obra de arte do talentoso Rafa.

*Taboada-Pastoricense: O punto de penalti foi o claro protagonista do partido. El foi o que lle deu o primeiro punto do presente curso a un Taboada que quedou coa sensación de conquerir un premio menor. Igualou o tanto inicial do Pastoricense dende os once metros. E fíxoo coa mesma medicina antes do tempo de lecer. Na reanudación, a posesión dos de Manu non se transformou en goles. E os de Fran Veiga, cunha soberbia defensa, levaron un empate da Medela.

*Lourenzá-Outeiro de Rei: Un Outeiro de Rei moi sólido tardou máis dunha hora en derrubar a defensa numantina do Lourenzá. Os de Diego Rego, lonxe de virse abaixo con dous goles case consecutivos encaixados, tiraron de coraxe. Impuxeron a súa lei nos últimos vinte minutos e rescataron un punto no tempo de prolongación. O primeiro da temporada.

*Riotorto-Folgueiro: Táboas con sendos dobletes de Pablo Ruiz e Oki. O Folgueiro adiantouse cun soberbio e lonxano lanzamento de falta. A resposta dos de Suso Orxás, chegou a balón parado. Un penalti e unha falta lateral propiciaron o 2-1 antes do descanso. Javi evitou a sentencia do Riotorto e espoleou aos mariñáns, que igualaron nunha pena máxima pasado o ecuador da segunda metade. Nos últimos minutos, Aurelio tivo unha boa oportunidade pero o marcador non se moveu máis.

*Xove Lago-Burela: Liderado para os de Jaime Méndez despois de asaltar o Municipal no derbi mariñán. Superioridade manifesta do Burela por méritos propios e polas facilidades dun rival coas liñas demasiado separadas. Os visitantes xa vencían por 0-4 antes do minuto 50, cun doblete de Jairo incluido. No tramo final, o Xove Lago mellorou ante un rival que quedou en inferioridade pola expulsión de Julio. Os de Bruno maquillaron o resultado cun golazo de falta de Rubio e outro tanto de Juanjo Coello no desconto. No Xove, agardan pola evolución das lesións de Charly e Alberto.

*Monterroso-Atlético Escairón: Derbi e trofeo das festas para o Atlético Escairón. Os de Montoto puxeron fin á condición de invicto do Monterroso. Os de Óscar Méndez adiantáronse no marcador cun tempraneiro gol de Lorenzo. Os do Saviñao comezaron a crecer dende o balón parado. Iso sí, a remontada chegou nun cuarto de hora final de idas e voltas. De opcións para ambos conxuntos. Pandiani igualou e Toti firmou o tanto do triunfo dentro dun desconto de doce minutos.

*Santaballés-Chantada: O cadro de Juan Rodríguez adiantouse por dúas veces ante un Santaballés que firmou unha gran posta en escea. O Chantada puido matar o encontro na segunda metade. Fallou tres claras oportunidades e deixou con vida aos chairegos. Álex Novás liderou a ofensiva branquiazul e guiou a remontada cun gol propio e outro do seu compañeiro Dani San. Primeira derrota dos do Sangoñedo nesta temporada.

Comparte
                                             

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*