Tarde ou cedo tiña que chegar. Fose nunha categoría existente ou nalgunha inventada que polo momento non se sabe exactamente cal será a súa utilidade. Pero o certo é que estará aí. Lucía Pardo Méndez “LP” vai portar a camisola da selección española. “Viña de clase este mércores no coche con meus pais e vin que me estaban felicitando polo grupo do equipo. Entereime polas compañeiras. Covi mandou a primeira mensaxe”, apunta a xogadora de Outeiro. “Sempre soñas con iso, pero nunca pensei que ía pasarme a min. Nunca me centrei niso. Cáusame sorpresa. Ademais porque o resto das compañeiras convocadas son de equipos fortes”.

A convocatoria é para a recén creada selección absoluta promesas. Dende a Federación din que é unha ponte entre a sub-19 e o cadro absoluto. Aínda que nestes momentos existe tamén unha selección sub – 20. Comunican que o funcionamento será como o dun primeiro equipo e un filial. Haberá sesións de adestramento simultáneas e incluso poderían xogar partidos entre ambas seleccións. Montse Tomé será a adestradora. A primeira concentración será do 5 ao 7 de novembro. No día no que a noticia se comunicou oficialmente, LP non recibiu chamada da RFEF. “Estou moi contenta, pero sen asimilalo. De momento tampouco sei como vai ser a planificación”, salienta Lucía quen se amosa cauta ante a posibilidade de adestrar coa selección absoluta: “É o que lin. Pero non me informaron oficialmente de nada”.

LP é a primeira muller lucense convocada coa selección. Así nolo confirma Juanjo Sánchez, un dos maiores especialistas en datos sobre o equipo estatal. Nunca antes unha lucense tivera esta oportunidade. A xogadora de Outeiro vén sendo nos últimos anos unha das referentes do PM Friol. Este curso coa estrea do equipo na Reto Iberdrola (segunda división do fut fem estatal) a dimensión do conxunto friolés aumentou. “Ao ascender de categoría é máis fácil que te sigan”, comenta Lucía Pardo. O equipo ocupa a undécima posición nun grupo norte composto por 16 clubs. Na última xornada perderon a domicilio ante o Eibar. “Cada partido é dificilísimo. Nós estámolo notando moito fóra da casa. Xa se ve nos resultados. Fóra da Reigosa aínda non gañamos”, salienta.

«Fóra temos que comezar a puntuar xa»

Lucía Pardo comezou xogando ao fútbol sala en Outeiro, pasou polo Azkar e comezou ao fútbol campo na Milagrosa. Esta é a súa sexta temporada en Friol, do que, ás veces, exerce de capitá sobre o terreo de xogo. Foto: temp. 2018/2019

A campaña está sendo un reto. Nunca mellor dito. O nivel da categoría e as viaxes son os grandes cambios como destaca LP: “A temporada pasada o máis lonxe eran as dúas visitas a Cantabria. Este ano todos os de fóra son lonxe. Ao final perdes toda a fin de semana entre viaxar, xogar e volver”. Os sete puntos conseguidos na Reigosa nas sete primeiras xornadas permiten ao equipo ter unha diferenza de 3 puntos cos postos de descenso. “Eu creo que o inicio non está mal. Está claro que temos moita marxe de mellora. Na nosa casa si que somos moi fortes. E fóra temos que comezar a puntuar xa. Ademais o equipo está moi unido. Hai bo ambiente coas novas xogadoras e tamén co adestrador”, afirma Lucía.

O Friol está competindo contra equipos cunha estrutura superior e que proceden de cidades que pouco teñen que ver coa localidade friolesa. “Creo que ten moito mérito para o pobo, un sitio tan pequeniño comparado cos outros lugares cos que xogamos. Iso tamén é parte da culpa do presidente que levou ao PM Friol a onde está”.

Lucía Pardo leva catro goles no que vai de curso. Sen ser unha dianteira. No último partido na Reigosa anotou un dobrete ante o Barça B. Este domingo o conxunto adestrado por Dani Guerrero recibe na Reigosa ao Zaragoza (Domingo, 12:30h). Unha nova oportunidade para ver a LP e as súas compañeiras. Unha opción para ver xogar a unha internacional, aínda que a concentración só sexa para uns adestramentos. Ir vai coa selección española promesas, pero en Lugo xa hai tempo que sabemos que é unha realidade.

Foto de portada: PM Friol

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*