O fútbol sempre tivo moito que ver ca guerra menos mal que, salvo algúns feitos, esta relación só está presente no argot futbolístico, é dicir, na maneira de contar aquilo que sucede no balompé. E dentro desa linguaxe ten un lugar destacado o porteiro, o combatente solitario baixo paus. En El fútbol a sol y sombra, o xornalista e escritor Eduardo Galeano define así ao gardameta: «bien podría ser llamado mártir, penitente o payaso de las bofetadas. Dicen que dónde el pisa, nunca más crece el césped. Es uno sólo. Está condenado a mirar el partido de lejos. Sin moverse de la meta aguarda a solas, entre los tres palos, su fusilamiento«. Pero esa soidade na que conviven ten algo bo, fai que entre eles se unan e desa unión poidan saír cousas marabillosas.

Da idea de dous cancerbeiros con experiencia na provincia, Viusky e Javi Pita, saíu a iniciativa de organizar unha batalla de porteiros en Vilalba respaldada polo Racing Vilalbés. Nunca tal se vira na capital da Terra Chá, por iso houbo que tirar das novas tecnoloxías para saber que era iso das batallas, que modernidade querían traer estes dous a unha comarca onde as innovacións sempre chegan cun pouco de retraso.

Vendo como se presentou o día, calquera diría que obxectivo de todo aquilo era que os gardamallas tiveran unha xornada para eles, sendo os protagonistas co fin último de coñecerse, retarse (sen contas pendentes despois) e pásalo ben. O escenario non puido ser máis épico temporalmente. Choveu, nevou, venteou, saraibou e houbo que compadecerse do sol que só veu dous minutos, e claro, só puido ver unha batalla. Porque 120 segundos foi o que durou cada un dos duelos entre os 80 gardametas que non lle tiveron medo a mollarse. De Vilalba, doutros concellos da Terra Chá, do resto da provincia e mesmo dende Asturias xuntáronse en terras vilalbesas.

Máxima intensidade, dende os máis pequenos aos máis veteráns, repartidos en tres campos no artificial da Madalena. Primeiro un contra outro, despois por parellas. Dous minutos de máxima concentración, o mínimo despiste era unha vantaxe para o rival. Paradas, estiradas, balóns que se metían por entre as pernas, outros que petaban nos paus, algún que bica o largueiro; pero tamén goles pola escadra, á rentes do pau, pelotas que se van fóra, berros do árbitro contando o tempo e os ánimos dunha bancada que berraba por parroquias cando un dos seus entraba en xogo. Non obstante, o aplauso foi unánime cando saltaron ao campo catro gardamallas que fixeron batallas de exhibición. O ex porteiro do Dépor e do Lugo, entre outros moitos equipos, Dani Mallo; o ex gardamallas do Lugo e da selección española de fútbol praia, Roberto Valeiro; o campión da batalla de porteiros a nivel nacional, Javi Prieto e o cancerbeiro local, Fon Gómez encargáronse de poñerlle experiencia á xornada.

Por suposto, os campións levaron premio, pero iso xa o comprobades por aí adiante porque ante iniciativas así, ninguén perde. Algo bo debe ter ser porteiro, porque algúns sen experiencia baixo paus tamén se quixeron poñer na pel dos cancerbeiros. Búscase día para poñerlle data á segunda edición.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*