Os gardamallas están de noraboa. O próximo venres 30 de marzo é o seu día. Chegan a Vilalba as tradicionais batallas de porteiros. Unha das competicións máis atractivas e vistosas para este gremio cheo de sufridores. Gran parte de culpa de que isto suceda tena o Rácing Villalbés. E, en especial, dous homes. O gardián do primeiro equipo Javi Pita e o seu homónimo Javier Ares Díaz ‘Viusky’. Dende Futbolinlugo quixemos coñecer máis sobre esta iniciativa. Por iso, deixámosvos a conversa que tivemos con Viusky.

-FUTBOLINLUGO: Boas Viusky! Como se vos ocurriu todo isto das batallas entre porteiros?

-VIUSKY: Era un idea que xa tiñamos en mente dende varios anos atrás, xa co anterior adestrador de porteiros Adrián. Algún ano había que facela e nunca a levamos á práctica. É unha idea bastante coñecida. Empezaron con Soloporteros. Tiveron bastante aceptación. E agora imos facela nós, nun escalón máis baixo, con inscripcións máis baratas.

-FIL: Qué tedes pensado? Cal é a vosa proposta?

-VIU: Imos facer batallas todo o día, mañá e tarde no campo de herba artificial da Magdalena. Individuais e por parellas. Estamos traballando para que haxa algunha exhibición de xente que xa competiu anteriormente. Pero está no aire.

-FIL: Imaxinamos que os gardamallas dividiranse en categorías, non?

-VIU: En principio imos facer cinco (sub12, sub15, sub18, sénior e feminina). Queriamos abrir máis categorías pero viámonos no problema de ao mellor ter que xuntar ou unificar algunhas. Se temos moita demanda de xente e boa acollida, aínda estamos a tempo de dividir categorías que che comentaba. Ese é un proceso mais fácil e entendible.

-FIL: Comentabas antes que o prezo é máis barato do que acostuman este tipo de eventos…

-VIU: Antes do 18 de marzo os sub16 pagan 10 euros e a tarifa normal é de 15 euros. Se o colles máis tarde, sempre antes do 27 de marzo, serían 20 euros en tarifa normal e 15 para os sub16. Ademais, os xogadores que pertenzan ao Rácing Villalbés terán un desconto de 3 euros. Para as batallas por parellas, é requisito previo apuntarse nas individuais. Se se cumple con iso, o prezo é de 5 euros máis por participante.

-FIL: Por curiosidade, qué premios terán os vencedores?

-VIU: Haberá premios para os ganadores por categorías, regalos e sorteos. Ademais dunha camiseta conmemorativa da batalla. Todo vai ir en base ao nivel de inscripcións.

-FIL: Esta batalla semella un bo guiño a un dos gremios máis olvidados…

-VIU: Na provincia de Lugo non hai nada de porteiros. Fai uns anos Óscar Seijas fixo un Campus na Milagrosa con batallas.  O Lugo parece que vai recuperar o Clínic que comezou o ano pasado. O noso obxectivo é facer unha batalla cos máximos porteiros posibles. Xuntarnos, disfrutar e compartir. Os porteiros entre nós entendémonos.

-FIL: Esta batalla é só unha das moitas iniciativas do Rácing Villalbés a nivel social. Parece que o clube está potenciando moito este aspecto nos últimos tempos…

-VIU: Á xente que está dentro do clube gústalle traballar, non se acomoda. Gústalle dar vida ao clube. Se só nos basamos en adestrar e competir non chega. Hai que dinamizar ao pobo e crear cousas para darse a coñecer.

-FIL: Antes de rematar, gustaríache engadir algo máis?

-VIU: Eu creo que os porteiros estaban demandando isto. Non deben ter medo a vir, que algúns teñen medo ao ridículo. Que veñan cun amigo e participar no de dobles. Que veñan tamén os ‘porteiros frustrados’, que se disfracen e veñan -bromea-. E logo, simplemente dar as grazas aos nosos colaboradores: Azero Guantes, Concello de Villalba, Conlosguantespuestos e A Pravia.

 

Un último apunte. Estade atentos ás nosas redes sociais. Sortearemos unha inscripción gratuita no noso Facebook e outra no noso Twitter. Pronto coñeceredes as condicións para participar!

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*