A temporada 2017/2018 na Primeira Galicia xa está en fase de engrase, sobre todo despois de coñecer o calendario da categoría. Trinta e catro xornadas de emoción e ilusión por competir no apaixoante grupo lucense que quedou confeccionado para esta campaña. A competición arrincará a primeira fin de semana de setembro para rematar o vinte de maio.

A primeira xornada xa comeza a deixar duelos a priori interesantes. Por un lado está xa o primeiro derbi da Mariña que desputarán o Xove Lago e o Valadouro. O Monterroso que se quedou ás portas do ascenso na campaña pasada recibe a un renovado Lemos despois de descender de Preferente. Entre os destacados tamén se atopa un partido de recén descendido entre un que vén dun ascenso, o Sarriana – Ferreira.

Os dous primeiros clasificados ascenderán á Preferente

Os partidos irán gañando alicientes conforme se vaian desputando as xornadas, aínda así, cómpre marcar algunhas datas que teñen xa dende un principio algún atractivo. Na segunda xornada haberá un clásico provincial, o Lemos Sarriana (a volta polo 21 de xaneiro). Ademais revivirase un partido que levantou paixóns a pasada campaña entre o Riotorto e o Monterroso (xogaron as semifinais de Copa) e o Xove Lago xogará o segundo derbi consecutivo, desta volta ante o San Ciprián.

 

Para a fin de semana do 17 de setembro está previsto a ida dun dos duelos da Terra de Lemos: Ferreira – Lemos. A primeira fin de semana de outubro chega cun duelo de altura, o Chantada – Taboada (a volta o 18 de febrero). Na seguinte xornada un novo encontro de proximidade: Páramo – Sarriana.

O Monterroso mantivo o soño do ascenso ata a penúltima xornada e quedou subcampión da Copa

A semana do 29 de outubro coindirán dous derbis mariñáns: Valadouro – San Ciprián e Xove – Foz. Na décimo segunda xornada un novo duelo das Terras de Lemos: Bóveda – Ferreira. Algo que se repitirá a última fin de semana de novembro co Lemos – Bóveda, que tamén contará cun interesante Riotorto – Pastoricense.

Na antepenúltima xornada producirase un reencontro. O San Roque visita ao Páramo onde adestra o ex-preparador da entidade da capital lucense, Piru. E para a penúltima que coincide antes do parón de Nadal e na segunda volta na fin de semana do 13 de maio outros dous duelos de altura: o Santaballés – Xermade e o Pontenova – Riotorto. 

 

 

Festas e partidos

Todos sabemos o que representan as festas para un pobo da xeografía lucense, e se ese día coincide cun encontro prodúcese unha dobre lectura. Obriga a un maior control por parte de quen ten que xogar, pero o propio partido convértese nunha actividade máis da feira ou da festa que se celebre. Guiándose polas datas das festas deste ano e supoñendo que a manteñen para o ano que vén, aí vai o máis destacado:

Festas na Pastoriza a primeira fin de semana de setembro: Pastoricense – Xermade

Festa das Feiras na Pontenova a primeira fin de semana de outubro: Pontenova – San Roque

Festa do Mel no Valadouro o 7-8 de outubro: Valadouro – Lemos

Festa do Berberecho en Foz o 21 de xaneiro: Foz – Taboada

Feira do viño en Chantada a fin de semana do 11 de marzo: Chantada – Pastoricense

Festa do Ourizo en San Cibrao o 18 de marzo: San Ciprián – Valadouro

Feira do Ferro en Riotorto polo 15 de abril: Riotorto – San Roque

Feira Medieval en Monforte o 15 de abril: Lemos – Pastoricense

Pódese consultar o calendario completo pinchando aquí: Primeira-Galicia

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*