No mundo do fútbol xa se sabe que as sorpresas poden chegar en calquera momento. Hai algo máis dun mes polo barrio da capital lucense de San Roque celebraban un ascenso histórico a Primeira Galicia con Rubén Sanjurjo, «Piru» como guía dun cadro de xogadores comprometido. Despois de dous ascensos en tres anos o club toma a decisión de non renovar ao técnico, cando todo apuntaba a que ía seguir e Piru xa estaba traballando de cara a vindeira temporada. Ante o desconcerto que pode supoñer unha acción inesperada, Piru fala de como se sente e pon por diante a un cadro de xogadores polo que pide que poidan xogar na categoría que se gañaron no campo.

Futbolinlugo: Como foi a comunicación de que finalmente non seguías no San Roque?

Piru: Non mo esperaba. O xoves quedamos para adestrar e facer unha foto todos de equipo que non tiñamos. Cheguei pola tarde e comunícanme que se acaba a temporada e que toman a decisión de que non podemos seguir xuntos.

Futbolinlugo: A túa idea ata ese momento era seguir no equipo?

P: Eu comunicáralle ao club hai tres semanas que tiña ofertas, pero que se seguía traballando en Primeira Rexional ía ser no San Roque. Eles sabían que a miña idea era seguir e que rexeitara ofertas por ese motivo.

Futbolinlugo: Déronche algunha razón?

F: Eu espero que a verdadeira razón se vaia sabendo ao longo destas próximos semanas. Eu máis ou menos seina. Creo que é unha decisión tomada dende fóra do club, pero tampouco quero falar. Acepto a decisión e se o fai é porque ogallá veña algo mellor que lles permita seguir medrando. Isto é fútbol e nos 20 anos que levo xa non me sorprende nada. Ogallá poidan tamén formar esas categorías de fútbol base que tanto tempo levan buscando ter. E que lles vaia fenomenal, pola miña parte tampouco poido dicir nada máis.

«Tiña dúas incorporacións pechadas»

Futbolinlugo: Xa estabas traballando na confección do cadro de xogadores para o ano que vén?

P: Si, xa tiña falado con algún xogador. Dúas incorporacións pechadas que se ían incorporar se eu seguía e estaba a punto de confirmar outras tres. Deste xeito o número de futbolistas quedaría xa case pechado.

Piru marcha agradecido cun cadro de xogadores ao que non había que reprocharlle nada como dixera cando quedaran campións

Futbolinlugo: O tema das fichaxes corría da túa conta?

P: Nos tres anos que levo aquí, eles nunca se meteron en nada deportivo. Sempre me deixaron liberdade para decidir as altas e as baixas. Dúas horas despois de conseguir o ascenso, o presidente díxome que eu ía seguir no club ata cando eu quixese seguir. Entón a miña idea era ir confeccionando o cadro de futbolistas.

Futbolinlugo: E agora o teu futuro? Segue habendo algunha oferta?

P: Estes días quería desconectar bastante. Hai tres semanas si que tiña cousas que pechei. E agora os equipos moitos xa cerraron aos adestradores. Hai algo pendente, pero aínda non me sentei a valorar nada.

«Atópome con máis ganas de adestrar de cara a temporada que vén»

Futbolinlugo: A túa idea é atopar equipo ou tomar un ano sabático?

P:O do ano sabático entraba dentro dous meus plans antes de decidir continuar. Cando acaba unha temporada sempre te plantexas a opción do ano sabático. Pero sinceramente, agora mesmo, atópome con máis ganas de adestrar de cara a temporada que vén. Non sei se vai ser agora ou en decembro.

Futbolinlugo: Quedaste con algo en especial destes anos?

P: Co que me quedo de todo é coa reacción dos xogadores. Voume coa conciencia moi tranquila e ca cabeza moi alta. Con eses abrazos sinceros que me deron e ver xoogadores de 30 anos soltando esas bágoas sinceras e o que me da ánimo para seguir. Todo me foi de cara estes tres anos (dous ascensos, dous campionatos) e no último momento tocoume o lado máis complicado para un adestrador. O dito, a miña conciencia vaise moi tranquila porque hai tres anos o equipo estaba en Terceira e creo que poucas persoas o querían adestrar; agora seguro que non lle faltan pretendentes. Cabeza arriba e os xogadores que disfruten a Primeira Rexional. Merécense estar nesa categoría. Agardo que os futbolistas que realmente queiran seguir que se lles deixe disfrutar da categoría que gañaron no campo este ano.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*