Este xoves sorteouse o almanaque da primeira fase da nova Terceira Galega. A sede da Real Federación Galega de Fútbol en Compostela foi o lugar onde se desenvolveu o sorteo. A competición comeza a finde das San Lucas cun formato renovado. Os tres representantes lucenses están encadrados no subgrupo 1A. A primeira fase do campionato consta de 22 xornadas. A data prevista de finalización é do 21 de marzo, cadrando co inicio da primavera.

Nun mes chega o primeiro derbi lucense oficial da temporada:

Polvorín – SD Fisterra
Arzúa – Racing Vilalbés
Viveiro – Agrupación Estudiantil

Na primeira xornada vai debutar na casa o Polvorín. Farao ante a SD Fisterra que estrea categoría logo do seu ascenso. Pola súa banda, o Racing Vilalbés visitará o campo do equipo revelación do que se xogou no curso pasado. Xogará no Viso ante o Arzúa. O Viveiro retorna á Terceira debutando en Cantarrana. Enfrontarase ao Agrupación Estudiantil. O equipo aparece con este nome designado da Federación, aínda que chegou a un acordo co Vista Alegre de Santiago e xogará os seus partidos nesta parroquia urbana da capital de Galicia. Un proxecto tamén novo que se porá a proba en terras viveirenses. A segunda volta comezará co ano. Xogarase a fin de semana do dez de xaneiro.

Marcos González continuará capitaneando ao filial do CD Lugo

Na segunda xornada vai chegar xa un prato forte na provincia. Na Magdalena xogarase un dos derbis. O Racing Vilalbés recibe ao Polvorín, unha das súas materias pendentes nas últimas dúas tempadas. Dende que o filial albivermello ascendeu á Terceira División, os dous equipos xogaron tres encontros. O cadro capitalino conta os tres como vitorias. Na segunda volta esta xornada xogarase a fin de semana do 17 de xaneiro.

Na terceira xornada compensamos que o festivo do 1 de novembro cae a domingo. O motivo é que haberá dous derbis. Será a quenda do Polvorín e do Viveiro na capital da provincia. E tamén o haberá na Magdalena. O Racing Vilalbés xogará dous partidos consecutivos na casa. Enfrontarase ao CD As Pontes. Na segunda volta esta xornada xogarase a fin de semana do 24 de xaneiro. Para o derbi entre o Viveiro e o Racing Vilalbés haberá que agardar a primeira finde de decembro. Na segunda volta xogarán o 28 de febreiro.

Non obstante, os desprazamentos próximos repetiranse ao longo desta primeira fase ao dividir o tradicional grupo da Terceira División en dous. Outro dos encontros salientables desenvolverase na fin de semana do 15 de novembro. O Fabril do capitán Diego Villares xogará na Madalena. Para a primeira fin de semana de decembro (xusto pegada á Ponte da Constitución) queda o duelo de filiais da categoría. Fabril e Polvorín xogarán primeiro en Abegondo. A segunda volta queda para a última finde de febreiro.

O Viveiro volve á Terceira Galega despois de catorce temporadas

O plan é que as 11 xornadas da 1ª volta se xoguen xa neste 2020. A última está enmarcada para a fin de semana do 20 de decembro. Só habería unha xornada pola semana. Cadra co 8 de decembro, festivo. O 10 de xaneiro comezará a segunda volta e xogarase todas as findes de semana ata o 21 de marzo. A partir de aí comeza a segunda fase na que resultarán claves os puntos conseguidos no primeiro tramo da temporada.

Última xornada:

Silva – Racing Vilalbés
Polvorín – Arzúa
Viveiro – Fabril

Os tres primeiros clasificados da primeira fase entrarán nunha liga polo ascenso (6 xornadas a dobre volta só contra os rivais do outro sub-grupo) da que sairán dous ascensos directos á nova Segunda División RFEF (cuarta categoría despois da Primeira, Segunda e Primeira RFEF). Do cuarto ao sexto de cada sub-grupo inicial sairán (tamén nunha mini liga de seis xornadas) dúas prazas para a promoción de ascenso (terceira fase). En ambos casos os conxuntos conservarán os puntos da primeira fase. Entre o sétimo e o último clasificado de cada sub-grupo sairán dous grupos máis -de seis equipos cada un- nos que se que pelexará por manter a categoría a dobre volta e enfrontándose tan só aos rivais do outro subgrupo. En cada un destes grupos de 6 descenderán 4 equipos.

Sen dúbida, o primeiro obxectivo dos equipos lucenses será quedar entre os seis primeiros. Destes xeito evitarían xa de primeiras calquera posibilidade de descenso.

Consulta o calendario completo da 1ª fase da Terceira: Calendario_GRUPO_1A

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*