Logo dun ano tremendamente difícil, acadando a permanencia na Preferente unha vez rematada a temporada, o Viveiro cambiou o chip. Desde o clube apostouse pola continuidade de Chusky no banco, e por darlle a alternativa a un grupo de rapaces da casa, xunto co fichaxe de xogadores experimentados na categoría. A pouco máis de dous meses para rematala liga, o tempo deulles a razón. O cadro viveirense ve máis preto o que leva moitos anos desexando: o ascenso a Terceira.
Unha das pedras angulares do proxecto é Xaime. Un líder dentro e fóra do terreo de xogo, que soubo asimilar a filosofía do Viveiro, afronta a súa segunda temporada no clube. Co obxectivo do ascenso entre cella e cella, o centrocampista de Outeiro non quere escoitar falar máis alá do encontro desta fin de semana no Carral ante o Sofán.
FUTBOLINLUGO: Segundos con catro puntos de marxe a once encontros para o final de liga. Como afronta o Viveiro este último tramo de liga? Nótase certa presión por acadar un ascenso moi buscado desde fai anos?
XAIME: A verdade é que o afrontamos con moita ilusión e confianza en nós mesmos. Para nada aquel dezaoito de xullo cando comezamos a pretemporada se imaxinaba a plantilla estar na situación que estamos a día de hoxe. Temos que saber convivir con esta presión para disfrutar e aguantar este derradeiro cuarto de temporada que nos queda por diante.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2019/03/xaime4-240x300.jpg)
FIL: O Noia é o principal rival?
X: O principal rival somos nós mesmos. Agora mesmo temos o privilexio de depender de nós mesmos. Loxicamente temos que estar atentos ao que fan os nosos rivais, pero se nós continuamos a este nivel temos a renta necesaria para chegar a final de liga coas opcións intactas.
FIL: Desde a derrota co Ribadeo o 11 de novembro tan só perdestes co líder. Cal é a clave desta racha?
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
X: Eu diría que non hai nada máis alá do traballo, o compromiso e a ilusión que ten este grupo. Por calidade estou seguro que hai plantillas con moito máis talento que a nosa, pero non creo que haxa moitas que nos superen en gañas de traballar tódolos días que temos adestramento, e iso despois refléxase no partido do domingo. Temos unha unión xogadores-corpo técnico diga de louvanza. Existe unha gran transparencia e confianza entre todo o mundo para poder falar e solucionar calquera problema. Somos un gran grupo humano.
«Somos un grupo tremendo e a calidade humana que existe no vestiario é fabulosa»
FIL: Fai un ano o Viveiro estaba máis preto da Primeira Autonómica que de seguir na Preferente. Que cambiou para que os resultados sexan tan distintos?
X: O clube deuse conta que había que apostar por unhas bases e un proxecto. É difícil acoplar un grupo cando se cambia cada ano máis da metade do plantel. Eu desde logo estou moi agradecido de terme incorporado a este clube no seu momento. Trátanme xenial e síntome moi querido.
FIL: Notas que se reflexa no terreo de xogo?
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
X: Está claro que cando todo o mundo rema na mesma dirección, cos mesmos obxectivos, e imos todos da man sempre resultan as cousas máis fáciles. Somos un grupo tremendo e a calidade humana que existe neste vestiario é fabulosa. Diría que é o cóctel perfecto para que ao final as cousas vaian polo camiño marcado.
«O encontro máis difícil é o próximo, non podemos descentrarnos e nada máis alá do que acontaza nesta xornada»
FIL: Nesta temporada moitos dos xogadores titulares cada xornada son xente da casa. Cres que por fin o Viveiro apostou pola súa canteira?
X: Eu sempre son partidario de que hai que contar coa canteira. En Viveiro hai moi boa materia prima, trabállase xenial cos rapaces e toda esa educación futbolística que traen aprendida desde nenos permite que lles sexa máis fácil ter un oco no primeiro equipo. Sempre deben ter a oportunidade de demostrar a súa valía unha vez rematen a etapa de xuvenís.
FIL: Derbi co Ribadeo no Pepe Barrera, o Noia en Cantarana e a Sarriana na Ribela. Poden ser os tres encontros máis difíciles no camiño cara Terceira no que resta de temporada?
X: O máis difícil é o deste domingo no campo do Sofán. Non podemos descentrarnos en nada máis alá do que aconteza neste próximo partido. De aquí ao final de liga tódolos partidos serán moi difíciles e complicados, xa que tódolos equipos se están a xogar algo e se non rindes ao nivel que debes calquera conxunto de Preferente ten a calidade suficiene para facerche dano e ganarche o partido.
FIL: Como se atopa Xaime no Viveiro? Aínda que é a segunda temporada no equipo xa eres un dos veteráns.
X: Os anos pasan e os números no DNI xa van sumando, así que, si que son un veterán (risas). Diría que son feliz. Está claro que cando se gaña todo é máis fácil, pero nin na temporada pasada me sentín menos querido que nesta. Neste clube o trato ao futbolista é fabuloso, fan que te sintas un profesional deste deporte, coidante moito e seguro que nunca darei agradecido o bo trato que me levan dando desde que cheguei.