#Entrevistas #Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

Xaime González Vilariño: «Teño que valorar se boto de menos o fútbol, ou non»

Os irmáns González Vilariño, Tichu e Xaime, son historia viva do fútbol provincial. Nados en Outeiro de Rei, levan anos acaparando titulares. O máis novo dos dous, Xaime (1989), foi noticia ao longo desta semana pola súa marcha do Ribadeo FC, onde xogaba por segunda temporada consecutiva.

O ex de Castro e Viveiro, entre outros, atendeu aos nosos micros para analizar a súa despedida, así como as circunstancias polas que pasa o club do Pepe Barrera.

Futbolinlugo: Por que se produce a marcha?

Xaime González: A miña situación cambiou moito desde outubro, a nivel sentimental e laboral. Dentro da empresa familiar eu dedico moito tempo, xestiono moitas cousas… e agora tocou priorizar o traballo por diante do fútbol, sobre todo nunha viaxe tan longa como ata Ribadeo. Non me gustaría deixar o fútbol, pero non podo garantizar estabilidade a nivel laboral se xogo tan lonxe da empresa. Terei que privarme do fútbol a longa distancia, de tomar algo cos amigos… mentres se estabilice a situación.



Fil: Rematarás a temporada noutro club?

XG: Non. Agora mesmo teño que valorar se boto o fútbol de menos ou non: se non o boto de menos, ata aquí cheguei. Eu levo xogando ao fútbol desde os 4 anos, para min foi unha aprendizaxe para sacrificarme, a priorización de determinadas cousas… son cousas que che da o deporte pero que despois levas tamén á túa vida fóra do fútbol.

Fil: Non lle quedan anos de fútbol a Xaime?



XG: Agora considérome moito máis un «home de negocios» que xogador de fútbol. Ademais, eu necesito un proxecto deportivo no que se adestre tres días, no que se compita… pero unha das cousas que máis me fastidia no mundo é que o meu tempo libre non se «revalorice». Non hai cousa que máis me moleste que chegar a adestrar e ser 8 xogadores, e para meterme nun equipo no que pase iso, renunciarei a xogar. Son consciente de que as circunstancias de cada club obrigan a unha adaptación por parte de todos, pero eu non estou pola labor.

Fil: Polo menos, de fútbol veterán.

XG: Non me vexo nesa tesitura agora. Por exemplo, cando fun a Pol fun coa condición de adestrar tres días e o equipo adestraba dous. Púxose un día adicional de adestramento, voluntario, e chegabamos ese día e estabamos 7… o fundametal para min é adestrar para chegar ao domingo ao 100%, e que a cabeza e as pernas vaian na mesma dirección. Se non hai traballo previo para dar o mellor en cada competición, e non podo intentar ser o mellor en cada cousa que fago, non me interesa.

«Xaime deixou o ribadeo logo de unha temporada e media no club mariñán»

Fil: Como era a situación este ano no Ribadeo?

XG: Un ano complicado, cunhas expectativas moi altas pola calidade dos xogadores, pero o que hai que valorar é por que despois de 30 xornadas estás na posición na que estás: algo mal se fai, ben a nivel grupal ou individual. Unha temporada sempre te pon no teu sitio a partir da 25ª xornada. Eramos un cadro de xogadores bastante curto, algo no que notabamos a diferenza con respecto a outros equipos, que facían cambios e mantiñan o nivel, mentres que a nós nos mermaron as lesións e as numerosas baixas.



Fil: E iso que chegou o teu irmán Tichu para xogar ao teu carón.

XG: Desde que foi o da nosa nai, eu estaba facendo o esforzo de seguir por el e polos amigos que teño dentro do equipo, pero desde decembro tiña na cabeza parar, non era eu mesmo: o traballo non me deixaba adestrar todo o que me gustaría, e eu teño que ser honesto. Non era capaz de devolverlle á directiva o esforzo que estaban facendo conmigo, aínda que o fácil fose seguir estes dous meses. O traballo actualmente pode producir imprevistos e eu levo predicando co compromiso toda a vida, polo que tería que ser o primeiro que dese exemplo.

Fil: Deu un aire novo a chegada de Pichi ao banco?

XG: Eu confío na salvación, hai talento e calidade para gañar partidos. Pero levamos meses indo con 12-13-14 xogadores aos partidos, e ves como os rivais meten suplentes que dan un aire novo, e ti manteste estirando o partido como podes para aguantalos. O que máis medo me da e que algún dos xogadores determinantes, como Asier ou Meitín, rompan e perdan o que queda de temporada… pero sei de sobra que por condicións a salvación vaise conseguir. O Barco ten un equipazo, e está na zona baixa da Preferente Sur. Creas unhas expectativas altas e vas xerando presión que vai restando confianza pouco a pouco e que pode afundir a un equipo.

En liñas xerais, cada un ten que ser autocrítico co que está facendo mal: xogadores, adestradores, directivas… e todos dar o máximo para chegar ao éxito da man.

xaime g v
O chairego Xaime, coa camisola do Viveiro.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *