Comezou a Copa Deputación de Segunda e Terceira Autonómica na súa rolda previa, e fíxoo con algunha que outra sorpresa. Analizamos cada encontro.
Iberia 2 – 2 Comercial. O conxunto de San Miguel pasou nos penaltis. Partido moi igualado nas Valgas. Os visitantes puxéronse por diante no marcador, pero o Iberia mellorou co marcador en contra e Bachir empatou a contenda no primeiro tempo. Na reanudación voltou a ser a Comercial quen desequilibrou a balanza cun tanto de Arturo, o segundo na súa conta particular. O vixente subcampión de Copa non se rendiu e acadou o empate. Na recta final Barrera reafirmou o seu bo estado de forma con respecto ao gol. Na quenda de penaltis Berni detivo tres lanzamentos.
Cabreiros 0 – 1 Guitiriz. O balón parado decidiu a eliminatoria. Encontro no que ámbolos dous conxuntos contaron con xogadores nos seus onces titulares que non teñen moitos minutos na liga. Os dous competiron ben, pero resultou decisivo o remate de Toni á saída dun córner que lle da o pase ao Guitiriz á segunda rolda. Alí enfrontarase ao Iberia, co que tamén se podería medir no play off de ascenso a Primeira Autonómica.
Goiriz 1 – Cospeito 2. As fichaxes de inverno xa rinde non Cospeito. Adiantouse o cadro visitante no Ventiño nun primeiro tempo. Non houbo excesivas ocasións de gol, pero os locais lograron empatar e dez minutos máis tarde un bo disparo desde lonxe de Samu Ferreiro decidiu o cruce. O xogador que chegou recentemente ao equipo procedente do Pol marcou os dous goles. Tamén foi da partida o gardameta Diego Elías que volveu a inscribirse no Cospeito para a recta final de liga. O Goiriz non se rendiu e pelexou polo empate ata o final. O club presidido por Cora, nunha temporada complicada, deu mostras da súa combatividade. O Cospeito xogará na seguinte rolda co Folgueiro, que pasou exento. Outra eliminatoria que se podería repetir no play off de ascenso.


Rioaveso 2 – 2 Catro Roldas. O acerto de Guille nos penaltis decidiu o derbi para o Rioaveso. Moitas baixas nos dous conxuntos que fixeron que se vira un encontro igualado. O Rioaveso, que plantexou un encontro defensivo, logrou adiantarse a balón parado nun primeiro tempo de moito fútbol directo. No segundo tempo o balón baixou máis ao céspede e en cinco minutos o Catro Roldas deulle a volta ao marcador con tantos de Carracedo e Chuchi. Amido non tardou en igualar a contenda. Na tanda de penaltis, Guille detivo dous lanzamentos e o Rioaveso enfrontarase á Comercial B na vindeira rolda.
Mondoñedo 3 – 2 Fonsagrada. O Mondoñedo castigou os erros defensivos visitantes. Dominio total da Fonsagrada nos primeiros intres de partido que lle serviu para adiantarse no marcador cun gol de David. O Mondoñedo reaccionou pouco a pouco e foi quen de contrarrestar o fútbol do cadro visitante e Jacobo igualou desde o punto de penalti. Na segunda metade os de Isra sairon mellor e déronlle a volta ao marcador cun tanto en propia porta. Foron os mellores minutos do Mondoñedo, que contou con varias ocasións de gol. Nun balón aéreo Igor igualou para a Fonsagrada, pero co tempo xa cumprido o Mondoñedo roubou o balón na área rival e Romay sentenciou. Na seguinte rolda os mindonienses enfrontaranse ao Alfoz nun encontro entre dous clásicos do fútbol mariñán.
Cazás 2 -1 Roupar. O derbi xermadino queda na casa. Encontro de ritmo lento nunha primeira parte moi parella. Juan adiantou moi cedo ao Cazás e o Roupar quedou con dez pola expulsión con vermello directo de Esteban. Na segunda metade o cadro local controlou o encontro e Juan, á saída dun córner ampliou diferencias no marcador. Álex Fresco meteu de novo ao Roupar no encontro ao transformar un penalti, pero nos últimos intres non se viron ocasións claras de gol. Na seguinte rolda o Cazás enfrontarase ao Racing Vilalbés B.

Nuevo Nausti 2 – 3 Celta Barreiros. Os mariñáns atopan na Copa a vía de escape a unha difícil temporada. Encontro igualado no que o cadro chairego logrou adiantarse por medio do seu goleador Juan no primeiro tempo. Os goles e as ocasións chegaron despois do descanso. Jhoseba empatou para o Celta Barreiros e a falta dun cuarto de hora para o final Goyos poñía en vantaxe aos mariñáns. O Nausti trocou de sistema co marcador en contra e foi quen de igualar cun tanto de Héctor xa moi preto do final. Pero na derradeira acción do encontro Jhoseba fixo doblete e deulle o pase a un Celta Barreiros que se medirá ao Castro B na seguinte fase.
Friol B 0 – 1 Xermade. Os visitantes trasladan á Copa o seu bo momento en liga. O Xermade acudiu en cadro á Reigosa e mesmo tivo minutos como xogador de campo o gardameta Juan Bellas. Aínda que no primeiro tempo non se viron ocasións claras os visitantes lograron adiantarse cun gol de Pedro Coria. Na segunda metade os de Bruno Castro buscaron o empate, pero non estiveron atinados. O Xermade puido sentenciar nos últimos intres. Na seguinte rolda visitará o Municipal o Meira.
Celeiro 0 – 4 Meira. O Meira impón a súa condición de líder en Trasvías. Vinte minutos de claro dominio visitante ao comezo do encontro, no que o Celeiro non foi quen de atopar o seu fútbol diante do líder do grupo norte de Segunda. Panchi e Jesús puxeron en clara vantaxe aos de Labrada. O Celeiro mellorou e puido recurtar diferencias antes do descanso. Os de Martín Rodríguez reclamaron un penalti sobre Payu, que tivo que ser sustituido logo do encontronazo co porteiro rival. Na segunda metade de novo Panchi e Seixosmil completaron o triunfo meirego.
Abadín 2 – 4 Muimenta. O Muimenta non sentenciou ata o final. Jairo adiantou aos visitantes no primeiro minuto de xogo cun gran gol e o Abadín non tardou en igualar cun tanto en propio porta. Antes do intermedio, Edu puxo de novo por diante ao Muimenta cun golazo de falta directa. No segundo tempo o Abadín volveu a igualar a contenda cun tanto de Carra ao que o Muimenta reaccionou de contado por medio de Julio. O cadro local buscou o empate ata o final, pero este non chegou. Xa co tempo cumprido un tanto de penalti de Seijas deulle a tranquilidade aos de Basi, que se verán as caras co Candelaria na seguinte rolda.

Sporting Lucense 3 -2 Becerreá. O Sporting Lucense remontou dous goles para seguir vivo na Copa. Entrou moi ben o Becerreá ao encontro. Na primeira media hora veleulle para poñerse con dous goles de vantaxe no marcador. Pero en seis minutos, antes do descanso, o Sporting Lucense foi quen de igualar. No segundo tempo o Becerreá buscou o tanto do triunfo e os locais insistiron á contra. Nos últimos intres Jul, que fixo un hat-trick, deulle a vitoria ao Sporting Lucense. Na seguinte rolda visitarán o campo do Corgo.

Milagrosa 2 – 2 Brollón. A quenda de penaltis dalle o pase á Milagrosa. Encontro moi disputado a pesar de que o Brollón se adiantou moi rápido. Marcou Maza logo dunha boa xogada de Damián. Cumprida a media hora de xogo a Mila foi quen de igualar cun gol de Seijas a balón parado. Antes do intermedio o cadro local deulle a volta ao marcador logo dun penalti transformado por Álex. No segundo tempo o gardameta César mantivo con vida aos visitantes. A expulsión de Mario deixou á Milagrosa con dez e Damián empatou nun bo lanzamento de falta. O acerto na quenda de penaltis deulle o pase á Milagrosa, que xogará a seguinte fase no campo do Monterroso B.
Monterroso B 3 – 3 Carballedo. O filial monterrosino remontou e gañou nos penaltis. Comezou mellor o conxunto local, que se adiantou cun gol de Coto logo dunha boa combinación con Yoni. Ámbolos dous equipos contaron con ocasións para marcar, pero foi o Carballedo quen logrou a igualada cun gol de Heber. Na segunda metade os visitantes tiraron de efectividade e lograron dous goles de vantaxe, o primeiro logo dun erro do gardameta local e o segundo obra de Fran ao aproveitar un balón morto na área. O filial monterrosino non se veu abaixo e foi quen de igualar nos últimos dez minutos. Omar recurtou diferencias desde o punto de penalti e Coto, o mellor dos locais, xa co tempo cumprido recurtou a Sementa e definiu logrando a igualada. O técnico local ao ‘estilo Van Gaal’ trocou de porteiro para a tanda de penaltis e Paquito resultou decisivo parando o último lanzamento.
Palas 1 – 2 Ferreira. Enríquez dalle o pase ao Ferreira no desconto. O Ferreira foi superior no primeiro tempo. Os de Pantón tiveron varias ocasións claras de gol diante dun Palas que achicaba auga como podía. Pero cando máis apretaban os visitantes, foi o Palas quen se adiantou no marcador. Álvaro, cun disparo desde fóra da área adiantou aos de Brais Vázquez. Non durou moito a ledicia nos Chacotes. Na seguinte xogada Ivi igualou para o Ferreira. Antes do intermedio o Palas quedou con dez pola expulsión do gardameta Yoni logo dun choque con Samba. Sen gardameta suplente o central Viña xogou de porteiro o segundo tempo. O Palas defendeu no seu campo e saiu á contra con certo perigo. O Ferreira non foi quen de inquedar no segundo tempo. No desconto o colexiado sinalou un penalti moi discutido e Enríquez non perdoou desde os once metros. Na seguinte rolda o Ferreira visitará ao Sober.
Bóveda 2 – Sober 3. O Sober prolonga na Copa a súa boa xeira ligueira. Primeiro tempo de dominio visitante, que se traduciu con dous goles de vantaxe para os de Iban Lagoa. Welli fixo o primeiro moi cedo e o goleador Martín puxo terra de por medio preto do descanso. No segundo tempo o Bóveda buscou recurtar diferencias e logrouno aos vinte minutos de xogo, pero o Sober logrou o terceiro e o encontro parecía sentenciado. Malia todo nos últimos intres o Bóveda deulle emoción cun gol de Lay.
Quiroga 5 – 0 Relámpago Taboada. A efectividade marcou a diferencia. O cadro local impuxo a súa pegada diante dun Relámpago Taboada que prantou cara a un recén ascendido Quiroga. Os visitantes tiveron o control do partido durante varias fases e contaron con ocasións claras que non foron quen de culminar, en boa medida pola boa actuación do gardameta quirogués. Dous goles de Sergio Pollo e un de Gachan deixaron o encontro visto para sentencia no primeiro tempo. No segundo tempo Pincha e Manu completaron a goleada. O Quiroga visitará ao Rubián na seguinte rolda.
Paradela 1 – 1 Rio Sil 1. Os penaltis deciden nun bo encontro dos visitantes. Encontro aberto con bastantes ocasións. O Paradela adiantouse no primeiro tempo cun gol de Jose Manuel. Isma empatou xa no segundo tempo. O conxunto soberino deixou unha gran imaxe no Gandarón e a pesar da súa mala situación clasificatoria na liga demostrou do que é capaz nun dos campo máis difíciles da Segunda. Con todo, non tivo acerto na tanda de penaltis o e Paradela avanza á seguinte rolda, onde se medirá co Taboada B.
Santa Comba 1 – 0 Chantada B. Un gol de Sergio decide a eliminatoria para o cadro local. Encontro condicionado polas numerosas baixas nos dous conxuntos. O Chantaba B comezou mellor, áinda que sen xerar moito perigo. O Santa Comba foi quen de estrelar un balón no pao antes do descanso. Na segunda metade os chantadinos baixaron fisicamente e o cadro local aproveitouno para xerar varias situacións de gol. Fino avisou cun disparo ao pao e pouco despois Sergio cunha boa volea convertiu o que sería o único tanto do encontro. Os de Ángel Merino recibirán ao Incio na vindeira eliminatoria copeira.
Lemos B 3 – Oural 3. O acerto nos penaltis e as paradas de Julián meten ao Oural en dezaseisavos. Non se viu un gran encontro, en cambio si moitos goles. Colón abriu a lata para o Oural, tanto co se chegou ao descanso. Na segunda metade Fagín logrou empatar para o filial monfortino, pero os visitantes moi efectivos á contra lograron dous tantos máis que semellaban sentenciar o encontro. Pero na recta final o Lemos B logrou igualar un partido que tiña moi costa arriba. Na tanta de penaltis, o gardameta Julián con dúas paradas resultou fundamental para o Oural. Na seguinte rolda os de Negrete recibirán ao Guntín.
Guntín 0 – 0 San Lázaro. Neira seguiu sendo o da liga. Encontro con moito respecto e poucas ocasións de gol. A eliminatoria decidiuse nos penaltis onde os gardametas foron os protagonistas, especialmente o local Neira, que detivo dous lanzamentos.
Páramo 3 – 0 Friol. A boa segunda metade do Páramo, decisiva. Encontro igualado na primeira metade. O Friol tivo a ocasión máis clara que salvou Miguel sobre a liña. Na segunda metade o Páramo foi superior e realizou unha boa presión en campo rival que deu os seus froitos. Así chegou o primeiro tanto, obra de Dani desde fóra da área. O Friol tentou a igualada, pero apenas xerou ocasións. Juan, o mellor do encontro, en dúas accións a balón parado deixou o encontro visto para sentencia. Na seguinte rolda o Páramo recibirá ao Castroverde.
Castroverde 2 – 1 San Roque. O Castroverde saca a súa mellor versión na Copa. Encontro moi serio dos de Fran Veiga, que superaron ao San Roque no primeiro tempo, no que os capitalinos estiveron faltos de intensidade. O Castroverde defendeu ben o xogo directo proposto polos de Diego Díaz e foron quen de adiantarse nunha xogada que naceu desde a defensa e que rematou Ángel. Antes do intermedio o San Roque logrou o empate cun golazo de Jano desde fóra da área. No segundo tempo, o Castroverde logrou o tanto do triunfo por medio de Carlos. Os visitantes tiveron máis o balón, pero non xeraron ocasións claras.
