Ante a ausencia de xornada na Terceira RFEF, o PM Friol B era o noso máximo representante nesta última data. E impúxose a lóxica nas Eiroas. O líder Bergantiños superou a un filial amarelo, que se mantén en descenso a Segunda Galicia unha semana máis.
As de Geluco Villar, coa axuda das xogadoras en dinámica do primeiro equipo e sen Covi Regueiro, plantexaron un partido complicado ao equipo de Carballo. Pilar sostivo ás lucenses nun primeiro acto na que o Bergantiños tivo a pólvora mollada.
Na reanudación, o triple cambio local obtivo o efecto desexado. Aos dez minutos da segunda metade, as de Gueli Cotelo xa vencían por 2-0. Neylla Thymote, a mellor do filial friolés en ataque, recurtou diferenzas. Foi unha efímera ilusión. O oficio do Bergantiños pechou o encontro. E o ‘dobrete’ de Cruz Sánchez puxo a guinda noutra tarde que non será recordada polas terras do queixo e o Pan de Ousá.
O Antas desátase na reanudación e o San Roque paga unha peaxe moi cara polo seu empate na segunda galicia
Un Antas de menos a máis goleou despois do paso polos vestiarios ao Xallas. As imprecisións e interrupcións marcaron unha primeira metade sen dominador. O cadro de Dani Abelairas adiantou liñas no segundo tempo e empezou a chegar a área contraria con moita facilidade.


Nuria abriu o marcador nunha falta de longa distancia. Elisa topouse co longueiro tras outro golpeo de falta. Foi a antesala dun novo tanto de Nuria, esta vez nun rexeite. Paula e a propia Nuria pecharían a goleada.
O San Roque sumou un punto na súa visita ao Carral. Iso foi o de menos. O partido quedou nun segundo plano despois da grave lesión de Patri na escadra verdibranca. Todo fai indicar que tería roto o ligamento cruzado! No relativo ao xogo, o encontro non tivo ocasións claras. O San Roque pisou máis campo contrario co seu rival e volveuse topar cos paus.

As de Quiroga adiantáronse no marcador nunha boa acción de ataque posicional, culminada cun desmarque de ruptura de Saray. De tódolos xeitos, un erro na saída de balón propiciou o empate final. As capitalinas non lle puideron adicar o triunfo á súa compañeira Patri e agardan facelo a vindeira semana ante o Brexo Lema.

A Milagrosa mostrou unha gran actuación coral, con final infeliz ante o Cultural Maniños. Cinco minutos fatídicos penalizaron ás branquivermellas, que ofreceron unha versión mellorada con respecto a partidos anteriores.
O Chantada segue sen coñecer a vitoria na presente tempada. O equipo de Jorge González mantense no último posto da táboa despois de caer con claridade ante o Touro. O equipo de Xanzy aproveitou a falta de contundencia defensiva das lucenses. O Chantada baixou os brazos desde o 4-1 e o Touro redondeou un gran partido.
O CD Lugo B deixa os primeiros puntos do curso e o San lázaro leva o derbi das gándaras

O CD Lugo B non pasou do 0-0 inicial ante o líder da Terceira Galicia. As de Diego Rey controlaron en todo momento o choque e non concederon máis que dous balóns parados. Candela non atopou porta en dúas boas ocasións na primeira metade. E na reanudación mantívose a pólvora mollada para as albivermellas. O Bandeira perdeu tempo ante un filial capitalino que viu como Ánxela e Ainara queimaron as últimas balas sen sorte algunha. O CD Lugo B deixa así os primeiros dous puntos da tempada.
Un San Lázaro, con once xogadoras xustas, logrou o triunfo nun Derbi das Gándaras moi plano. O centrocampismo mandou sobre as ocasións. E un solitario gol de Anita bastoulle ás de Luchi para conseguir a vitoria. As da Ponte amosaron unha liña ascendente ante unha Comercial organizada e combativa a pesares de que se descompuxo algo despois do gol.
Importante remonta do Monte Forte ante un combativo Rois. A falta de gol lastrou ás de Cristian Penas na primeira metade. A cousa empeorou despois do paso polos vestiarios. Un gol a balón parado puxo o 1-0 no marcador. Tocou remar contracorrente. Paulita vestiu o chaleco salvavidas e deulle os tres puntos ás monfortinas cun ‘dobrete’ no último cuarto de hora.

O Carballedo asinou un triunfo pola mínima, moi escaso tralo visto no Castro Ventos. As de Sementa dominaron de principio a fin a un organizado EF Silleda. Dispuxeron de infinidade de ocasións para golear. Pero tiveron que conformarse cun solitario gol de Jenny á volta de vestiarios. Iso si, sempre se xogou ao que quixo o centro do campo das Guerreiras, especialmente ao ritmo marcado por Belén e Sara. Cuarta vitoria consecutiva do equipo de Sementa.
Resultados da xornada
Bergantiños 4-1 PM Friol B
Antas 4-0 Xallas
Milagrosa 1-4 Cultural Maniños
Carral 1-1 San Roque
Touro 7-2 Chantada
San Lázaro 1-0 Comercial
CD Lugo B 0-0 Bandeira
Carballedo 1-0 EF Silleda
Rois 1-2 Monte Forte

